29/11/21

EXPOSICIÓN SOBRE A INDIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR

 Desde mediados de decembro 2021 ata finais de xaneiro 2022 na biblioteca escolar do CPI Virxe da Cela poderedes visitar a colorida exposición "Proxecto School to School", en colaboración coa Fundación Vicente Ferrer. Desde hai máis dunha década a nosa escola leva realizando un intercambio cultural coa Konampalli School, unha escola da India. Ano tras ano recibimos un paquete con materiais elaborados polos rapaces e rapazas da India, onde nos amosan a súa realidade e nos explican diversos aspectos do seu día a día: a educación, a familia, a comida, o clima, a relixión, etc. O alumnado de 5º de Educación Primaria, acompañados pola súa mestra de inglés Cristina Cillero, axudaron na montaxe desta exposición.









26/11/21

O CPIP VIRXE DA CELA E O CPI AS MIRANDAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra hoxe 25 de novembro, o  alumnado dos centros escolares CPI As Mirandas de Ares e CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, realizaron un vídeo para visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa e a toda a  sociedade en xeral, sobre esta data.

Desde os nosos centros adherímonos pois, a todas aquelas iniciativas que suman esforzos e solucións á erradicación da violencia de xénero, na loita contra os malos tratos e no apoio ás vítimas e as súas familias. Apoiamos ás accións que tratan de concienciar ao tecido social e a todas as actividades educativas baseadas na formación en valores para que a sociedade avance no camiño da igualdade, no benestar común e a convivencia que todas e todos queremos.

25/11/21

EXPOSICIÓN 25N: DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 Un ano máis a Biblioteca Castelao súmase a esta data tan importante, o 25 de Novembro, para sensibilizar á comunidade educativa de importancia de erradicar a violencia de xénero. No corredor de secundaria podedes visitar esta exposición. 





28/10/21

CARAS DE MEDO: SAMAÍN NA BIBLIOTECA CASTELAO

"Caras de Medo" é unha proposta da Biblioteca Castelao en colaboración co Departamento de Plástica.  Realización de caras terroríficas utilizando materiais de refugallo (latas de bebidas) e pintando sobre elas diferentes caras e rostros que provoquen medo.  Exposición dos traballos na Biblioteca  Escolar e tamén selección bibliográfica relacionada coa temática do Halloween e o Samaín. 

 



EXPOSICIÓN DE CABAZAS: SAMAÍN NA BIBLIOTECA

Ano tras ano o alumnado e familias do CPI Virxe da Cela realizan cabazas máis sofisticadas! A vísperas de celebrar o Magosto e Samaín no noso centro podemos ver a grande variedade de propostas na decoración de cabazas! Se pasades polo corredor xusto diante da Biblioteca Escolar quedaredes abraiados coa variedade e colorido, nesta actividade que forma parte da dinamización da biblioteca.





Nesta publicación podedes ver as cabazas unha a unha:

 
 
 
Cabazas Premiadas:

Sara Prieto Souto 5⁰ EI Premio á cabaza máis “fashion”
Iago Manuel Varela Vázquez, 1º EP, premio á cabaza mellor transformada
Martín Amenedo Carballeira, 3º EP, premio á cabaza ca mellor escenificación
Hugo López Pérez, 4º EP, premio á cabaza máis arrepiante
Aroa Martínez Belda, 3º EP, premio á cabaza máis artística
Mario Prieto Souto, 1⁰ EP, premio á cabaza máis reivindicativa
Brais Díaz Domínguez, 5º EI, premio á cabaza máis elegante
Icía Seco Abeal, 3º EP, premio á cabaza máis divertida


27/10/21

TÍRALLE DA LINGUA 2021

 Queda convocado o XX Concurso de relato oral Tíralle da lingua.

Podedes ver e oír os vídeos e audios dos centros participantes o ano pasado nesta ligazón: Tíralle da lingua 2020

BASES DO CONCURSO



13/10/21

CHEGA O TEMPO DE SAMAÍN E CON EL O CONCURSO DE DECORACIÓN DE PORTAS

Chega o Samain e  con el as castañas, as caveiras de melón, os calacús, os cogumelos, os froitos de inverno; chegan as augas e mergullámonos no inverno, vaise a calor e vén o frío: son os tempos do Samaín.

