26/10/18

CELEBRAMOS O DÍA DA BIBLIOTECA


Pregón deste ano, O día da luz, escrito por Gonzalo Moure (tradución ao galego de Antía Marante), e o cartel do ilustrador Alfonso Zapico. 

Pregón  Día da Biblioteca 2018    "O día da luz"   Gonzalo Moure 

Veño do deserto do Sáhara, de inaugurar unha biblioteca. Está en Dajla, o máis afastado, o máis esquecido dos cinco campamentos de refuxiad@s saharauís. É a cuarta biblioteca que construímos, e é preciosa. No centro plantamos árbores, para que @s nen@s e @s moz@s do Sáhara poidan experimentar o gozo de sentar baixo a súa sombra para ler un libro. Non queremos que esa biblioteca sexa ningún "templo de silencio", senón máis ben un espazo para o son, para o ruído. Unha biblioteca que xa é o lugar máis fermoso do campamento. Un espazo para desexar ir buscar lectura, pero tamén amizade, soños compartidos. Incluso amor. Un lugar no que namorar mirando uns ollos por enriba do libro. Porque ao fin e ao cabo, a biblioteca é o lugar onde se descobre ao outro, de papel ou de carne.
Nun filme inesquecible, o mellor filme de ciencia ficción da historia, "2001, unha odisea do espazo", aparece un monólito cada vez que o ser humano se dispón a dar un salto cualitativo. Kubrick, o seu director, debeu poñer un libro no seu lugar. Porque foron os libros os que marcaron o ritmo dos cambios do ser humano. Porque o libro é o laboratorio das mulleres e os homes, o lugar no que se experimenta con emocións, descubertas, utopías, apostas. Somos o que somos porque fomos pensando e escribindo sobre como ser e sobre como non ser. E seremos o que pensemos, o que pensen e escriban as vindeiras xeracións.
Así que unha biblioteca non é só un lugar que convida a ler, senón tamén, ou por iso, un lugar que convida a escribir. As bibliotecas do século XXI so, poden ser, teñen que ser o sementeiro de novas novelas, novos monólitos, fitos do noso futuro. Se o século XX foi sen dúbida o século da lectura, o século XXI pode chegar a ser o século da escritura, xa o está sendo.
Por todo iso construímos bibliotecas nos campamentos do deserto. Porque non son só para @s saharauís. Págaas a nosa sociedade civil, mediante soci@s adult@s, e mediante actividades solidarias nos colexios, institutos e bibliotecas. E @s alumn@s e lector@s que as sufragan fanse conscientes do extraordinario que é ter unha biblioteca, aprenden a valorar a súa, a defendela. Cada biblioteca do deserto ten detrás a milleiros de nen@s, moz@s e adult@s que a fixeron posíbel co seu pequeno esforzo. Sumando. Cada lectora e lector saharauí ten ao seu carón a milleiros de lectoras e lectores, máis conscientes da importancia dunha biblioteca, porque co seu traballo construíuse unha, nun clima e lugar tan hostil.
Pensa na túa biblioteca. Houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén soñouna, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Faite do equipo dese alguén que a fixo posible, loita por un mundo no que non haxa un ser humano que non teña preto unha biblioteca, ou un amoroso "bibliobús". Que non haxa ningunha nena e ningún neno, moz@ ou adult@, que non roce a man dunha bibliotecaria que a aconselle, que o oriente no labirinto. Que é o mesmo que dicir que non haxa ningún ser humano conectado ao que foi, o que é e o que será.
Na túa man hai milleiros de mans, apertando a túa, acompañándote no camiño. Tenras ou con durezas, pequenas ou grandes. No libro que te agarda na mesa de noite ou xunto ao sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Mais todos preciosos. Conectados todos por un invisíbel fío de prata que un man con man, andel con andel, un fío inacabábel e luminosos. Inacabábel, e que así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir "O día da luz".
Feliz día, feliz século.


18/10/18

O NOSO COLE NO ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DA RAG


O martes 16 de outubro de 2018 ás  11:00 horas  alumn@s e profes do noso cole, o Virxe da Cela, asistiron no salón de actos da Real Academia Galega á entrega de premios  Contádenos o voso Día das Letras. Dito galardón, creado pola RAG, ten como  obxectivo coñecer e difundir cómo celebraron o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade, ao abeiro da Primavera das Letras. Este proxecto web da RAG fornece desde 2016 a comunidade escolar de contidos lúdicos e didácticos arredor da figura protagonista do 17 maio desde unha perspectiva interdisciplinaria.
No acto estiveron presentes os tres centros gañadores:
CPI P Virxe da Cela (Monfero)
EEI do Milladoiro ( Ames)
CEIP Anxo da Garda  (A Coruña)
Así mesmo presidiron a xornada Victor Freixanes (presidente da Academia Galega), Francisco Castro (director xeral da Editorial Galaxia), a escritora Fina Casalderrey, Teresa Rocamonde, (responsable de comunicación de Bolanda), Andrea Jamardo (responsable de Urco Editora) e Pedro Ferriol (viúvo da escritora María Victoria Moreno).
 O noso centro apostou pola linguaxe radiofónica. O alumnado de primeiro e segundo gravou un conto inspirado en personaxes das obras de María Victoria Moreno. Pola súa banda o alumnado de 4º de EP realizou un programa dedicado á autora con entrevistas a Eli Ríos, Monste Pena, Francisco Castro, Fran Alonso e Andrea Jamardo, dentro do noso programa de  Radio escolar tan ben levado por Sergio Pascual y Lucía Abarrategui e financiado por Ayuda en Acción e a Fundación Repsol.
Ademais, a xornada tivo un remate  moi especial xa que compartimos co CEIP Anxo da Garda unha xornada de convivencia e xogos no centro coruñes. Ámbolos dous centros levamos tres anos colaborando para achegar realidades culturais e sociais diferentes, pero ao mesmo tempo enriquecedoras, tomando como nexo de unión o apego pola identidade cultural e a revalorización do medio natural como punto de partida para o deseño de actividades compartidas.

Parabéns a tod@s polo voso traballo!!!!!

Aquí deixamosvarios vídeos do acto.


             

            


16/10/18

OBRADOIROS DE TEATRO CON ABEL CABALLERO


Obradoiro de Teatro con Abel Caballero, técnico de Xuventude do Concello de Monfero.
 Todos os martes na Biblioteca Castelao

POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR


POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional  propón ás bibliotecas escolares para o curso 2018/2019, como chiscadela para descubrir a poesía que nos rodea, apoiándonos nos recursos e nas posibilidades da biblioteca escolar.


Poéticas diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a tratar con poetas, a perderlle o medo á metáfora, a xogar coa palabra e coa imaxe até obter todo o seu zume, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades, a permitir que o alumnado galego poña voz e dea vida á tradición lírica galega, á poesía de Rosalía e de todas e todos os poetas que foron e son.

ANTÓN FRAGUAS

Tedes á vosa disposición unha unidade didáctica dirixida ao alumnado de educación primaria que ten como finalidade divulgar a figura de Antón Fraguas Fraguas, o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2019.

DOMINGO FONTÁN E A CARTA XEOMÉTRICA DE GALICIA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Ciencias, acaba de presentar unha unidade didáctica sobre Domingo Fontán. Será moi útil para dar a coñecer a figura deste matemático e científico galego e comprender a importancia da súa obra, na que destaca a Carta Xeométrica de Galicia. 

05/10/18

IX DÍA DA CIENCIA EN GALEGO: A CULTURA CIENTÍFICA E A CULTURA GALEGA

O título da temática deste ano no Día da Ciencia en Galego vai ser A cultura científica e a cultura galega como patrimonio cultural europeo. A UE declarou o ano 2018 como o Ano do Patrimonio Cultural Europeo e nos os celebramos así.

IRIMONL@AB

       O vindeiro 15 de outubro de 2018 comezará no CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) unha nova actividade para 15 alumnos e alumnas de educación secundaria. Trátase do IriMonl@ab, un laboratorio de ideas no que os rapaces/zas poderán experimentar con novas tecnoloxías, descubrir as súas fortalezas e conducir as súas aspiracións ao deseño dun plan de vida formativo e profesional.
      IriMonl@ab ponse en marcha grazas á Fundación Axuda en Acción, en colaboración co centro educativo e cos concellos de Irixoa e de Monfero. Con este proxecto queremos compensar as desigualdades contextuais facilitando ao noso alumnado a posibilidade de facer reais as súas aprendizaxes en contornos virtuais adaptados ás necesidades sociais actuais. 
        O xoves 4 de outubro de 2018 fixemos a presentación oficial do proxecto ao noso alumnado e ás familias, contando coa presencia dos alcalde de Irixoa, o presidente da AMPA, a delegada da Fundación Ayuda en Acción na Coruña e as profesionais que estarán traballando día a día co alumnado participante. Mentres a dirección do CPI Virxe da Cela explicaba ás familias o proxecto, todo o alumnado de secundaria participou dunha divertida actividade, un “scape room” personalizado, e todos os asistentes remataron a xornada visitando a aula específica onde se desenvolverá este proxecto, totalmente equipada con tecnoloxía e mobiliario adaptado ás necesidades do mesmo.