09/10/20

UNHA MANDA DE PEZAS PARA ISAAC



Este ano 2020 conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo e Alento Esbravexo convoca un concurso onde cadaquén pode inspirarse en algo relacionado coa figura de Isaac Díaz Pardo (un acontecemento concreto da súa vida, un debuxo, unha pintura, unha tipografía, un cartaz, unha peza cerámica, etc.), tamén se poderá inspirar na súa escola (empresas que formou, artistas discípulos de Isaac,...) ou mesmo se pode facer algo totalmente novo, xa for reinterpretando calquera destes eidos artístico-vitais indicados e crear un debuxo, unha pintura, un tipo de letra, un deseño, grafiti, xoia, danza, música, etc. con total liberdade.

O prazo de presentación das obras remata o 13 de agosto de 2020.

Para participar deberase enviar un correo a: alentoesbravexo@gmail.com

Con todo o material recibido tentarase facer un libro, unha exposición,...(sempre dependendo da situación vírica actual).

 Preme aquí para consultar as BASES

Máis información no seguinte enlace: https://axendacultural.aelg.gal/2020/06/30/proposta-unha-manda-de-pezas-para-isaac/


06/10/20

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2020/2021ª. Este lema quere  poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa.

A ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír.

En tempos confusos como os que estamos a vivir cómpre volver ás orixes, ao fundamental: a lectura e toda a súa potencialidade, sen esquecer outras oportunidades da biblioteca escolar para unha formación integral do alumnado. Atravesar o mapa da lectura pode facerse desde distintas ópticas, comezar a viaxe desde distintos portos:

- Pescudar nas lecturas que convidan a viaxar, a explorar, a investigar. Lecturas que nos permiten chegar lonxe sen movernos da escola (ou da casa). Lecturas que axudan a incentivar o inconformismo, a necesidade de coñecer outros mundos, de ampliar a nosa visión, de "ler o mundo".

- Configurar o itinerario  lector como punto de partida da nosa xeografía lectora.

- Debuxar o mapa das nosas curiosidades, exploracións e descubrimentos a través das lecturas.  Descubrir as relacións entre identidade e lectura.

- Observar o modo en que cambiou a nosa xeografía lectora durante o período de confinamento (os nosos hábitos, as nosas lecturas...).

- Saber que somos os nosos propios cartógrafos, os que organizamos o noso espazo lector (e o noso "liberespazo", o sistema de lecturas que imos creando ao longo da vida).

- Observar o noso corpo como un mapa de coñecemento, achegarnos á práctica da lectura a través do propio corpo. Descubir a capacidade reparadora da lectura.

- Deixarse levar polas relacións entre cartografía e literatura,  que convidan á aventura (debuxar espazos peritextuais, con mapas e planos que crean expectativas e acompañan na aventura lectora, debuxar mapas que representan mundos coñecidos e mundos imaxinarios, relacionar as nosas lecturas a través de "constelacións literarias", en función da temática, os personaxes...).

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...


Así o fixo... Bea Lema

Bea Lema ilustradora do lema deste curso "Xeografías lectoras na biblioteca escolar" nos fala neste vídeo do seu interese polas imaxes que transmiten unha idea de forma sintética, os ilustradores que a inspiran, o proceso de documentación, as probas, a técnica ...