13/11/15

OSIÑO: de Else Holmelund Minarik e Maurice Sendak

Recomendamos desde a biblioteca a colección de libros que Else Holmelund Minarik escribiu e Maurice Sendak ilustrou, acerca dun pequeno oso: Osiño.
Nos libros trátanse historias cheas de vida diaria, de agarimos tranquilos, de situacións moi próximas á infancia e  de sinxelos descubrimentos con sorpresas.
O protagonista é un Oso cachorro encantador con boas intencións que descobre o mundo que lle rodea: a súa familia, os seus amigos e o que sucede entre eles. Ten un gran parecido cos nenos en idade preescolar: o seu mundo é bondadoso, próximo e seguro, con Mamá Osa no centro. Papá Oso é pescador e pasa tempo fóra de casa co barco en alta mar e a súa presenza na familia é de peso.
 Else Holmelund Minarik transmitiu as características claves da vida dos nenos pequenos: a necesidade de seguridade,  de independencia  e a importancia da familia e de facer amigos.
As historias son curtas, con textos sinxelos cheos de diálogos e sempre amables e  resoltas nunha contorna afectiva.
Todas estas pequenas e grandes historias gardan os libros de Osiño.


XA SABEDES, PODEDES ENCONTRALOS NA NOSA BIBLIOTECA.


05/11/15

Novembro: mes da CIENCIA en GALEGO nas BIBLIOTECAS

Aquí vos deixamos un enlace a través do cal poderedes acceder a unha interesante recompilación de materiais de ciencia en galego.


PREMEDE NA IMAXE PARA ACCEDER A EL

04/11/15

ANTOLOXÍA POÉTICA MULTIMEDIA

Premendo na imaxe accédese a unha selección de poemas musicados, cantados o recitados, para o traballo na aula. Atopamos poemas de Rosalía de Castro, Bécquer, Antonio Machado, Dámaso Alonso, Gloria Fuertes...En fin... un verdadeiro tesouro da nosa poesía.


31/10/15

O MISTERIO CHEGA CO SAMAÍN

Chega o outono e con el as castañas, as caveiras de melón; chegan as choivas e as tardes son máis escuras, vaise a calor e ven o frío: é tempo de Samaín. E como en anos anteriores a maxia deste Samaín chegou ao noso cole da man dos nenos e nenas, dos rapaces e rapazas do Virxe da Cela. Os corredores enchéronse de cabazas decoradas, de pantasmas, morcegos e bruxas, de debuxos e adornos TERRORÍFICOS!!!!
Sen medo e con moita diversión, o alumnado do centro decorou as cabazas, cada cal millor, adornaron as portas das aulas e da biblioteca, fixeron murais, realizaron  talleres creativos e concursos de decoración.
 Convertiron cada rincón, cada espazo.... nun horror... co obxecto de gañar un concurso no que se lles fará entrega dun recoñecemento escalofriante.
Nos corredores voan as pantasmas, na biblioteca resucitan  aos mortos... Qué máis pode ocorrer?. O xoves 29, dous maquivélicos tribunais avaliadores valorarán qué grupos serán os gañadores de tan dura batalla forxada con esqueletos, teas de araña, morcegos, cabazas, bruxas....

E para que vexades, aquí tedes unha mostra do que os nosos alumn@s fixeron para festexar o Samaín.


             
    
           

20/10/15

ENCONTRO FINAL DRAGAL EN PICO SACRO (BOQUEIXÓN)

Venres 16 outubro


    Fomentar a lectura na escola e facelo en galego dun xeito atractivo para os adolescentes non é un reto doado, aínda que traballos literarios como a triloxía Dragal da escritora Elena Gallego Abad, pensada para un público xuvenil, están a facer máis fáciles as cousas. Así o pensan nos institutos que participan este ano no Encontro Dragal, un xogo de rol que na súa segunda convocatoria ven de reunir ás portas de Santiago a preto de catrocentos rapaces de Monfero, A Coruña, Becerreá, Verín e Vilagarcía de Arousa. Todos eles quedaron enredados nas historias que conta Gallego Abad, unha obra que tamén chamou a atención da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que puxo en marcha esta actividade coa colaboración do Concello de Boqueixón. A elección deste espazo ten moito que ver coa mitoloxía galega do dragón, xa que a lenda xacobea di que antes de que o corpo do Apóstolo Santiago chegase a Compostela tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do dragón que se agochaba no Pico Sacro. 
     Facer un xogo de rol con estes vimbios foi doado. E tendo en conta o éxito do Encontro Dragal, a receita resultou de gusto dos estudantes. Proba diso foi que as lecturas da triloxía no curso pasado deron os seus froitos, coa rapazada vestida con traxes medievais e unha reprodución en viñetas das historias do Dragal para que o xogo estivese ben ambientado. Polos recunchos do Pico Sacro estaban agochados moitos cofres cheos de puntos de vida, necesarios para participar na competición e gañar bazas para a vitoria. Mentres cumprían co itinerario, os rapaces íanse atopando con personaxes da triloxía espallados por unha ruta programada por razóns de seguridade e de organización dos tempos. A maxia dos recunchos do Pico Sacro e as gañas de pasalo ben nun moi bo día para desfrutar das vistas fixeron o resto ata chegar á hora do xantar, feito para axudar a confraternización dos xogadores a base de produtos típicos. 
    E lembrando as mensaxes de que o importante é participar, todos eles recolleron un diploma por ter xogado en equipo, mentres os organizadores seguían a contar os puntos de vida recollidos polos rapaces, deixando para os vindeiros días a incógnita de cal foi o colexio gañador.

PREMIO PLANETA 2015


Alicia Giménez Bartlett gañou a 64ª edición dos Pemios Planeta de novela. Recoñecida pola súa serie de Petra Delicado, obtuvo o galardón pola obra "Homes espidos". Esta novela conta a historia de Xavier, un profesor de literatura que se queda en paro, e Irene, unha empresaria que acaba de ser abandonada polo seu marido. Os dous inician unha relación, porén vense obrigados a cambiar as súas vidas drasticamente por mor da crise económica.

   Seguro que resultará interesante achegarse a esta autora!

BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS

"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolareS . A imaxe do cartel responde á interpretación que deste lema fixo o ilustrador e autor de cómic FRAN BUENO,  e ten suficiente carga simbólica e información como para espertar o interese do alumnado.
Así, a biblioteca escolar pode ser a base desde a que explorar o mundo real, pero tamén os mundos imaxinarios; os materiais impresos e os recursos electrónicos achégannos informacións sobre todo aquelo que queremos coñecer e comprender; é un espazo para a investigación individual e para o traballo en equipo; é un espazo integrador cheo de oportunidades de aprendizaxe.

O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións" chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido.