12/12/15

CONTACONTOS NO DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

O 10 de decembro celebrouse o Día dos Dereitos Humanos, e para conmemorar esta data tan importante os alumnos e alumnas da ESO realizaron unha actividade de contacontos para os nenos e nenas de infantil e primaria.
A través do conto “Antón, o neno que non quería ir á escola”,  descubrimos á importancia do Dereito á Educación, o que supón non saber ler nin escribir e a sorte que temos de poder ter uns mestres e mestras que nos ensinan tantas cousas. Tamén nos axuda a comprender que debemos  aproveitar a oportunidade que temos de ir á escola e esforzármonos por aprender para ter un futuro mellor, non como Antón, o protagonista do noso conto, que non tiña ningún interese en aprender ata que descubríu o importante que era saber ler.
Hoxe en día a pesar de que o dereito á educación está ampliamente recoñecido en numerosas Convencións e Tratados Internacionales, hay 57 millóns de nenos  e nenas en todo o mundo que non van á escola e outros  tantos reciben unha educación discontinua ou deficiente.
Nós temos garantido este dereito, en outros países non o teñen. Aproveitemos a oportunidade que temos de poder aprender e denunciemos  ao mesmo tempo o incumplimento do Dereito á Educación que se está a dar en tantas partes do mundo.


E para rematar a actividade os rapaces e rapazas da ESO agasallaron a cada unha das aulas cunha  pequena semente que simboliza á Educación, e explicaron aos nenos/as que esta semente, despois de cuidala e abonala, dará o seu froito, como o fará a educación que recibamos cada un de nós.



                   Aquí vos deixamos o conto de Antón, o neno que non quería ir á escola.

          


     

Dar as grazas as alumnas de 4º ESO do CPI Conde de Fenosa (Ana Martínez, Mayolla Martínez, Paola Toribio, Alba Teijeiro e Lara Rey) que foron as que crearon e ilustraron o conto de Antón e o compartiron con nós.

O CPI Virxe da Cela e o CPI Conde de Fenosa colaboran no intercambio de materiais, recursos e actividades, así como na realización de actividades dinamizadoras.


02/12/15

A PALABRA XUSTA: UNHA DEFENSA APAIXOADA DO OFICIO DE MESTRE

Hoxe queremos compartir con vós o trailer do documental A Palabra Xusta. Unha película na que Antía Cal fai unha defensa apaixoada do oficio de mestre. Nas palabras desta muller de 92 anos está a sabedoría dos que se enfrontan todos os días á educación e á formación dos nenos e mozos.

                                                         Vale a pena ver a súa testemuña!!!

Picade na imaxe para velo.

h

28/11/15

NEIRA VILAS: SEMPRE NA MEMORIA

Morreu no día de onte, o último dos chamados "renovadores da prosa galega" (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e el), don Xosé Neira Vilas. Sempre entristece a morte, dolorosa lei de vida, dos bos e xenerosos, coma este autodefinido "xornaleiro da palabra e traballador das Letras". Reconforta, porén, a súa traxectoria vital e o seu legado. Afortunado foi o noso pobo con tódolos que no seu seo naceron, viviron, traballaron con dilixencia e dedicación e, finalmente, morreron merecedores do cariño e amor da terra.

"Eu só quería contar o que pasaba na aldea, fronte á visión idílica, bucólica e humorística que había". Sen máis. Así respondía Neira Vilas cando lle preguntaban por Memorias dun neno labrego e pola feliz excepción na nosa literatura que supoñen os seus 600.000 exemplares vendidos. Sobrábanlle as teorizacións. Só quixera -salientaba nas entrevistas- dicir a verdade. Fronte á visión chocalleira e folclórica do rural. Escoitalo a el, na súa casa de Gres, (Vila de Cruces), era, tamén, por momentos, como ouvir o seu personaxe, Balbino, décadas despois. “Coma quen dis, un ninguén”. Un “ninguén” que falou por todos os outros ninguén, que somos nós. Non só os rapaces de aldea. Anos despois, nos 70, chamáronlle literatura social-realista. Denuncia da opresión dos subalternos. Pero el xa o fixera. Coma Blanco-Amor, a quen citaba como referente. E non precisaba etiquetas.


Neira Vilas, sempre na memoria, e inmortalizado por Balbino, representante da súa obra por antonomasia.

        
              


16/11/15

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS DO VI FESTIVAL DE CINE OUFF ESCOLA DE OURENSE

O CPI Virxe da Cela entre os finalistas do VI Certame de Cinema OUFF Escola enmarcado dentro do festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF).
O OUFF escola, é un concurso que ten como obxectivo o fomento da participación do alumnado en proxectos audiovisuais, impulsar a creatividade, o traballo en equipo e o uso do idioma galego. Tamén pretende potenciar   a utilización das tecnoloxías da información e comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra audiovisual feito nas aulas.


Nesta edición do certamen   concurreron  124 traballos de centros de Enseñanza Primaria e Secundaria de toda Galicia. A entrega de premios tivo lugar no Auditorio Municipal de Ourense o luns  16 de Novembro de 2015.
Noraboa a todos e todas polo traballo realizado e aínda que non acadamos o premio final , xa somos uns gañadores por chegaren ata aquí.

 Parabéns a todos aos alumnos e alumnas que participáchedes no traballo, aos que estades no centro e aos que estabades o ano pasado en 4º ESO que  fuchedes  parte principal na realización deste proxecto.










13/11/15

OSIÑO: de Else Holmelund Minarik e Maurice Sendak

Recomendamos desde a biblioteca a colección de libros que Else Holmelund Minarik escribiu e Maurice Sendak ilustrou, acerca dun pequeno oso: Osiño.
Nos libros trátanse historias cheas de vida diaria, de agarimos tranquilos, de situacións moi próximas á infancia e  de sinxelos descubrimentos con sorpresas.
O protagonista é un Oso cachorro encantador con boas intencións que descobre o mundo que lle rodea: a súa familia, os seus amigos e o que sucede entre eles. Ten un gran parecido cos nenos en idade preescolar: o seu mundo é bondadoso, próximo e seguro, con Mamá Osa no centro. Papá Oso é pescador e pasa tempo fóra de casa co barco en alta mar e a súa presenza na familia é de peso.
 Else Holmelund Minarik transmitiu as características claves da vida dos nenos pequenos: a necesidade de seguridade,  de independencia  e a importancia da familia e de facer amigos.
As historias son curtas, con textos sinxelos cheos de diálogos e sempre amables e  resoltas nunha contorna afectiva.
Todas estas pequenas e grandes historias gardan os libros de Osiño.


XA SABEDES, PODEDES ENCONTRALOS NA NOSA BIBLIOTECA.


05/11/15

Novembro: mes da CIENCIA en GALEGO nas BIBLIOTECAS

Aquí vos deixamos un enlace a través do cal poderedes acceder a unha interesante recompilación de materiais de ciencia en galego.


PREMEDE NA IMAXE PARA ACCEDER A EL

04/11/15

ANTOLOXÍA POÉTICA MULTIMEDIA

Premendo na imaxe accédese a unha selección de poemas musicados, cantados o recitados, para o traballo na aula. Atopamos poemas de Rosalía de Castro, Bécquer, Antonio Machado, Dámaso Alonso, Gloria Fuertes...En fin... un verdadeiro tesouro da nosa poesía.


31/10/15

O MISTERIO CHEGA CO SAMAÍN

Chega o outono e con el as castañas, as caveiras de melón; chegan as choivas e as tardes son máis escuras, vaise a calor e ven o frío: é tempo de Samaín. E como en anos anteriores a maxia deste Samaín chegou ao noso cole da man dos nenos e nenas, dos rapaces e rapazas do Virxe da Cela. Os corredores enchéronse de cabazas decoradas, de pantasmas, morcegos e bruxas, de debuxos e adornos TERRORÍFICOS!!!!
Sen medo e con moita diversión, o alumnado do centro decorou as cabazas, cada cal millor, adornaron as portas das aulas e da biblioteca, fixeron murais, realizaron  talleres creativos e concursos de decoración.
 Convertiron cada rincón, cada espazo.... nun horror... co obxecto de gañar un concurso no que se lles fará entrega dun recoñecemento escalofriante.
Nos corredores voan as pantasmas, na biblioteca resucitan  aos mortos... Qué máis pode ocorrer?. O xoves 29, dous maquivélicos tribunais avaliadores valorarán qué grupos serán os gañadores de tan dura batalla forxada con esqueletos, teas de araña, morcegos, cabazas, bruxas....

