22/02/19

ROSALÍA ETERNA. DÍA DE ROSALÍA

Este domingo, 24 de febreiro, lembramos a figura da nosa poeta máis universal, Rosalía de Castro, a escritora máis representativa da língua e da literatura galegas, pois asumíu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento.
Por iso, para expandir o poder da súa palabra queremos compartir este pequeno vídeo- feito polo alumnado do CPI As Mirandas de Ares- e amosar e reivindicar a esa Rosalía que, adiantada ao seu tempo, mobilizou as conciencias colectivas defendendo os dereitos das mulleres. O feito é que, sobre todo na súa pouco coñecida prosa, Rosalía foi unha abandeirada do feminismo. O prólogo de La hija del mar, un dos seus libros máis intimista, supón todo un alegato de empoderamento feminino e reivindicativo. "Porque todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben”, afirmaría no texto, publicado en 1859.
O certo é que a preocupación constante pola condición feminina impregnou a súa obra. Ela representa, en suma, o inicio da modernidade galega.

       

19/02/19

XA ESTÁ AQUI O ENTROIDO

Como pasa o tempo,parece que foi onte cando estabamos a comer turrón e xa vedes...o Entroido xa está aquí. Trocamos os doces de nadal polas filloas, as orellas, o lacón con grelos de Monfero...
Queredes saber máis sobre o Entroido en Galicia?, pois premede na seguinte imaxe e os vosos amigos os  Bolechas achegaranvos aos diversos entroidos e tradicións  de forma divertida e poñendo a proba os teus coñecementos.

https://osbolechas.gal/entroido/

Aquí tedes tamén unha estupenda Unidade Didáctica sobre o entroido.
Unidade didactica entroido de Yolanda Castro


Tamén podedes pasar pola biblioteca e  ver as nosas recomendacións de Entroido.


17/02/19

13 de febreiro, DÍA DA RADIO


O pasado venres 8 de febreiro os nenos de quinto de primaria do CPI Virxe da Cela foron de visita ao CEIP Barouta no concello de Ames.
Alí realizaron un programa de radio xunto con outros 10 nenos de dito centro, para conmemorar o Día da Radio, que se celebra en todo o mundo o 13 de febreiro.

Neste programa de radio entrevistaron a Gorka Zumeta, famoso xornalista e fotógrafo, e tamén  entrevistaron a Nazaret López, xornalista de Radio Ames.

Para o noso alumnado foi unha experiencia moi importante porque por primeira vez tiveron contacto cun estudo de radio real emitindo en directo por Radio Ames. Ademais  compartiron a experiencia radiofónica con outros nenos e nenas que tamén fan radio no seu cole..
Posteriormente, o mesmo día 13, Sergio Pascual, o noso profesor de radio, mantivo unha conversación con Carles Francino sobre o proxecto de radio CPI Virxe da Cela no programa “La Ventana” da Cadena SER. Neste programa emitiuse tamén a entrevista que os nosos pequenos reporteiros fixeron a Gorka Zumeta, responsable de “La Ventana” no pasado.