15/02/19

DÍA DE ROSALÍA 2019

      A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro. Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web. 
      Para a edición de 2019 Ana Romaní é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o propio domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións, centros de ensino.



13/02/19

ANXO FARIÑA NO CPI VIRXE DA CELA




Este luns 4 de febreiro tivemos o enorme priviliexo de ter connosco a Anxo Fariña. Ilustrador, escritor e deseñador de libros infantís e xuvenís. A súa obra máis coñecida é a colección de Os Megatoxos, pero tamén é autor das coleccións:
•  Antón e Pompón.
•  Don Quixote e Breogán.
•  As linguas dos animais.
•  O pelelliño …
•  A Monstroescola.
•  Gliz, o pastor de nubes.
Ademais doutras obras soltas, guías de viaxes e libros de texto.

Mirar as caras do noso alumnado xa nos di como acolleron a súa visita. Ollos abertos como pratos para non perderse nada, miradas que ían máis aló do que Anxo nos contaba, quizais soñando xa en vivir as aventuras dos Megatoxos, eses rapaces con poderes especiais..., quizá... vai ti saber...! e se o día de mañá son capaz eu de escribir un libro ou mesmo ilustrar os de outro autor?

Xa vimos como nacen os libros... nacen dunha idea que vai medrando día a día, que ás veces para de crecer e ten que durmir nun caixón durante un tempo ata que está madura.... pero o escritor ten que seguir traballando, vivindo e observando a realidade da que saca as súas historias. Todas esas observacións as garda nunha pequena libreta no seu bolsillo. E sabedes como as plasma Anxo Fariña? Maiormente sen palabras. Ser ilustrador permítelle ter un mundo de debuxos que co tempo se transformarán nun libro.

Foi unha tarde máxica na que Anxo nos deixou un fermoso agasallo... o retrato dun alumno que ficará por anos nun lugar privilexiado do cole: a nosa biblioteca. Pero o máis importante foron as risas e a imaxinación que despertou en nós... Moitas grazas, Anxo... xa te estamos esperando de novo... Non tardes tanto!!!

Por certo, se queredes coñecer algo máis do noso invitado por que non facedes unha pequena viaxe á súa páxina web?

http://www.anxofarina.com/blog/







12/02/19

GALICIA, AGUA, LITERATURA E RAP

Nova edición do concurso "Galicia,auga, literatura e rap", organizado por Viaqua e La Voz de Galicia. Descubre como participar en www.prensaescuela.es, dentro do apartado Concursos.

ESPAZO FERRAGANCHOS. NOVIDADES

Temos un novo artello no espazo Ferraganchos. Trátase dunha mesa dixital para que o alumnado, especialmente o máis novo, experimente e xogue aprendendo.










TEATRO E VISITA AO CIFP DE SOMESO


O día 21 de xaneiro, todo o alumnado da ESO que cursa a materia de francés dirixiuse ao Forum Metropolitano da Coruña, para asistir a unha obra de teatro na lingua referenciada que levaba por título: Prêt-à-porter a través de Transeduca (Programadora de teatro infantil e xuvenil para centros educativos).

A mencionada peza de teatro tivo unha duración aproximada dunha hora na que o alumnado tivo o pracer de ver in situ as evolucións interpretativas e poder sentirse franco-escoitantes, gozando da presencia dun elenco de actores franco-belga.

Ao remate da sesión seguiu unha pequena charla-coloquio entre @s participant@s e o trío de intérpretes, configurado por dúas persoas de orixe belga e unha francesa que intercambiaron inquedanzas, preocupacións  e respostaron ás cuestións lanzadas dende o patio de butacas.

Os nos@s alumn@s foron quen de seguir globalmente a obra, feito que lles vai axudar a avanzar e reportar máis curiosidade se cabe na súa evolución e aprendizaxe da lingua obxecto de estudo.

O alumnado que non cursa francés visitou o CIFP Someso para coñecer as  familias profesionais que alí se imparten. Puidemos ver talleres de fabricación e montaxe, as cabinas de soldar, talleres de carpintería, de transporte e mantemento de vehículos e de peiteado e estética, entre outros.

Moitas grazas ás persoas que nos acompañaron nas visitas!!