E para que vexades, aquí tedes unha mostra do que os nosos alumn@s fixeron para festexar o Samaín.


             
    
           

20/10/15

ENCONTRO FINAL DRAGAL EN PICO SACRO (BOQUEIXÓN)

Venres 16 outubro


    Fomentar a lectura na escola e facelo en galego dun xeito atractivo para os adolescentes non é un reto doado, aínda que traballos literarios como a triloxía Dragal da escritora Elena Gallego Abad, pensada para un público xuvenil, están a facer máis fáciles as cousas. Así o pensan nos institutos que participan este ano no Encontro Dragal, un xogo de rol que na súa segunda convocatoria ven de reunir ás portas de Santiago a preto de catrocentos rapaces de Monfero, A Coruña, Becerreá, Verín e Vilagarcía de Arousa. Todos eles quedaron enredados nas historias que conta Gallego Abad, unha obra que tamén chamou a atención da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que puxo en marcha esta actividade coa colaboración do Concello de Boqueixón. A elección deste espazo ten moito que ver coa mitoloxía galega do dragón, xa que a lenda xacobea di que antes de que o corpo do Apóstolo Santiago chegase a Compostela tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do dragón que se agochaba no Pico Sacro. 
     Facer un xogo de rol con estes vimbios foi doado. E tendo en conta o éxito do Encontro Dragal, a receita resultou de gusto dos estudantes. Proba diso foi que as lecturas da triloxía no curso pasado deron os seus froitos, coa rapazada vestida con traxes medievais e unha reprodución en viñetas das historias do Dragal para que o xogo estivese ben ambientado. Polos recunchos do Pico Sacro estaban agochados moitos cofres cheos de puntos de vida, necesarios para participar na competición e gañar bazas para a vitoria. Mentres cumprían co itinerario, os rapaces íanse atopando con personaxes da triloxía espallados por unha ruta programada por razóns de seguridade e de organización dos tempos. A maxia dos recunchos do Pico Sacro e as gañas de pasalo ben nun moi bo día para desfrutar das vistas fixeron o resto ata chegar á hora do xantar, feito para axudar a confraternización dos xogadores a base de produtos típicos. 
    E lembrando as mensaxes de que o importante é participar, todos eles recolleron un diploma por ter xogado en equipo, mentres os organizadores seguían a contar os puntos de vida recollidos polos rapaces, deixando para os vindeiros días a incógnita de cal foi o colexio gañador.

PREMIO PLANETA 2015


Alicia Giménez Bartlett gañou a 64ª edición dos Pemios Planeta de novela. Recoñecida pola súa serie de Petra Delicado, obtuvo o galardón pola obra "Homes espidos". Esta novela conta a historia de Xavier, un profesor de literatura que se queda en paro, e Irene, unha empresaria que acaba de ser abandonada polo seu marido. Os dous inician unha relación, porén vense obrigados a cambiar as súas vidas drasticamente por mor da crise económica.

   Seguro que resultará interesante achegarse a esta autora!

BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS

"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolareS . A imaxe do cartel responde á interpretación que deste lema fixo o ilustrador e autor de cómic FRAN BUENO,  e ten suficiente carga simbólica e información como para espertar o interese do alumnado.
Así, a biblioteca escolar pode ser a base desde a que explorar o mundo real, pero tamén os mundos imaxinarios; os materiais impresos e os recursos electrónicos achégannos informacións sobre todo aquelo que queremos coñecer e comprender; é un espazo para a investigación individual e para o traballo en equipo; é un espazo integrador cheo de oportunidades de aprendizaxe.

O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións" chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido.

