20/12/23

Radio escolar: Mergulla desde a clase

Este curso o alumnado do 3º curso da Ed. Primaria dentro do programa de Radio escolar está a investigar sobre o mar, centrando a súa atención sobre  as especies mariñas de Galicia e sobre os efectos que nelas teñen a degradación medioambiental.  Dentro deste proceso de investigación contaron cun obradoiro da Cooperativa 13 grados (Sara Carrasco e Silvia Iglesias) cuxa finalidade e divulgar e sensibilizar sobre a importancia de coidar o medio mariño, centrándose en Galicia. 

Así, mergullámonos desde o cole no mundo mariño a través dunha experiencia inmersiva empregando a realidade virtual. Toda unha experiencia sensitiva de aprendizaxe.  




Imaxes recollidas durante a actividade. 

19/12/23

TEEN SIDE: FOMENTANDO A LECTURA ENTRE A MOCIDADE

 A Biblioteca Casteao e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI Virxe da Cela apoian esta nova iniciativa de fomento da lectura para os adolescentes/as: a nova revista Teen Side, elaborada polo alumnado que cursa a optativa Proxecto Competencial en 3º da ESO, dirixida a un público mozo. Xa que todos/as temos os nosos gustos e preferencias, nesta revista o alumnado da ESO poderá descubrir interesantes contidos sobre música, moda, festas, e tamén recomendacións de lectura. 






TEEN SIDE 1 by veracruces on Scribd

18/12/23

XA É NADAL NA BIBLIOTECA DO XESTAL!!

 


Un ano máis chega o Nadal ao Xestal. Na Biblioteca Castelao quixemos tamén decorar un pequeno recuncho para convidarvos a este ambiente tan entrañable. Se mirades ben nas polas da árbore poderedes descubrir uns pequenos libros en miniatura. Non deixedes de visitar a nosa biblioteca e levar unha pila de libros en empréstito para gozar da lectura nas vacacións. 

29/11/23

HERMANAMENTO DO CLUB DE LECTURA E O CLUB DE RADIO

O mércores 29 de novembro de 2023 un grupiño de alumnos/as de 1º, 2º e 4º da ESO do CPI Virxe da Cela compartiron unha xornada moi especial e afianzaron lazos de unión para futuras colaboracións. Por unha banda os membros do recén creado Club de Radio e por outra banda os xa máis veteranos do Club de Lectura Larpacontos, todos eles/as dispostos a afondar sobre o mundo da radio a través da visita á emisora Radio CUAC FM (unha actividade realizada grazas ao apoio da Fundación Ayuda en Acción). Coñecer de primeira man as posibilidades que ofrece a radio como ferramenta para a comunicación e a difusión ofrécenos a posiblidade de utilizala, por que non, para falar das nosas experiencias lectoras, para captar a futuros lectores, para promocionar autores e obras, en conxunto, para promover a lectura. 



24/11/23

A RADIO DINAMIZA A BIBLIOTECA

Alumnado de educación primaria visitou a Biblioteca Castelao para preparar os contidos que acto seguido gravaron no noso estudio de Radio Ferraganchos. Lorena Boga e Jennifer Chamadoira, de Ayuda en Acción, guiaron tanto a parte técnica como a parte de elaboración do guión.

 



20/11/23

XORNADA BIBLIOTECAS ESCOLARES GALICIA 2023


O coordinador da Biblioteca Castelao participou na Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2023, que tivo lugar no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, dándose cita equipos de biblioteca, docentes, asesores/as dos centros de formación do profesorado e persoas expertas na temática do lema deste curso "Unha biblioteca escolar en viñetas".

 

 

O fío condutor desta xornada, a banda deseñada, amosouse coma soporte para diferentes relatos, da ilustración como linguaxe poderosa e abordouse tamén o papel facilitador da biblioteca a través dos novas linguaxes e espazos, dos proxectos, do voluntariado, do fomento da lectura e da participación das familias.

Xornaas Bibliotecas Escolares Galicia 2023 PROGRAMA BIBLIOTECAS_dixital by veracruces on Scribd

16/11/23

20 NOVEMBRO 2023: DÍA DO PIXAMA

A Biblioteca Castelao únese á proposta do Día do Pixama 2023 para reivindicar o dereito dos menores a vivir nun fogar en familia. Esta é unha iniciativa da ASEAF (Asociación Estatal de Acogimiento Familiar) encamiñada a visibilizar aos nenos/as e adolescentes que viven en centros de acollida. O día da de celebración é o  20 de noviembro, coincidindo coa data da aprobación da Convención Internacional dos Dereitos dos Nen@s. O pixama simboliza os momentos en familia e a calor do fogar cando nais e pais len un conto aos seus fillos/as antes de irse durmir, este é un instante no que os nenos/as síntense protexidos, arropados e seguros. 

Nun recuncho da biblioteca recreamos unha entrañable escena familiar, con pixamas e lectura!! Animámosvos a visitar este espazo para realizar actividades de contacontos, animación á lectura e lembrarnos da sorte que temos por vivir nun fogar arropados polas nosas familias. 










Certificado Día Del Pijama.docx by veracruces on Scribd

14/11/23

ESPAZO FAMILIAS O-3 CONCELLO MONFERO

Como todos os luns en horario de tarde a Biblioteca Castelao alberga o programa Espazo familias, unha actividade do Concello de Monfero dirixada a  familias con nenos e nenas de entre 0-3 anos.Unha idea cunha dobre intención para o futuro alumnado do centro, que xa dende moi bebés fagan súa a Biblioteca Castelao, e tamén para as familias, para que se acostumen a que a Biblioteca  sigan vencellados en todos aqueles programas que se lles propoña, como “Lectura e familias” ou actividades de formación de de dinamización da lectura, clubs de lectura, etc.