13/06/25

ACTO DE CLAUSURA DO PROXECTO SCHOOL TO SCHOOL NA BIBLIOTECA ESCOLAR

Remata o curso e damos por finalizado o proxecto School to School, un intercambio cultural e de tradicións entre o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) e a Konapalli School (a India). Quixemos reunirnos todos os/as participantes ( alumnado de 5º de EP e 1º da ESO)  na Biblioteca Castelao para facer un visionado de todos os materiais elaborados polo noso centro e pola Konampalli School, que están pendurados nunha plataforma dixital. A través das fotos, vídeos, debuxos e cartas descubrimos que a parte de todas as diferenzas que nos enriquecen a ambas culturas, no fondo subxacen moitas cousas en común. Valorar o noso e respectar o diferente axuda a derrubar muros e hermanar aos pobos. Grazas á Fundación Vicente Ferrer podemos participar todos os anos nesta iniciativa tan interesante. Todos os rapaces e rapazas, e as profesoras que guiaron ao alumnado durante todo o proceso de traballo, recibiron un colorido diploma acreditativo agradecendo a súa participación. 








11/06/25

Radio cun sorriso: por un horario escolar feliz. Á procura do consenso sobre o horario escolar no CPI Virxe da Cela.

O alumnado de 2º da ESO do CPI Virxe da Cela de Monfero levou a cabo unha investigación sobre os motivos polos que se fixou o actual horario escolar e as consecuencias que ten na distribución do seu tempo de estudo e lecer. O resultado foi a elaboración dun programa de radio no que se realizou unha enquisa entre as alumnas e alumnos do centro para coñecer o grao de conformidade co horario no que se desenvolve a xornada escolar e unha entrevista á directora, que resolveu dúbidas e orientou de cara á posibilidade de lograr cambios.

Imaxe representativa da proposta realizada polo alumnado de 2º da ESO.

Esta experiencia radiofónica pretende que o alumnado se familiarice coas formas de participación que regulan a vida dun centro e se implique nos procedementos para obrar transformacións que redunden na mellora da calidade educativa, contribuíndo ao desenvolvemento do obxectivo 4 das ODS: “Garantir unha educación de calidade”. 

Descrición do proceso (e accións principais). Como se desenvolveu.

O proxecto desenvolveuse entre os meses de xaneiro e xuño de 2025 abranguendo un total de cinco sesións impartidas cunha periodicidade mensual por unha profesional da comunicación da agrupación AGARESO. Na primeira sesión o alumnado propuxo varios temas do seu interese e despois de poñelos en común decidiron investigar sobre un asunto que os concernía especialmente, o horario escolar. A partir de aí, elaboraron un plan de traballo e un guión de programa radiofónico que concluiría coa entrevista a María del Camino Pereiro González, directora do CPI da Virxe da Cela, que ofreceu información contrastada e fundamentada sobre o tema.   

(LUCES)

Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?

A experiencia comezaba preguntando ao alumnado sobre situacións actuais que os afectaban ou preocupaban especialmente. Cada participante escribiu nun post-it os asuntos do seu interese e expúxoos diante dos demais para despois proceder a unha votación mediante puntos adhesivos de cores.  A elección foi practicamente unánime, pois sentían que o feito de entrar máis tarde que noutros centros condicionaba o seu día a día. Decidida a temática, o alumnado abordou o asunto a partir das seguintes preguntas: por que entramos tan tarde?, quen decidiu o horario?,  estamos conformes?, como afecta as nosas vidas?, é posible entrar máis cedo e que non se alongue a xornada pola tarde? Tras o debate en grupo, o alumnado decidiu facer unha entrevista á directora do centro para informarse máis sobre o tema e unha enquisa entre o alumnado para saber se estaban de acordo co horario actual e se coñecían as causas de entrar máis tarde do normal.

(CÁMARA)

Por que entramos máis tarde que noutros centros? Estamos de acordo co actual horario?

No proceso de análise chegouse á conclusión de que entrar ás 9.45 condicionaba a xornada de alumnado e familias. O feito de entrar a esa hora retrasa a saída ata as 16.45 e ademais fai que se acurte o tempo para comer ao mediodía, obrigando en moitos casos a usar o comedor escolar. Para coñecer a opinión do alumnado do centro fíxose unha enquisa entre compañeiros e compañeiras de 1º, 3º e 4º da ESO e 6º de EP. Nela preguntábase cal crían que eran as razóns polas que entraban máis tarde que noutros centros e se  estaban de acordo co horario. A enquisa puxo de manifesto a desconformidade da maior parte do alumnado, que prefería saír antes pola tarde para dedicarllo a tarefas escolares e extraescolares ou dispor de máis tempo de lecer. Entre as causas, o alumnado destacou o horario dos autobuses, que se ocupan antes do transporte doutros centros. A enquisa foi gravada e emitida no programa de radio.

Imaxe realizada polo alumndo para representar a súa proposta de acción a partir desta investigación.
(ACCIÓN)

Pedimos unha entrevista coa directora do CPI Virxe da Cela

Despois de coñecer as preferencias do alumnado sobre o horario escolar, o grupo decidiu dirixirse á dirección do centro coa intención de afondar sobre os motivos que xustificaban o horario e saber se é posible cambialo.

Concertouse unha entrevista coa directora do CPI Virxe da Cela, Camino Pereiro González, que resolveu moitas das dúbidas, ofreceu o seu punto de vista, solidarizándose coas inquietudes do estudantado, invitou á reflexión e orientou para actuar no caso de que estivesen dispostos a intentar cambialo. 

Radio cun sorriso. Buscamos solucións ao despoboamento rural

O alumnado de 3º da ESO do CPI Virxe da Cela de Monfero levou a cabo unha investigación sobre os motivos polos que se produce o despoboamento do mundo rural, moi visible no seu entorno. O resultado foi a elaboración dun programa de radio no que se propiciou a reflexión sobre este tema e no que se realizou unha entrevista a unha persoa que podía dar testemuño da vida no rural e dos cambios que se produciron na localidade de Monfero desde os tempos da súa infancia.   

Con esta experiencia preténdese que o alumnado reflexione sobre as formas de habitar o territorio, valore as posibilidades do rural, identifique as causas do despoboamento neste medio e procure solucións que contribúan a desenvolver o obxectivo 11 das ODS: facer que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros e sostibles. https://www.un.org/sustainabledevelopment/cities/

O proxecto desenvolveuse entre os meses de xaneiro e xuño de 2025 en varias sesións impartidas por Rocio experta no medio radiofónico de Agareso. Para empezar preguntouse ao alumnado polos temas que lles preocupaban e despois dunha posta en común e un debate decidiron investigar sobre o despoboamento que afecta ao entorno rural no que viven. A experiencia concretouse nun programa de radio no que se analizaron as causas do despoboamento, as vantaxes e inconvenientes de vivir no campo ou a posibilidade de facelo no futuro. Tamén realizaron unha entrevista a unha persoa natural da zona que deu conta da experiencia de vivir no medio rural e dos cambios que percibiu no seu entorno desde que el era neno.  

(LUCES)

Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?

A experiencia comezaba preguntando sobre situacións actuais que afectaban ou preocupaban ao alumnado. O punto de partida foi unha chuvia de ideas; expuxéronse varios temas, debateuse e elixiron investigar sobre o despoboamento do rural. Despois traballaron en pequeno grupo arredor das causas e consecuencias do despoboamento nas zonas rurais de Galicia e compartiron os resultados para abordar a problemática con maior amplitude desde o propio coñecemento que tiñan da realidade: avaliaron as vantaxes e inconvenientes de vivir no rural, expuxeron as súas expectativas de cara a poder desenvolver a súa vida futura nel e buscaron solucións aos déficits que presenta a actual situación das nosas aldeas. Polo xeral, o alumnado amosou apego ao campo, valora vivir neste entorno e de ser posible afincaríase nel aínda recoñecendo as dificultades que implica, por exemplo de cara a realizar estudos superiores ou atopar un posto de traballo.  

(CÁMARA)

Quen pode responder as nosas preguntas sobre a vida no rural?

