24/10/26

O ESCRITOR NÚÑEZ SINGALA DA UNHA CHARLA NA BIBLIOTECA


O xoves 23 de outubro de 2026 o alumnado de 3º e 4º da ESO recibiu unha charla impartida polo escritor, filólogo e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Núñez Singala. 

Laura Pensado, coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI Virxe da Cela e docente de Lingua Galega, organizou esta charla que, baixo o título "O galego, unha oportunidade", trata de sensibilizar  á mocidade para que reflexione sobre o valor do galego non só como elemento identitario e cultural, senón tamén a nivel persoal, social e profesional no mundo actual. 

Contar coa visita de Núñez Singala para esta charla sobre sociolingüística soubo a pouco, esperemos que algún día poida regresar ao noso centro para falar da súa faceta como escritor. Lembrámosvos que Núñez-Singala foi galardonado co premio Clubs de Lectura 2023, e posiblemente este curso o Club de Lectura Larpacontos ESO escolla o seu libro Instrucións para tomar café como unha das lecturas a compartir.