13/10/15

INAUGURACIÓN DO PROXECTO "GENIOS" NO CPI VIRXE DA CELA


A Fundación Ayuda en Acción, en colaboración con Google.org, lanza o proxecto GENIOS, que proporcionará a máis de 5000 nenos e nenas de máis de 30 centros escolares (entre eles o CPI Virxe da Cela, Monfero) as ferramentas e os medios para acceder á tecnoloxía e ao coñecemento, baseándose no feito de que brecha dixital reflicte a desigualdade de acceso ao coñecemento e ás novas tecnoloxías, e implica o risco de exclusión de quen queda fora desa innovación e, en definitiva, do futuro. Un día á semana durante un cuatrimestre os rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria do noso centro mergullaranse no mundo das tecnoloxías a través dun convenio de colaboración entre a Fundación Ayuda e Acción e o CPI Virxe da Cela que se firmou por terceiro ano consecutivo. A mañá do mércores 7 de outubro inaugurouse o programa GENIOS, tendo lugar a primeira das sesións impartidas polo instrutor Yon Penas, centrada nesta ocasión no programa Scratch e baseada na metodoloxía de Jóvenes Inventores. A través do manexo deste programa os nenos e nenas aprenderán non so os fundamentos básicos da programación informática, senón a desenvolver a súas capacidades creativas, relacionarse dun xeito construtivo coa tecnoloxía e o traballo por proxectos. Esta interesante iniciativa axudará ao noso alumnado a reflexionar sobre os valores relacionados coa convivencia, a resolución de conflitos a respecto, a diversidade, a cooperación, un dos obxectivos fundamentais de Ayuda en Acción.







09/10/15

CANDO PETAN NA PORTA POLA NOITE

Imaxinemos a vida na Galicia rural de fai décadas, cando todo era choiva, frío, escuridade e as xentes quedaban pola noite á carón do lume a contar historias de medo, escoitando de lonxe os aullidos dos lobos e o vagar da Santa Comapaña. Felipe Díaz, coñecido artísticamente como "Caxoto", evocounos eses tempos antergos, na sesión de contacontos “Cando petan na porta pola noite” ( un título moi evocador tomado do libro de relatos de Xavier P. Docampo editado por primeira vez en 1994), dirixida ao alumnado da ESO e realizada o pasado martes 6 de outubro de 2015. E…que mellor que contar os nosos medos e fobias para ir abrindo a sesión? Falamos da aracnofobia, agorafobia, bibliofobia, claustrofobia e outros tipos de fobias ou medos que nos poden chegar a paralizar. Fixemos un percorrido pola xeografía galega para encadrar as historias de Xavier P. Docampo, visitando desde a Terra Chá ate espazos moito más próximos á nosa contorna, como a Serra da Loba, Cambás e Aranga. Precisamente nesta zona transcorre o conto de “A loba”, unha historia de amor entre Silvestre e Isaura cun tráxico final. E quedamos sen saber o final do conto “O cumpremortes”, así que agora toca descubrilo a través das páxinas do libro. Caxoto arrincou gargalladas entre o público coa súa espontaneidade, a riqueza da súa fala e o seu estilo peculiar, mais algunhas risiñas nerviosas foron conta do medo…







     

29/09/15

OLA A TOD@S: COMEZAMOS O NOVO CURSO 2015-2016

Xa estamos aquí outra vez, volvemos ao cole e tamén á biblioteca. Afrontamos un novo curso, unha nova aventura. E como cada ano facémolo con moitísima ilusión e con moitas ganas.
Seguiremos realizando moitas das actividades de anos anteriores pero tamén queremos incorporar novos proxectos e actividades á nosa tarefa diaria, xa que o último que queremos é quedarnos estancados nun mundo que non se detén xamais.
Esperamos que este curso sigades estando connosco, apoiando o noso labor e colaborando como o fixestes ata agora.
Queremos que este blog sexa o reflexo do traballo que se realiza na biblioteca e no Centro, que poidades seguir informados dese traballo e que gocedes do mesmo.
Sabede que tanto o colexio como a biblioteca están sempre abertos á comunidade educativa e que a vosa colaboración, axuda e achegas son moi importantes para o seu bo funcionamento. Non debemos esquecer nunca que o que pretendemos é conseguir o mellor colexio e a mellor educación para os nosos alumnos e o mellor xeito de facer isto é, FACELO ENTRE TODOS.


