01/12/25

Semana da "Memoria histórica" na Biblioteca Castelao

Durante a semana do 24 ao 28 de novembro, o alumnado de 4º da ESO recibiu no centro a varios especialistas sobre cuestións relacionadas con diferentes ámbitos da represión franquista no século pasado. Estas charlas están enmarcadas dentro do seu proxecto de trimestre para a materia de Xeografía e Historia, titulado “Voces silenciadas. Lugares de memoria. Violencia e represión nos concellos de Monfero, Irixoa, Aranga e Vilarmaior entre 1936 e 1949”.

O primeiro en asistir foi o arqueólogo Serxio Castro, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, quen lles fixo unha exposición sobre o proceso de exhumación dunha fosa común. O alumnado puido compartir con el ata tres sesións de 50 minutos nas que foron descubrindo diversas curiosidades de arqueoloxía forense e tamén se interesaron por saber como poderían facer eles como particulares para iniciar a solicitude de exhumación dos restos que teñen localizados a través de diversas entrevistas orais aos veciños do Concello de Aranga.

O venres 28, ás 12:35, acudiron á biblioteca o ilustrador Carlos Sardiña, o xornalista Pablo Santiago, a profesora e investigadora Anxos García Fonte e o historiador Enrique Sanfiz para presentar o libro titulado A morte nas Fragas, que narra a historia de represión de Pedro Rico e Constantino López, veciños da parroquia de Taboada, en Monfero. Visualizaron o documental e puideron observar en directo a creación artística de dous impresionantes debuxos feitos a carbón de Carlos Sardiña. Posteriormente, compartiron con Pablo Santiago unha charla sobre o seu traballo explicándolles diversos acontecementos e sucesos que están aínda a investigar.

Por último, á tarde, de 15:35 a 17:30 h tiveron unha dinámica para traballar a oratoria de cara á próxima presentación do seu traballo con Oladapo Oladipo, profesor do Colexio Internacional de Eirís, que lles deu as claves para realizar unha exposición oral controlando os nervios, os tempos e as emocións.

Xornada de xogos de mesa: A que vas xogar este Nadal?

Este martes día 9 de decembro ás 16:30 h, desde a biblioteca do centro, temos unha xornada de convivencia de xogos de mesa en familia, ofrecida pola tenda "Margarida Xoguetes" de Carral. Omayra ensinaranos algúns xogos relacionados coas matemáticas, a lingua, a atención, a memoria... e sobre todo: a diversión! Esta actividade tamén pode servir para darlles pistas a Papá Noel e RR.MM e pasar momentos divertidos e compartidos en familia estas vacacións que se aveciñan. Anotádevos no mail bibliotecacpivirxedacela@gmail.com e indicade nome e curso das persoas que ides vir para facernos unha idea dos que somos e as idades que tedes e así poder adpatar mellor os xogos que se traian. Animádevos a participar!
Xornada de xogos de mesa de bibliotecacpivirxedacela