29/03/16

DESDE AS BIBLIOTECA, ESPECIAL RADIOFÓNICO VIII RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2016

O alumnado de 4º e 5º de primaria do CPI Virxe da Cela gravaron desde a nosa biblioteca,un especial radiofónico para retransmitir a VIII edición do Rastro Solidario e Operación Quilo 2016. Entrevistaron a alumnado e profesorado que traballou na organización deste evento solidario (como a alumna Diana Caruncho de 4º da ESO ou ás profesoras Verónica Dopico e Yolanda Castro), así como a outros profesionais que visitaron o noso centro, como a Elisangela Silfa, moza da República Dominicana voluntaria na ONG Solidariedade Internacional Galicia que impartiu un obradoiro de Comercio Xusto e Consumo Responsable. Agradecemos a Sergio Pascual e Lucía Abarrategui a súa implicación nas actividades no noso centro e o magnífico traballo que están a facer a través do Laboratorio Radiofónico "Radio Itinerante Creativa". 




OBRADOIROS DE COMERCIO XUSTO E CONSUMO RESPONSABLE


      O venres 18 marzo de 2016 o alumnado da ESO do CPI Virxe da Cela recibiu un obradoiro de Comercio Xusto e Consumo Responsable impartido por Ana Lampón, técnica da ONG Solidariedade Internacional Galicia, xunto con Elisangela Silfa, voluntaria nesta organización e que na actualidade está en Galicia cunha beca do seu país, República Dominicana, realizando o Mestrado Universitario en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares e Socioeducativas na Universidade da Coruña. Transcribimos aquí as palabras de Ana Lampón describindo a actividade: 

      O obradoiro de Consumo Responsable ten a finalidade de que nos demos conta da importancia que ten o consumo nas nosas vidas, dende que nos levantamos ata que nos deitamos estamos consumindo. De aí a importancia de reflexionar sobre os nosos xeitos de consumir. O consumo responsable é aquel que se basea na elección de produtos non solo pola súa calidade e o seu prezo, senón tamén polo impacto social e ambiental, pola conduta das persoas e/ou empresas que o elaboran. Tamén implica consumir menos, soamente o necesario para un bo vivir, e estar a atentos á publicidade para saber como nos crea falsas necesidades. 
    A actual sociedade de consumo, pretende facernos crer que a nosa felicidade se consegue comprando e consumindo sen sentido, polo que traballar cos mozos e mozas estas temáticas é tan importante, sobre todo proporcionando alternativas como poden ser o Comercio Xusto, o consumo ecolóxico, de proximidade, a economía social ou solidaria, etc. Sobre os contidos, traballamos na identificación e diferenza entre necesidades e desexos, os conceptos do comercio tradicional como as multinacionais ou a deslocalización, os dereitos dos produtores dos países empobrecidos, etc. 
      A resposta das mozas e dos mozos da ESO do CPI Virxe da Cela foi excelente, participaron moi activamente nas dinámicas e actividades propostas, implicáronse na procura de solucións aos problemas plantexados, e levaron moi ben os contidos do taller á práctica da vida cotiá. Cabe destacar que, en xeral, son un alumnado moi concienciado e solidario. Ana Lampón. Solidariedade Internacional Galicia

                              
                           Crónica obradoiros comercio xusto e consumo responsable from satelite1