08/06/15

Día do Libro 2015

Co gallo do día do libro e xa que o noso centro está participando no prpxecto Dragal, o pasado 23 de abril, día do libro entregamos os premios do concurso de debuxo "Inventa o teu Dragón". Os traballos presentados están expostos no corredor de acceso á biblioteca, e aquí tedes unha mostra dos mesmos:






15/04/15

Preguntón 2015, Resposta semana 5 e preguntas semana 6

Xa na recta final do PREGUNTÓN deste ano pasamos a darvos a solución ás preguntas da pasada semana.

E para que sigades dándolle ós miolos ahí vos van as preguntas da semana 6. Só son tres... iso quere dicir non que sexan máis difíciles, senón que leva máis tempo solucionalas... Repítovos: lede ben... as respostas prácticamente están nas preguntas. Ánimo, xa estamos na recta final.

23/03/15

Preguntón: Respostas semana IV e preguntas Semana V

Pois non era tan difícil. O que se vos dí sempre: "Lede ben...". Estoume referindo principalmente ó problema dos cartos... Unha semana pensando en dividir 300€ en dous billetes de tal maneira que un non fora de 100 €. E claro, era tan evidente a resposta que vos negábades a poñela por escrito. Outros demostráchedes o noviños que sodes: Pensar que tivestes que consultar na rede o que era a "Carta de axuste"! que envexa tiven da vosa xuventude... Isas dúas foron as respostas que máis fallastes. As outras eran bastante doadas sabendo buscar. Pois ahí vos van as solucións:
E para que sigades exprimindo os miolos ahí vos van as porpostas da semana cinco. Repito: "Lede ben" e ás veces é bo que botedes man dos grandes libros que atesoramos nas nosas casas: Libros vivos, cheos de sabiduría e tenrura, sabios e con ganas de ensinar, estoume a referir ós avós. Moita sorte a todos.


16/03/15

PREGUNTÓN (respostas 3ª semana e preguntas 4ª semana)

E chegando ó ecuador desta actividade, imaxino que xa vos daríades conta de que o máis importante para resolver os enigmas que semana a semana se nos propoñen é ler. Ler, sen máis, interpretando o que se nos di, que non é o mesmo que o que nos queremos que se nos diga... E para non liarnos máis ahí tedes as respostas da semana pasada:



Ahí vos van outras catro para poñer en funcionamento os miolos. Repetimos que o segredo da solución está na lectura, pausada e buscando o verdadeiro significado do que se nos di. Ánimo que todos podedes atinar!


10/03/15

PREGUNTÓN 

(respostas 2ª semana e preguntas 3ª semana)

Unha semana máis acudimos á cita cos investigadores que nos están axudando a descobrir os misterios que se atopan ó noso alrededor. Despois de moito traballo descobrimos as claves para atopar as respostas da segunda semana. Moi interesantes...! Que traballo nos deu a algúns descobrir o color das mangas do chaleque de Picasso... E digo eu: Co especial que era Picasso para as súas cousas por qué non imaxinar que o seu chaleque podía ter mangas? Pois claro... sería unha chaqueta. Tamén resultou interesante coñecer que os ingleses conducen tal e como se conduciu dende tempos remotos... Somos os demáis os que cambiamos a nosa maneira de conducir... en canto ó problema, xa se sabe, en matemáticas no todo é o que parece. Aquí vos deixamos as respostas da semana pasada. E as preguntas desta. E como sempre vos dicimos: SENTIDO COMÚN! aínda que sexa o menos común dos sentidos.


En canto ás novas preguntas vouvos dar unha pista para a primeira cuestión. A frase que pronunciou a antropóloga nada máis amencer fixo que os caníbales os deixaran libres por unha simple razón: porque a pesares de todo eran uns grandes observantes da súa lei: e dicir, se o prisioneiro dicía algo verdadeiro tocaríalle unha morte doce..., mentres que se decía algo falso asaríano vivo... que horror! por eso tedes vós que abrir a vosa mente e pensar qué diría que inevitablemente entraba en contradicción coas súas leis. Ánimo, non é tan difícil.


Recomendando libros

Catro libros, catro lectores, e catro obras de arte... isto é o que nos deixaron os nenos e nenas de terceiro de primaria que despois de ler os libros que a continuación aparecen, fixeron unha reflexión e plasmaron os seus pensamentos. A todos e cada un deles, grazas.