E para recibir este Samaín a Biblioteca Castelao convoca o Concurso de Decoración de portas de Samaín 20201.



 BASES
  • Poderán participar todas as aulas do centro, dende Educación Infantil ata a ESO.

  • As portas deberán estar decoradas antes do 26 de outubro.

  • Poderase empregar calquera material, aínda que se valorará o uso de material reciclado.

  • A decoración será da porta da aula, podendo, no caso de ser esta de menor lonxitude, estenderse na parede ata un máximo de 2 m. de ancho.

  • A decoración deberá facerse de forma que non dane a porta e/ou a parede.

  • Poderá incluírse algún elemento externo na entrada,sobre o chan, sempre que non ocupe un espazo maior de 40cmx 40cm e non dificulte o acceso.

PREMIOS

  • Establecerase un xurado que,o día 29, durante o Magosto, anunciará as aulas gañadoras.

  • Todos/as os/as participantes recibirán un agasallo `pola participación.

  • Primaria e Secundaria: haberá un agasallo para a mellor clasificada de primaria e secundaria.



CHARLA PARA TRATAR A FENDA DIXITAL E A EQUIDADE EDUCATIVA NO RURAL GALEGO

 Araceli Macías García, educadora social en Outonía S. Coop. Galega, foi a persoa encargada de guiar e dinamizar a charla que tivo lugar no noso centro o pasado venres 8 de outubro de 2021. Catro representantes do ámbito educativo (directora, orientadora e dúas docentes), dúas nais da ANPA e dúas persoas da administración local (unha do concello de Irixoa e outra do concello de Monfero) debatiron sobre a situación actual e a necesidade de acadar solucións ao problema da fenda dixital para poder garantir a equidade educativa no rural galego. Esta actividade forma parte dunha iniciativa da ONG Axuda en Acción, co apoio e finanzamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, para elaborar un informe diagnóstico. 







29/09/21

A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA

 

O lema  e o cartel elixido para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2021/202  é  A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA”, lema que quere poñer o foco na palabra e a oralidade. 

Os textos escritos e as producións audiovisuais que ofrece a biblioteca en obras de ficción ou de información axudan ao alumnado a medrar donos da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento, imaxinación, beleza e coñecemento. Mais tamén, as  bibliotecas escolares son espazos sociais de encontro que promoven e facilitan o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, os recitais, a lectura en voz alta, os clubs de lectura… Estas propostas son oportunidade para que o alumnado "tome a palabra" e avance no dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia. 

Na súa constante e natural evolución, as bibliotecas escolares acolleron a nova oralidade secundaria, que promove a comunicación a través dos medios. Programas como Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Biblioteca Inclusiva, abriron as portas a unha oralidade máis formal en forma de podcasts, audiolibros, espazos de coloquio e expresión, facilitando recursos e oportunidades para a adquisición de habilidades e competencias comunicativas de amplo espectro, pois en tempos de comunicación dixital fanse imprescindibles estas competencias básicas: unha expresión oral rica e coidada e unha interpretación o máis axustada posible dos textos orais dispoñibles. 

A Biblioteca Escolar ten a palabra é tamén unha proposta para a recuperación da tradición oral como unha forma de achegar o alumnado ás raíces da cultura na que medra, facilitándolle así as claves para acceder ao rico patrimonio inmaterial galego que ten dereito a coñecer, gozar e darlle continuidade. 

13/09/21

BENVID@S A UN NOVO CURSO (2021-22)

 

Comezamos un novo curso académico (2021-22). Agardamos que veñades con moita forza e ilusión ao igual que nós.

 Alá imos! Benvidos e benvidas!!


16/07/21

Quen dixo que os nenos e nenas non teñen dereito a participar en asuntos dos maiores?

Como ben sabedes, este fin de curso foi un pouco atípico. En lugar de estar enfrascados nunha festa de remate de ano académico, atopámonos buscando a maneira de plantarlle cara a Iberdrola para que non leve a cabo o seu proxecto de implantar un parque eólico na Pena do Corvo, en Monfero. 

