25/06/20

GRADUACIÓN 4º ESO. CPI VIRXE DA CELA. 2020

A verdade é que cando me puxen a escribir a entrada do blog e mirei o título,“Graduación 2020”, invadiume  unha mestura de tristeza e satisfacción.Tristeza porque non puidemos festexar o voso acto de graduación como quereriamos, como vos merecedes... A situación que vivimos por mor desta pandemia obrigounos a deixar de vernos desde marzo, a deixar de facer moitas actividades que tiñamos programadas e nas que vós seriades protagonistas, e a cambiar moitos dos nosos hábitos. Pero  en todo este contexto, debemos quedarnos  coa alegría de pensar que conseguistes finalizar con meritorio éxito unha etapa que comezou hai 13 anos neste, o voso cole o  Virxe da Cela.
A todos os  profes  gustaríanos agradecervos todo o que nos aportastes durante todos estes anos. En moitos momentos convertéstesvos en activistas, mestras, contacontos, presentadoras, voces críticas...fixéstesnos lembrar o importante que é loitar con paixón polo que un quere, aprender de amizade, de goce, de paixón pola vida e mil cousas máis.
O noso obxectivo non foi simplemente que aprenderades, senón moito máis que iso. O tempo é ese ben tan prezado que non se pode recuperar, e esperamos que ese tempo sexa importante para vós, non só pola formación académica que  recibistes, senón tamén pola humana. Gustaríanos que vos levarades valores, actitudes, gratitude, xenerosidade, amizade, formas de entender a vida... e que isto vos resulte útil para o voso futuro.
 Agora é o momento de que  comecedes unha nova etapa. Non perdades o gusto por aprender, por descubrir, por investigar, por estar conectadas con todo o que vos rodea. Non hai mellor forma de estar vencellados aos outros e á vida que esa habilidade que temos desde nenos de querer saber e saber máis aló.
E bueno... sen dúbida xa vos convertestes en parte das nosas vidas.
Moitas grazas por formar parte desta comunidade educativa e alá, onde a vida os leve, non vos  esquezades nunca das vosas orixes, de quen sodes e de onde  vides, sentídevos moi orgullosas porque sodes Monfero  Calidade, Galiza  Calidade.
Para rematar  querémosvos  desexar de corazón toda a  sorte  do mundo  e  recordarvos que  sempre  teredes  abertas  as portas  deste, o voso cole.

Con cariño de toda a Comunidade Educativa do CPIP Virxe da Cela