Para completar a visión  sobre a problemática do despoboamento no mundo rural e achegar solucións, o alumnado de terceiro curso da ESO do CPI de Virxe da Cela decidiu entrevistar unha persoa coñecida na comunidade que puidese responder as súas preguntas e resolver algunhas dúbidas. O elixido foi Amando, técnico de deportes do Concello, que ademais de explicar as razóns persoais que o levaron a escoller o rural para vivir e analizar a problemática, deixounos o testemuño dos cambios que se produciron desde que el era estudante. Ao tratarse dunha persoa relativamente nova e cun traballo que non resulta un impedimento para residir na zona, o seu caso pode tomarse como un exemplo para a xente que desexa desenvolver a súa vida no medio rural, sexa no lugar onde naceu ou noutro.  

Imaxe representativa do pensamento crítico do alumnado de 3º da ESO.

(ACCIÓN)

Compartindo a experiencia da Rede Compás

Aproveitando que parte do alumnado participara, dentro do marco do proxecto europeo de “Rede Compás”, nun encontro entre centros no que se tratara a mesma temática, trasladouse ao programa de radio a experiencia e as conclusións ás que se chegara alí. Moitas eran as mesmas que apareceran no proceso de análise realizado nas sesións de traballo: deficiencias no transporte público, dificultades da mocidade para realizar os estudos desexados en centros próximos, limitada oferta de traballo, carencias nos servizos, pouca vida social ou deterioro da vivenda. Seguindo o espírito da Rede Compás, plan impulsado desde a UE que procura fomentar o activismo entre a xuventude propondo modelos de futuro sostibles, propuxéronse solucións como impulsar mellorar as condicións de vida da poboación do campo, promover o asociacionismo ou demandar axuda das entidades públicas, igual que se fixera no manifesto elaborado no encontro entre centros no que participou o CPI de Monfero.  

RADIO CUN SORRISO: SUICIDIO XUVENIL E SAÚDE MENTAL

 “Radio cun sorriso” é unha iniciativa do CPI Virxe da Cela para traballar na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e o benestar empregando a radio como unha ferramenta de aprendizaxe e cambio social en colaboración con Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social)

O alumnado da ESO desenvolveu as súas competencias comunicativas a través do diálogo e da reflexión sobre os temas que máis lles preocupan,  sempre dende unha perspectiva positiva e tentando achegar solucións. Cómpre dicir que as temáticas enfocáronse cara ao tratamento dos ODS partindo da análise e posta en valor da realidade contextual do alumnado e contando con referentes significativos da súa realidade para enfocala despois cara a unha visión máis global. Neste caso camiñamos cara a valoración e a consecución do Obxectivo 3: Garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades.

A través da micro-experiencia “Radio cun sorriso: Suicidio xuvenil e saúde mental”, 10 alumnas e alumnos de  ESO reflexionaron, investigaron e tiraron conclusións sobre a importancia da saúde mental e das consecuencias que pode chegar a ter unha persoa que presente problemáticas relacionadas con esta. Para darlle visibilidade ás súas inquedanzas empregaron a radio como soporte e elaboraron un programa radiofónico que inclúe a presentación do tema, datos estatísticos a nivel autonómico e estatal, unha entrevista con recomendacións dunha profesional e as reflexións do grupo sobre o tema.

As micro-experiencias desenvólvense en tres etapas:

LUCES

As alumnas e os alumnos escolleron democraticamente a temática de interese coa técnica da diana, isto é, escribiron diferentes preocupacións nuns papeliños que logo foron pegando nunha diana desde o centro ata fóra segundo o seu nivel de importancia. Desta dinámica saíron dous temas principais: o racismo e a pedofilia.  A través da metodoloxía da árbore de problemas, identificaron as causas e as consecuencias dos problemas principais e, por último, escolleron  a temática do suicidio xuvenil entre outras temáticas como a perda de falantes en lingua galega, a inmigración ou o racismo. Observaron como remataron por escoller para a súa investigación unha das consecuencias dunha das problemáticas iniciais e non a propia problemática. Con todo isto elaboraron a introdución do programa de radio.