Dende que algúns alumnos e alumnas de segundo e cuarto de primaria comunicaron os seus temores de que isto sucedera tratouse de que coñeceran o que é a enerxía eólica, os seus pros e contras e vimos que, de principio, o lugar onde os queren colocar non é o axeitado xa que actuaría negativamente nas Fragas do Eume, na conservación da súa fauna e flora; a outros niveles tamén, ao estar situados nunha zona poboada, crearían uns problemas que nos privarían do turismo e quizais influiría nun novo abandono do rural.

 Visto isto, o alumnado púxose mans á obra e apoiados polo colexio, recolléronse alegacións que se entregaron á plataforma MONFERO DI NON; fixeron carteis que permanecen pendurados na verxa do colexio..., mais estaban un pouco defraudados porque eles non podían asinar esos documentos que os adultos dicían que era tan importante presentar. Que máis poderían facer? Pois quizá enviar algunha carta? A quen? Pois afiando os lápices puxéronse a redactar unha carta para enviar a distintos ministerios pedindo que o ministro/a correspondente actuara no nome deles e defendera a súa petición.

 As cartas foron enviadas a varios ministerios. Sabemos xa que en casi todas as institucións ás que ían dirixidas as recibiron pero aínda non responderon. Quen sí o fixo foi María Teresa Ribera, a Ministra para a transición enerxética e reto demográfico... xusto a que ten nas súas mans a paralización ou non deste proxecto. 

No archivo adxunto podedes ler a resposta á carta do alumnado de 2º e 4º de EP.

 Quen di que os nenos e as nenas non poden facer nada polo seu pobo? Polo de pronto, a ministra xa sabe onde estamos, sabe canto mide o Parque Natural das Fragas do Eume e a súa importancia a nivel europeo... Esperemos que tome conciencia do paraíso que se pode estragar e sexa no consello de ministros a voz dos nenos e nenas que queren un futuro digno para as súas familias e os seus veciños.

14/06/21

GAÑADORES DO CONCURSO DE MICRORRELATOS 2021

 

Os gañadores  do Concurso de Microrrelatos 2021 son:

Categoría A:

1º Premio: Nuno González Pérez, de 5º de EP, polo seu microrrelato titulado: “O desconfiado”

Accésit: Iria Lence Porca, 1º ESO, polo seu microrrelato titulado: “Non hai colexio”

Categoría B:

1º Premio: Cristina Vázquez Pérez, 4º ESO, polo seu microrrelato titulado: “Quédate”

Accésit: Ariadna Díaz Tondo, 4º de ESO, polo seu microrrelato titulado: “Pintores”

O martes 22 faremos a entrega de premios.

Parabéns aos premiados e grazas pola vosa participación

27/05/21

Graffiti de Iria Fafián

 Nesta semana o alumnado de 4º da ESO tivo a sorte de recibir unha clase maxistral de graffiti da man de Iria Fafián, unha ilustradora nada en Cataluña e crecida en Galicia.

Tres días foi o que esta artista e máis a súa alumna en prácticas necesitaron para poñer en marcha o proxecto que foi organizado a través do departamento de Plástica.

O que comezou por un pequeno bosquexo nun papel  acabou converténdose nun mural marabilloso co que todos e todas quedaron encantados.

Os rapaces e rapazas de 4º ESO puideron observar e participar no deseño dende o primeiro momento. Aprenderon cousas tan cruciais no graffiti como a imprimación, a complexidade dos trazos e, por suposto, os detalles finais. Ver a evolución do debuxo foi impresionante ! É todo un orgullo para nós poder ter unha obra de arte na porta do noso cole. 

 

 

21/05/21

Letras galegas e maios. "Creando arte efémera"

 

O alumnado de primaria e infantil este ano celebrou os maios dun xeito diferente. A pandemia non deixou celebralos como anos anteriores ca confección dun gran maio colectivo, por iso este ano os nenos e nenas crearon arte efémera ca natureza e na natureza.

 Nestas imaxes podedes ver a exposición dalgúns traballos.

 




11/05/21

MICRORRELATOS

EFÉMERO

Cando chegou, o móbil estaba a soar, pechou a porta e contestou.

— É vostede familiar de Elizabeth Danvers?

Ela esperaba a chamada da persoa nomeada, pero esta parecía importante.

— Si.

O que escoitou a continuación fixo que se lle encrespara a pel e que pequenas bágoas comezaran a percorrer o seu fino rostro, mentres se deixaba caer sobre os seus xeonllos. Ela non sentiu o impacto contra o chan, seguiu caendo cara un abismo sen un fondo aparente. Pero decidiu levantarse e poñer o coche en marcha.

Erro.

Só recorda un escintileo antes de que todo lle dera voltas, cal noria nun parque de atraccións. Logo, todo se tornou negro, o silencio era o único que retumbaba naquel espazo.

« Nunca nos esperamos que a nosa historia se parecera tanto a aquel escintileo, tan efémera cal estrela fugaz », pensou por última vez.

                                                                                                                                                                                                                      Autor/a C.V. (Categoría B)


O can non paraba de ladrar

Saín da casa estando case seguro que era un Porco Bravo, coma outras veces. Pero era un vello que saía do bosque polo antigo camiño de terra que usaban os meus avós cando era xoves e ían a pé a vender cestas de vimbia na cidade.

Canto mais se acercaba, mais raro parecía o seu aspecto. Parecía estar disfrazado, pero o Samaín pasara xa hai tempo.

Empezou a falarme cunha voz ronca e apagada, como se estivera moi canso, ou moi lonxe, preguntando canto falta para chegar á tumba do Apóstolo.

A súa pregunta tiña algún sentido, xa que viña vestido de peregrino.

Pero, pola outra banda, pola miña aldea non pasa ningún camiño que leve a Santiago.

Iso, si entendín ben o que preguntou, xa que falaba algo raro, con unhas palabras moi anticuadas.

Ao ver a miña cara de confusión e a non ter resposta, pereceu renderse e deu a volta.

En uns minutos non foi visto mais... Case dubidaba se fora real...

Pero tiña que ser: o can non paraba de ladrar.

                                                                                                                                 Autor/a  L.P (Categoría B)


PINTORES

A escola estaba baleira, non se escoitaba nada, só os pinceis recén húmidos a lenzo tocar.

Fanse chamar artistas, pintores dunha soa cor, son aqueles que pintan o seu corpo cun vermello carmesí, baixo a luz da lúa e lágrimas nos ollos. 

                                                                         Autor/a  A.R. (Categoría B)


DESPEDIDAS

Mirei cara o ceo e vin un fondo negro cheo de estrelas a brillar con intensidade, pero decateime de que había unha que destacaba entre todas elas e recordoume a ela, sempre con esa luz que desprendía, como esa estrela que estaba a observar, brillando como ningunha outra. 

Nese momento percorreume unha bágoa pola cara ao recordar os mellores momentos que pasamos xuntas, a súa risa, as nosas pelexas e sobre todo como lle gustaba levarme a contraria. Decateime de que xa pasaran dous anos e medio cando marchou do meu lado. Da despedida da miña irmá.

                                                                          Autor/a  N. S. (Categoría B)


QUÉDATE!

Saímos ao campo para xogar a final, mentres recordaba todo o que tiven que superar para chegar ata aquí. As gradas estaban repletas de xente descoñecida. Fixen un barrido entre a multitude intentando encontrar a alguén en concreto e aí estaba ela. Miña nai encontrábase sentada nun dos primeiros asentos da fila, sorrindo coma nunca antes o fixera, berrando o meu nome con todas as súas forzas.

 Mirei cara o escuro ceo, despexado e estrelado, agradecendo poder ter unhas vistas tan belas neste momento tan importante para min.

 Non me deu tempo a distraerme máis, o pitido que anunciaba o inicio do encontro retumbou nos meus oídos e centreime no xogo. Despois dun rato xogando, a miña respiración era incontrolada, encontrábame suando máis do normal, a miña vista nubrouse e un estraño pitido iterativo fíxose permanente nos meus oídos. Dirixín a mirada cara miña nai, quen tiña a face bañada en bágoas. A súa voz escoitábase demasiado afastada, pero puiden distinguir un grito desgarrador:

 —Cris, non te rendas agora. Quédate!

