A verdade é que cando me puxen a escribir a entrada do blog
e mirei o título,“Graduación 2020”, invadiume unha mestura de tristeza e satisfacción.Tristeza porque non puidemos festexar o
voso acto de graduación como quereriamos, como vos merecedes... A situación que
vivimos por mor desta pandemia obrigounos a deixar de vernos
desde marzo, a deixar de facer moitas actividades que tiñamos programadas e nas
que vós seriades protagonistas, e a cambiar moitos dos nosos hábitos. Pero en todo este contexto, debemos quedarnos coa alegría de pensar que conseguistes
finalizar con meritorio éxito unha etapa que comezou hai 13 anos neste, o voso
cole o Virxe da Cela.
A todos os
profes gustaríanos agradecervos
todo o que nos aportastes durante todos estes anos. En moitos momentos
convertéstesvos en activistas, mestras, contacontos, presentadoras, voces
críticas...fixéstesnos lembrar o importante que é loitar con paixón polo que un
quere, aprender de amizade, de goce, de paixón pola vida e mil cousas máis.
O noso obxectivo non foi simplemente que aprenderades, senón
moito máis que iso. O tempo é ese ben tan prezado que non se pode recuperar, e
esperamos que ese tempo sexa importante para vós, non só pola formación
académica que recibistes, senón tamén
pola humana. Gustaríanos que vos levarades valores, actitudes, gratitude,
xenerosidade, amizade, formas de entender a vida... e que isto vos resulte útil
para o voso futuro.
Agora é o momento de que comecedes unha nova etapa. Non perdades o gusto por aprender, por descubrir,
por investigar, por estar conectadas con todo o que vos rodea. Non hai mellor
forma de estar vencellados aos outros e á vida que esa habilidade que temos desde
nenos de querer saber e saber máis aló.
E bueno... sen dúbida xa vos convertestes en parte das nosas
vidas.
Moitas grazas por formar parte desta comunidade educativa e alá, onde a vida os leve, non vos esquezades nunca das vosas orixes, de quen sodes e de onde vides, sentídevos moi orgullosas porque sodes Monfero Calidade, Galiza Calidade.
Moitas grazas por formar parte desta comunidade educativa e alá, onde a vida os leve, non vos esquezades nunca das vosas orixes, de quen sodes e de onde vides, sentídevos moi orgullosas porque sodes Monfero Calidade, Galiza Calidade.
Para rematar
querémosvos desexar de corazón
toda a sorte do mundo e
recordarvos que sempre teredes
abertas as portas deste, o voso cole.
Con cariño de toda a Comunidade Educativa do CPIP Virxe da Cela
Ningún comentario:
Publicar un comentario