CÁMARA

Ao introducírense na temática do suicidio xuvenil precisaban aclarar varias cuestións que lles xeraban curiosidade e das que non tiñan coñecementos, como por exemplo: cantas casos hai de suicidios na nosa comunidade, cales son as causas que poden levar a unha persoa a tomar esa decisión, se hai un soporte sanitario eficaz para atender as persoas que precisan axuda, como se pode axudar a evitar este problema, etc. Para isto decidiron investigar fontes informáticas como:

https://www.sanidad.gob.es/gabinete/notasPrensa.do?id=6418 https://www.savethechildren.es/actualidad/suicidios-adolescentes-espana-factores-riesgo-datos ,  https://www.aldeasinfantiles.es/area-prensa/aldeas-infantiles-sos-urge-a-la-sociedad-en-su-conjunto-a-prevenir-el-suicidio-adolescente-y-juvenil

https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/Plan-de-prevenci%C3%B3n-do-suicidio-en-Galicia?idioma=es

https://www.stopsuicidiogalicia.org/o-suicidio/

Ademais,  acordaron entrevistar á Orientadora do centro para buscar respostas á súa preocupación. 

ACCIÓN

Recollida toda a información, para gravaren un programa radiofónico que reflectise a importancia da saúde mental na nosa sociedade, as alumnas e alumnos elaboraron un guión que lles facilitou o desenvolvemento do seu traballo. Concretaron unha entrevista con Lara Real, a Orientadora do centro e Psicóloga, e coñeceron de primeira man moitos aspectos sobre a realidade do suicidio xuvenil.


RESULTADO DA EXPERIENCIA

O alumnado de  da ESO descubriu que a saúde e o benestar son dereitos que a sociedade debe ter garantidos. Ás veces, a sanidade non é quen de atender todos os casos e cando chega a atención xa é tarde para as persoas que sofren algunha doenza. As rapazas e rapaces do grupo concienciáronse da importancia da saúde e, máis concretamente, da saúde mental xa que, malia non o consideraren, este é un problema que lle afecta tamén á mocidade e podería incluso afectarlles directamente. Asemade, desenvolveron empatía cara ás persoas afectadas e quixeron salientar a importancia do suicidio xuvenil e crear conciencia na comunidade educativa sobre a importancia da boa saúde, dos estilos de vida saudables e do dereito das persoas a uns servizos de atención médica de calidade, especialmente cara aos máis vulnerables, coma as mulleres e os nenos.

Con metodoloxías activas e participativas que buscan a participación social e o cambio, estas rapazas e rapaces investigaron para logo faceren unha análise crítica das súas pesquisas e ofrecer alternativas para o dito cambio empezando polo propio autocoidado.

Ademais, a radio serviulles de ferramenta indispensable para a difusión desta actividade e para levar as súas ansias, investigacións e conclusións máis aló da sala de gravación e, deste xeito, chegar a toda a comunidade educativa e a todo aquelas persoas que teñan a ben escoitar a rapazada activa e crítica.

Pódese escoitar o programa radiofónico no seguinte enlace:  ……………………………………….....

10/06/25

RADIO CUN SORRISO: ESTA É A NOSA HORA

“Radio cun sorriso” é unha iniciativa do CPI Virxe da Cela para traballar na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e o benestar empregando a radio como unha ferramenta de aprendizaxe e cambio social en colaboración con Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social)

O alumnado da ESO desenvolveu as súas competencias comunicativas a través do diálogo e da reflexión sobre os temas que máis lles preocupan,  sempre dende unha perspectiva positiva e tentando achegar solucións. Cómpre dicir que as temáticas enfocáronse cara ao tratamento dos ODS partindo da análise e posta en valor da realidade contextual do alumnado e contando con referentes significativos da súa realidade para enfocala despois cara a unha visión máis global. Neste caso camiñamos cara a valoración e a consecución do Obxectivo 4: Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos.

 A través da micro-experiencia “Radio cun sorriso: Esta é a nosa hora”, 18 alumnas e alumnos de 1º ESO reflexionaron, investigaron e tiraron conclusións sobre a importancia do seu horario escolar e a repercusión nas súas propias vidas a todos os niveis. Para darlle visibilidade ás súas inquedanzas empregaron a radio como soporte e elaboraron un programa radiofónico que inclúe a presentación do tema, o punto de vista da maioría dos axentes implicados, as conclusións e as posibles solucións ás súas preocupacións.