 De súpeto, volveuse todo negro. Xa non me sentía respirar e a estraña serie de pitidos cesou, dando lugar a un suave e infinito.

 Lugar: Quirófano 9.

Hora: 19.23

                                                                    Autor/a  C.V. (Categoría B)


UNHA NOTICIA TRÁXICA

Mirei ao ceo e vin coma se unha estrela estivera achegando cada vez mais e mais á Terra. A televisión anunciou que algo estraño estaba a chegar a Terra, e sen darnos conta caeu unha nave espacial, a cal tiña un home de cor verde e traía unha mensaxe moi importante. Resulta que o 16 de abril vai ocorrer un suceso que vai cambiar a vida humana.

                                                             Autor/a:  N.F. (Categoría B)

QUIMERA


Mirei cara o ceo e vino: aquel escintileo de luz do que tanto falamos, o que tanto estivo con nós escoitando os nosos versos recitados e co que tanto soñamos.

 

Quen nos diría que todos os nosos soños xuntas se ían quedar nunha simple quimera? 

Iso eran, porque en ningún momento chegarían a cumprirse. Míranos, eu, sumida nunha horrible depresión e ti, ti estás vivindo os momentos máis felices da túa vida con outra persoa.


                                                                 Autor/a:  C.V. (Categoría B)

 

LADRIDOS MISTERIOSOS


O can non paraba de ladrar. Erguinme da cadeira e fun cara a porta. Saín paseniñamente cara a eira e puiden ver unha sombra que pouco a pouco se ía alonxando. Temín o peor; corrín cara o balado pensando no meu gando. Estarían os lobos de cacería como nas noites de lua chea? O can seguía a ladrar mentres eu saltaba o baldo como unha gacela. Cheguei sudorosa, pero todo o meu nerviosismo mudou ao ver que o meu gando estaba ben. O can seguía a ladrar e eu non sabía por que. Ao chegar ao pallar donde estaba preso, vin un pequeno gato de cor branca. Xa descubrira o misterio, pero o can seguía a ladrar.


                                                                                           Autora/a S.B. (Categoría B)



O  O DILEMA DAS LETRAS GALEGAS

Eran uns nenos, chamados Xoán e Antón, que estudaban no CPIP Virxe da Cela de Monfero. A súa profesora de galego “Delfina” mandoulles facer un relato sobre a que ían dedicadas as letras galegas no ano 2021. Era a primeira vez que os profesores lles mandaban facer un relato, entón , foron moi contentos e alegres ata a biblioteca, para buscar información. Xoán colleu un ordenador e Antón outro; votaron todo o recreo buscando a quen ían dedicadas as letras galegas no ano 2021, pero non atoparon nada. Xoán saíu chorando da biblioteca e Antón marchou para a súa casa moi preocupado polo relato.

 Ao día seguinte pola mañá  Antón levantouse con gañas de volver buscar información. Mentres almorzaba e vía o canal da galega, el deuse conta de que estaban a votar un reportaxe sobre as letras galegas do 2021 e entón rapidamente parou de almorzar e fixouse no televisor. Deuse conta que as letras galegas foran dedicadas a “XELA ARIAS”. Antón chegou ao colexio todo contento e díxolle a Xoán  que xa sabia a quen ían dedicadas as letras galegas.

No recreo os dous nenos elaboraron o relato que lles encantou a todos os compañeiros do colexio.

                                                                                                   Autor/a: L.F.S (Categoría A)


O MUNDO DA SOIDADE

A escola estaba baleira, non se oia nada, acababa de entrar na clase, esperei 20 minutos pero ninguén aparecía. Entón fun por todas as aulas a ver se había alguén, pero ninguén apareceu.

Mirei por todo o colexio, pero non había ninguén. Entón collín o móbil para chamar aos meus pais, pero ninguén contestou.

Entón púxenme a camiñar ata Irixoa e cando cheguei intentei buscar a alguén…pero non atopei a ninguén.

Desesperado, comecei a camiñar sen rumbo durante días; pasaron meses e seguía sen atopar a ninguén.

Pero de súpeto, escoitei unha voz que dicía .

 -Ai que ben! Durmindo na clase de Galego! Ponte a traballar dunha vez.

Resulta que todo foi un sono e durminme na clase de Galego!

Esperteime de repente, e todo o mundo empezou a rirse, pero quedei aliviado ao saber que todo era un sono.

                                                                       Autor/a: M.C.E (Categoría B)


NA ESCURIDADE DA NOITE        

   O can non paraba de ladrar, alertando a Aurelio, quen pechou a porta do cobertizo tras divisar unha extraña figura na escuridade da noite. A criatura era moi esbelta, de constitución extremadamente delgada, e debía de medir entre tres e catro metros de altura a pesar de ir encorvado. Aurelio, que era unha persoa forte e tranquila, tratou de facer o menor ruído posible para non chamar a atención da criatura, polo que se desprazou lentamente en dirección á porta da casa, que debía atoparse a 15 m de onde estaba. Cando xa levaba a metade do camiño percorrido, un poderoso ladrido do can terminou por chamar a atención da criatura, que de tres enormes zancadas chegou ata o can, rabuñando a herba do chan coas súas longas zarpas ao seu paso. Aurelio, presa do pánico, fuxiu despavorido e abriu a porta dunha patada. Tras conter a respiración durante uns segundos interminables, nos que o ser rabuñaba fortemente a robusta porta da casa, suspirou cando deixou de escoitar ruídos. Puxéronselle de punta os pelos do brazo cando, mentres tecleaba o número de emerxencias no seu teléfono, veu de reollo como a fiestra se abría lentamente.

                                                                         Autor/a: H.L.R. (Categoría B)


MINISAIAS
                                                                               
                                                                                  Autor/a: M.F.S (Categoría B)

SÓ E ASUSTADO

A escola estaba baleira, non se oía nada. Fun cara a miña clase e empezou

a facer ruído un animal. Parecía que era un can pero achegueime e

había un oso na vasoira. Empecei a correr pero non había ninguén; saín

para fóra e encontrei un coche e agocheime dentro del. Esperei un pouco

pero o oso non se ía.  Entón esperei e por fin foise e saín do coche e funme

correndo para a miña casa. Cheguei e non había ninguén entón fun durmir.

            Autor/a: B.B.P.  (Categoría A)


APARECEU NO LUGAR MENOS ESPERADO

Cando cheguei, o móbil estaba a soar pero eu non sabía onde estaba. Tiña o volume moito alto e escoitábase en toda a casa pero eu xa non recordaba onde o deixara. Estaba pendente de recibir unha chamada moi importante do médico. Busquei por todos os lugares da casa e o móbil seguía sen aparecer, nalgún sitio tiña que estar xa que eu o escoitaba soar.                                                                                                                      

 O móbil soaba unha vez, dúas veces... e xa comezaba a preocuparme pensando en onde podería estar e en quen podería ser.                                                                                             Estaba collendo penso para botarlle de comer ao can cando de súpeto o móbil volveu a soar; estaba dentro do saco! -Como se lle ocorrería ao can metelo aquí dentro?-preguntábame a min mesma.                                                                                                                  

 O importante foi que xa o atopei. Nese mesmo momento mirei de quen foran as chamadas e resulta que era o meu amigo Pedro para preguntarme que había de deberes.                           

Por sorte todo isto xa pasou e xa volvo a estar tranquila porque o móbil volveu a aparecer, a chamada non era do médico e agora aprendín que teño que deixar o móbil en algún lugar alto para que non poida chegar o can.

                                                                                         Autor/a: A.L.T. (Categoría B)

CÓMO CONSEGUIREI AVERIGUAR ESTE MISTERIO?

Mirei cara o ceo e vin unha palabra formada polo fume dun avión, intentei mirar haber que poñía pero non se entendía nada. Que poderá ser iso? Para que o fan? -Pregunteille ao meu pai.

Os dous intentabamos descifrar a mensaxe pero eran uns signos que non se podían entender. Seguimos camiñando e mais adiante atopamos outro avión escribindo o mesmo.

