A ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír.
En tempos confusos como os que estamos a vivir cómpre volver
ás orixes, ao fundamental: a lectura e toda a súa potencialidade, sen esquecer
outras oportunidades da biblioteca escolar para unha formación integral do
alumnado. Atravesar o mapa da lectura pode facerse desde distintas ópticas,
comezar a viaxe desde distintos portos:
- Pescudar nas lecturas que convidan a viaxar, a explorar, a investigar. Lecturas que nos permiten chegar lonxe sen movernos da escola (ou da casa). Lecturas que axudan a incentivar o inconformismo, a necesidade de coñecer outros mundos, de ampliar a nosa visión, de "ler o mundo".
- Configurar o itinerario
lector como punto de partida da nosa xeografía lectora.
- Debuxar o mapa das nosas curiosidades, exploracións e
descubrimentos a través das lecturas.
Descubrir as relacións entre identidade e lectura.
- Observar o modo en que cambiou a nosa xeografía lectora
durante o período de confinamento (os nosos hábitos, as nosas lecturas...).
- Saber que somos os nosos propios cartógrafos, os que
organizamos o noso espazo lector (e o noso "liberespazo", o sistema
de lecturas que imos creando ao longo da vida).
- Observar o noso corpo como un mapa de coñecemento,
achegarnos á práctica da lectura a través do propio corpo. Descubir a
capacidade reparadora da lectura.
- Deixarse levar polas relacións entre cartografía e
literatura, que convidan á aventura
(debuxar espazos peritextuais, con mapas e planos que crean expectativas e
acompañan na aventura lectora, debuxar mapas que representan mundos coñecidos e
mundos imaxinarios, relacionar as nosas lecturas a través de
"constelacións literarias", en función da temática, os
personaxes...).
XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar
todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato,
con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en
movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas
individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de
ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender
mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...
Así o fixo... Bea Lema
Bea Lema ilustradora do lema deste curso "Xeografías lectoras na biblioteca escolar" nos fala neste vídeo do seu interese polas imaxes que transmiten unha idea de forma sintética, os ilustradores que a inspiran, o proceso de documentación, as probas, a técnica ...
Ningún comentario:
Publicar un comentario