As micro-experiencias do Globo desenvólvense en 3 fases:

LUCES

As alumnas e os alumnos escolleron democraticamente a temática de interese coa técnica da diana e, a través da metodoloxía da árbore de problemas, identificaron a problemática do horario escolar no centro, analizaron as causas e tamén as súas consecuencias. Con todo isto elaboraron a introdución do programa de radio.


CÁMARA

Ao introducírense na temática do horario escolar decidiron investigar varias cuestións que lles xeraban curiosidade e das que non tiñan coñecementos, como por exemplo: quen decide os horarios dos centros escolares, a posibilidade de modificar esa cuestión desde o centro ou mesmo a historia do seu horario. Para isto decidiron recorrer a fontes de información do propio centro e pensaron que entrevistar ao Secretario sería unha boa opción para obter respostas. Mais a opinión dunha persoa non era suficiente para facer un estudo completo da situación e tomaron a decisión de elaborar enquisas sobre o tema para o resto do alumnado do centro e tamén para as familias.


ACCIÓN

Elaboradas as enquisas só quedaba repartilas polas aulas e recollelas unha vez finalizadas. Para iso, as alumnas e os alumnos organizáronse en pequenos grupos e encargáronse da tarefa. Por outro lado, tamén había que recompilar información da parte das familias e o grupo decidiu que todas e todos participarían nese labor a nivel individual, ben con gravacións de voz, ben con recollida escrita de testemuños.

Unha vez recollidos os datos, organizáronos en gráficas e analizáronos para chegar a unha conclusión sobre a visión xeral desta cuestión tan importante para o grupo. As súas preocupacións xa non eran só súas, pois identificaron que tamén lle preocupaban á maioría do alumnado do centro e a moitas das familias entrevistadas, por diferentes motivos.



RESULTADO DA EXPERIENCIA

O alumnado de 1º da ESO que participou nesta experiencia partiu da súa propia visión e opinión sobre o horario escolar e concluíu o seu labor cunha perspectiva que ía máis aló do propio grupo, pois fixeron visible unha inquedanza que está presente na comunidade educativa desde hai anos e reabriron o debate dun posible  cambio da xornada escolar.  Con metodoloxías activas e participativas que buscan a participación social e o cambio, estas rapazas e rapaces investigaron para logo faceren unha análise crítica das súas pesquisas e ofrecer alternativas para o dito cambio.

Ademais, a radio serviulles de ferramenta indispensable para a difusión desta actividade e para levar as súas ansias, investigacións e conclusións máis aló da sala de gravación e, deste xeito, chegar a toda a comunidade educativa e a todo aquelas persoas que teñan a ben escoitar a rapazada activa e crítica.

Pódese escoitar o programa radiofónico premendo neste enlace. 


09/06/25

Encontro O GLOBO: Radio cun sorriso: Cidadáns do mundo!!! Ningunha guerra é allea!!!

                                                Imaxe representativa do Observatorio para educat na cidadanía Global.
O alumnado do 6º curso participa no encontro do Globo a partir do seu traballo no programa de Radio escolar do centro.

Esta experiencia radiofónica pretende que o alumnado entenda as causas e as consecuencias dos conflitos bélicos inciden en todas as sociedades. Concretamente o desenvolvemento do obxectivo 16 dentro dos ODS: “Promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas”.

O evento  do Globo converteuse nun referente para persoas e organizacións comprometidas coa transformación social, que atopan aquí un espazo para compartir, aprender e inspirarse mutuamente.

Como cada ano, este encontro será o punto de unión para persoas diversas pero cunha mesma inquietude: traballar pola xustiza social. Un espazo para coñecer referentes e, á súa vez, converterse en referentes para outras persoas.

O encontro xira ao redor dunha Feira de Microexperiencias de Transformación Social, onde entidades e colectivos amosarán os seus proxectos e iniciativas. Entre elas o alumnado de 6º curso do noso centro. Pero tamén haberá lugar para a arte, o humor e a radio, disciplinas que nos permitirán reflexionar de forma conxunta sobre como colaborar para construír un mundo máis xusto. 

Toda unha experiencia de convivencia na que compartir iniciativas e aprendizaxes!!!