Xa pasaron dous días dende iso pero eu seguía pensando en que podería significar. Entón decidín preguntarlle á xente haber se ela vira algo. A xente dicíame que non vira nada e eu xa pensaba que estaba toleando porque era imposible que fora a única persoa da cidade, aparte do meu pai, que puideramos ver esas letras de gran tamaño polo ceo.

Despois de varios días eu seguía coa intriga e xa non sabía como averiguar iso.

Descubrín o significado da palabra que quería dicir SORPRESA pero en letras chinas.

Toda a cidade me dixera que non o vira xa que tiñan planeada unha festa sorpresa para min porque ía estar 1 ano estudando en EEUU.

Agora xa entendo todo!

                              Autor/a: A.L.T. (Categoría B)


O SILENCIO

A escola estaba baleira, non se oía nada de ruído , nin os alumnos , nin as

alumnas, nin os profesores. Sempre estaba o conserxe pero nese momento

non había ninguén.

                        Autor/a: U.B.P. (Categoría B)


SOÑOS CUMPRIDOS


Mirei cara o ceo e vin o meu futuro , cunha familia e na casa dos meus soños,

coma sempre soñei.

Pasou un ano dende que soñei e por fín o conseguín, non necesito nada mais na

miña vida .

       Autor/a: U.B.P. (CAtegoría B)


O GUARDIAN

O can non paraba de ladrar porque entraron a roubar na casa do veciño. Non

parou ata que chamei a policía.

                                                                 Autor/a: U.B.P. (Categoría B)


O MOBIL QUE SOABA MOITO

Cando cheguei, o móbil estaba a soar e era a policía. Dixeronme que estaban buscando a unha ladroa, que roubou diñeiro e preguntou se era eu. Contestei que eu non.

- “ Bueno, seguiremos buscando, señora, pero grazas pola súa resposta”.


                                                             Autor/a: A. V. A. (Categoría A)

A ESCOLA PERDIDA

A escola estaba baleira, non se oía nada. Entrei e non escoitei nada. Subín ao 1º piso e non escoitei. Pero ía subir ao 2º piso e escoitei un berro. Subín…celebrando o cumpleanos de Mila. Eu entrei.

                                                            Autor/a: A. V. A. (Categoría A)


O CAN QUE COMEU O RATO

O can non paraba de ladrar porque había un rato comendo a comida do can e despois...o can comeu o rato.

                                                   Autor/a: D. F. S. (Categoría A)

UN NENO CON MOITÍSIMOS OLLOS

Saímos ao campo para xogar a final. Vexo un neno con centos de ollos que quería xogar con nós. Eu non quería xogar con el porque era raro, porque tiña moitos ollos . Resulta que era...un extraterrestre¡¡¡

                                                         Autor/a: D. F. S. (Categoría A)

A ESCOLA

 

A escola estaba baleira, non se oía nada. Entrei e empezaron os raios, choiva, sarabia e máis choiva. De súpeto pum!! un golpe dunha porta. Fun cara á porta e vin ao profesor durmindo na aula. Pum! Outro pum! Outro, e así sucesivamente. De repente, abriuse unha porta...saíu unha persoa; sabedes quen era? Era....

                                                     Autor/a: P. P. G. (Categoría A)


O MÓBIL MISTERIOSO

 

Cando cheguei o móbil estaba a soar “ ringringringring”. Fun correndo e vexo un número OCULTO. Teño intriga. Segue soando: ringringringring... Colgueille e de alí a un anaco outra vez: ringringringring. Ao final collino. Sabedes quen era? Pois si, era a miña avoa con 101 anos, que se comprara un móbil moderno. 

                                                

                                                  Autor/a: P. P. G. (Categoría A)


UNHA HISTORIA PARA NON DURMIR

Cando cheguei o móbil estaba a soar. Era un número descoñecido. Contestei e faloume unha voz arrepiante:

-Estoute a vixiar e vexo que estas só. Nervioso, colguei o móbil. Nese momento abriuse a porta e vin un señor xigante. Saíu correndo cara a min. Eu entrei no cuarto e pechei a porta. O home abriu a porta e asustado saltei pola fiestra. Cando ía chocar co chan espertei. Todo fora un soño.


                                                 Autor/a: R. T. O. (Categoría A)


LORENZO E CATALINA

Mirei cara o ceo e vin a Lorenzo que non paraba de sorrir. 

Despois volvín a mirar para o ceo e vin a Catalina coas estrelas durmir.

                                                Autor/a: A. S. G. (Categoría A)

ALGO SOSPEITOSO

A escola estaba baleira, non se oía nada... e de Súpeto... alguén apareceu ao final do corredor...

Era... un... neno??? Parecía un neno de 8 anos !! Eu estaba confuso, non sabía o que pasaba.

Acercouse a min... e logo... Sorpresa!! feliz cumpleanos!!!!

Au                                                     Autor/a: V. C. E. (Categoría A)


 ÉCHE BEN MALA SORTE!!

Saímos ao campo para xogar a final de baloncesto, e logo... empezou a chover.

-Vaia que mágoa!! Xusto agora!!

-Vamos a casa-dixo a nena

Ao día seguinte... non paraba de chover, pasou un día, pasaron dous, pasaron tres... e non paraba de chover!! e logo... parou de chover!!!

Pero... vaia, que mágoa!! a canastra rachada no chan!!

                                                                                Autor/a: V. C. E. (Categoría A)


O COLE CONTAXIADO

A escola estaba baleira  porque todos estaban mal polo Covid 19. Estaban todos malos. Todos contaxiados. Só ían dúas persoas  ao colexio ... E eran 10.000 alumnos e 100 profesores!

                                                                     Autor/a: X. M. M. (Categoría A)

AS HORAS DA MAÑA

O can non paraba de ladrar, e a alarma estaba chea de soar, eran as dúas da

mañá, e eu rematei por espertar. Cando xa estaba moi canso funlles berrar.

Eran as catro da mañá, e por fin acabaron calando! Eran as sete da mañá e xa

tocaba traballar, e eu canso estaba xa.

                                                             Autor/a: Iván (Categoría A)


O NÚMERO SOSPEITOSO

Cando cheguei, o móbil estaba a soar. Era un numero non rexistrado nos contactos. Non sabía quen era, ninguén falaba. Non se escoitaba nada. Colguei. Aos dos minutos volvíase a escoitar o móbil e así todo o día. Dous días despois, sonou o telefono.

Contestei. Non se escoitaba nada. Era coma a outra vez. Colguei.

Dous días despois foise a luz da casa. Polo menos ese día non soou o numero misterioso.

                                                               Autor/a: M.R.P. (Categoría A) 


O Desconfiado

O can non paraba de ladrar. Era pola noite, só podía ladrar por dúas cousas: porque había un animal fora ou porque si. Ata que me lembrei de que podía haber un... terremoto. Sempre pensas que o que pasa en Murcia non pode pasar aquí, pero nunca se sabe... Así dormes coa intriga de durmirse pero non despertarse, ou no medio de escombros. Bah! Pero, iso non pode ser. Volvo durmir.

                                                                                                                           Autor/a: N.G.P. (Categoría A)


     Non hai colexio?

A escola estaba baleira, non se oía nada.  Fomos polos baños, nas clases, no comedor, no pabillón, no campo de fútbol...Buscamos por todos os lados, pero non había ninguén. Era estraño que só fósemos á escola os nenos da clase de 4º de primaria. Normalmente viñan os nenos e nenas dos demais cursos, os profesores, o conserxe... Entón descubrimos unha nota no despacho da xefa de estudos que dicía así:

“Día das Letras Galegas”

21 de maio

A nota tiña un erro, e era que o Día das Letras Galegas cadraba o luns 17 de maio. De pronto iluminoúseme unha bombilla na cabeza. Xa sabía porque non viñera ninguén ao colexio. Hoxe luns 17 de maio foramos ao colexio nun día festivo. Ninguén con cabeza viría ao colexio nun día festivo. Pero aínda había unha pregunta que me rondaba pola cabeza, por qué os nosos pais nos trouxeran á escola?. Por qué só aos de 4º de primaria?

                                            Autor/a: I.L.P. (categoría A)