26/01/21

DÍA DA ILUSTRACIÓN: LOLITA DÍAZ BALIÑO

Este sábado 3º de xaneiro celébrase o Día da Ilustración. Este ano, dedicado á artista multidisciplinar Lolita Díaz Baliño. Unha muller que abriu camiños enfrontando os desafíos da época que lle tocou vivir. A primeira en ingresar na RAG. 




18/01/21

CPIP VIRXE DA CELA: GAÑADOR DO I PREMIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO E A CIDADANÍA GLOBAL

 "Monferosolidario: abrindo a escola cara a transformación social desde a EPDCG", do CPIP Virxe da Cela (Monfero), é a experiencia gañadora na categoría B do I Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global.     

     A Coordinadora Galega de ONGD fai pública a resolución provisional da primeira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, un galardón co que se quere recoñecer experiencias educativas transfromadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo xusto. Nesta primeira edición presentáronse 19 candidaturas (7 correspondentes á Categoría A: Educación Infantil e Primaria; e 12 correspondentes á Categoría B: ESO, Bacharelato, Formación Profesional, Centros de Ensinanza de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas). Un xurado composto por seis persoas vinculadas ao mundo da educación, a cooperación e a Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global en Galicia avaliou as candidaturas e aprobou por unanimidade a resolución provisional do Premio.



30/11/20

COIDÉMONOS


A formación sobre a protección fronte  ao Covid ten que ser permanente, por iso desde a biblioteca queremos iniciar unha campaña de concienciación e sensibilización titulada coidémonos. 


 

O alumnado de plástica de 4º da ESO xa realizou uns carteis sobre os tres emes, para lembrarnos a protección básica: máscara, mans e metros. Está exposta no corredor da biblioteca. 


 Agora queremos convidar a toda a comunidade educativa a facer un cartel coa palabra “coidémonos”. Trátase de que cada curso faga unha letra formada por fotos do alumnado, profesorado e demais membros da comunidade educativa coa máscara posta. Tamén se poden utilizar outras imaxes relacionadas coa protección fronte  ao Covid. Sería un gran mural para colocar no patio cuberto e deixalo todo o curso. 

CaDa letra farémola nunha cartolina grande (50x60). Cada letra levará unha cor de cartolina e unha tipografía distinta. A letra formarase a base de fotografías e/ou debuxos, primando que haxa variedade de formas e cores. 

Unha vez terminada a letra hai que forrala con plástico adhesivo, non só por cuestión de limpeza, senón pola humidade do patio cuberto, convén forrar a cartolina por ambas as caras.



28/11/20

O contacontos Caxoto visitounos no día internacional da eliminación da violencia contra a muller

 O 25 de novembro é o día internacional da eliminación da violencia contra a muller, dende a Biblioteca Castelao invitamos a visitarnos ao contacontos Caxoto que nos ofreceu dúas actuacións con esta temática. Primeiramente actuou para a ESO cunha proposta titulada: "Machista eu?", despois actuou para 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria ca proposta: "Contos vellos, novos finais".

Caxoto fai unha recuperación de contos tradicionais e relatos da nosa historia que lle serviron para falarnos  do machismo que está intrincado nos nosos costumes de tal maneira que moitas veces nin tan sequera somos conscientes. Falounos dos micromachismos, que como nos dixo, de "micro", non teñen nada, pasan máis desapercibidos pero son tan daniños como a propia violencia contra a muller.


20/11/20

2O NOVEMBRO. CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NENXS

O próximo 20 de novembro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional dos Dereitos dos Nenxs. Desde Monferosolidario queremos chamar a atención sobre os millóns de nenos e nenas que seguen sen ter acceso aos dereitos máis básicos  como a educación, a sanidade, un fogar...e que teñen que abandonar os seus soños. E facemos tamén un chamamento aos gobernos para que cumpran os seus compromisos de realizar plenamente os dereitos da infancia. Hai que traballar para que todos, independentemente do lugar ou as condicións nas que nazan, teñan un futuro mellor!

Por iso o 20 de novembro todos imos ser azuis, para reivindicar e pedir aos estados que garantan os dereitos da infancia máis vulnerable. E preguntarédesvos porque azuis?, pois no seguinte vídeo podedes ver a proposta que fan os alumnos e alumnas de 3º de ESO. Animamos a todas as clases a que se unan  á nosa reivindicación e nos envíen unha foto da clase coa proposta. Con todas as instantáneas faremos un vídeo super chulo POLOS DEREITOS DOS NENXS!!!!




27/10/20

XA ESTÁ AQUÍ O SAMAÍN

 Un ano máis, chega a primeira festa do curso, unha festa que nos atrapa a todos polo misterio e a fantasía que a acompañan: O Samaín🎃👿👻

Máis este curso a celebración vai ser un pouco diferente xa que o maldito COVID-19 💀está a conseguir que non poidamos  reunirnos para facer as actividades que tanto nos gustaban, como a decoración de portas de medo, o concurso de cabazas…Aínda así, non deixamos de argallar cousas para celebrar esta data.

Desde a biblioteca Castelao propuxémosvos a creación de ilustracións con palabras que dan medo para facer unha exposición na biblioteca.  E aquí tedes as imaxes na porta de entrada, como antesala ao ceo de pantasmas devoradores de libros que pululan pola biblio.👻👻👻



Ahhhh!, e lembrade que tedes na biblio un montón de lecturas e libros de medo....medo???, quen dixo medo???. Atrévete a descubrilos!!


26/10/20

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS, DE TODAS AS BIBLIOTECAS.


A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2020. "A edición deste ano, baixo o lema 'Bibliotecas, sempre ao teu carón' céntrase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia." Trátase de poñer en valor a capacidade de seguir ofertando servizos en circunstancias tan complexas como as que estamos a vivir. As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que están sempre ao noso carón. 

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 

Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR , quere poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construciónn da  persoa lectora  a través de distintas actividades de distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa, que a ten sempre ao seu carón. 

                                                         


 


12/10/20

SAMAÍN NA BIBLIOTECA: PALABRAS QUE DAN MEDO

Samaín na biblioteca

Palabras que dan medo

Dende a biblioteca Castelao queremos convidarvos a participar nunha actividade para celebrar o Samaín.

Trátase de crear unha imaxe segundo estas instrucións:

Nun folio ou nunha lámina DIN A4, escribir unha palabra ou frase curta que provoque medo e acompañala cunha ilustración ao respecto.

A ilustración pode ocupar toda a lámina e superpoñer o texto. Tamén pode tratarse, simplemente, de unha imaxe que acompaña ao texto.

Pódese facer en sentido vertical ou horizontal.

Pódese aplicar calquera tipo de técnica, tamén se pode facer enteira por ordenador. Neste caso habería que enviala ao correo da biblioteca (biblioteca.castelao.monfero@gmail.com) para que podamos imprimila.

Todas as vosas creacións serán expostas na biblioteca.

Unha vez recibidos os traballos feitos polo alumnado podedes ver aquí un por un, o que foi a exposición na biblioteca: