16/07/21

Quen dixo que os nenos e nenas non teñen dereito a participar en asuntos dos maiores?

Como ben sabedes, este fin de curso foi un pouco atípico. En lugar de estar enfrascados nunha festa de remate de ano académico, atopámonos buscando a maneira de plantarlle cara a Iberdrola para que non leve a cabo o seu proxecto de implantar un parque eólico na Pena do Corvo, en Monfero. 

Dende que algúns alumnos e alumnas de segundo e cuarto de primaria comunicaron os seus temores de que isto sucedera tratouse de que coñeceran o que é a enerxía eólica, os seus pros e contras e vimos que, de principio, o lugar onde os queren colocar non é o axeitado xa que actuaría negativamente nas Fragas do Eume, na conservación da súa fauna e flora; a outros niveles tamén, ao estar situados nunha zona poboada, crearían uns problemas que nos privarían do turismo e quizais influiría nun novo abandono do rural.

 Visto isto, o alumnado púxose mans á obra e apoiados polo colexio, recolléronse alegacións que se entregaron á plataforma MONFERO DI NON; fixeron carteis que permanecen pendurados na verxa do colexio..., mais estaban un pouco defraudados porque eles non podían asinar esos documentos que os adultos dicían que era tan importante presentar. Que máis poderían facer? Pois quizá enviar algunha carta? A quen? Pois afiando os lápices puxéronse a redactar unha carta para enviar a distintos ministerios pedindo que o ministro/a correspondente actuara no nome deles e defendera a súa petición.

 As cartas foron enviadas a varios ministerios. Sabemos xa que en casi todas as institucións ás que ían dirixidas as recibiron pero aínda non responderon. Quen sí o fixo foi María Teresa Ribera, a Ministra para a transición enerxética e reto demográfico... xusto a que ten nas súas mans a paralización ou non deste proxecto. 

No archivo adxunto podedes ler a resposta á carta do alumnado de 2º e 4º de EP.

 Quen di que os nenos e as nenas non poden facer nada polo seu pobo? Polo de pronto, a ministra xa sabe onde estamos, sabe canto mide o Parque Natural das Fragas do Eume e a súa importancia a nivel europeo... Esperemos que tome conciencia do paraíso que se pode estragar e sexa no consello de ministros a voz dos nenos e nenas que queren un futuro digno para as súas familias e os seus veciños.