23/02/21

MONFEROSOLIDARIO RECIBE O I PREMIO GALEGO EPDCG (EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO E A CIDADANÍA GLOBAL)


Venres 19 febreiro 2021. 13:30 horas. Comisión oficial (cordinadora galega ONGs), representantes políticos dos concellos de Monfero e Irixoa, presidente da ANPA do CPIP Virxe da Cela. Acto ao que asiste o profesorado e alumnado da ESO. 


Desde os inicios de Monferosolidario sempre tivemos moi claro que os auténticos protagonistas son os rapaces e rapazas. Grazas ao seu esforzo, implicación, entusiasmo, curiosidade, as nosas accións se levan a cabo dándolle sentido ao noso grande obxectivo: “educar cidad@s para construír un mundo mellor”. Por iso, quen mellor que eles, para agradecer este premio que a nosa escola está a recibir o día de hoxe. Marta Fernández, alumna de 4ª da ESO, en representación de todo o alumnado do centro e comunidade educativa en xeral, vai ser a voceira do noso agradecemento:

Recoller os parabéns e os premios ao noso esforzo e traballo sempre é grato e motivador. Non é a primeira vez que a nivel institucional se recoñece a labor realizada por todos/as nós nas aulas desta pequena escola do rural. Desde ben pequenos tivemos a oportunidade de recibir diplomas que agora mesmo están pendurados nas paredes do noso centro e que, ao igual que este que hoxe recollemos, van formando parte da nosa historia. Vir á escola, é aprender, mais non soamente se aprende dos libros, senón das experiencias, das accións e de todos eses momentos que nos aportou, nos aporta e nos aportará este pequeno-gran centro nas nosas vidas e recordos. 
       Detrás de toda esta emoción, agóchase un gran esforzo e dedicación por parte de todos e todas: 
-Os alumnos e alumnas que estamos hoxe aquí presentes recollemos este premio, pero non podemos esquecer a todos os rapaces e rapazas que pasaron por este centro en anos anteriores e que nos foron abrindo o camiño. 
-O mesmo temos que dicir dos profesores e profesoras, grazas ás súas propostas e apoios puidemos levar a cabo o proxecto e aprender, entre outras cosas, a traballar en equipo, ser mellores compañeiros e, en xeral, mellores persoas: isto é unha aprendizaxe para a vida e o futuro. 
-Queremos resaltar o apoio recibido por diferentes asociacións e ONGs, que apostaron polo noso proxecto e sempre nos ofreceron axuda para levalo a cabo. 
-Grazas a Miriam Seoane, anterior directora do colexio, por abrir as portas a este proxecto, Monferosolidario, e a Camino Pereiro, actual directora, por continualo e potencialo. 

       Gustaríame aproveitar este momento para dirixirme aos representantes políticos para que adiquen os seus esforzos en dotar de infraestructura e revitalizar os nosos concellos. Así as familias continuarán escolarizando no CPI Virxe da Cela aos seus fillos e fillas, e poderemos, entre todos, manter vivo este proxecto e a nosa escola.







NOTAS DE PRENSA

https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2021/02/22/entrega-premio-galego-educacion-colegio-35256304.html

                             https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2641481/  


04/02/21

MONFEROSOLIDARIO EN RADIO VOZ: PREMIO GALEGO DE EPDCG

ENTREVISTA EN RADIO VOZ REALIZADA POR POR ISIDORO VALERIO
Verónica Dopico, coordinadora xunto con Yolanda Castro do proxecto Monferosolidario, fala da importancia para o noso centro de recibir o I Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global. 


Podcast 

02/02/21

O NOSO CENTRO GAÑADOR DO I PREMIO GALEGO EPDCG ( Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global)

 Comunican desde o equipo organizador do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global a resolución definitiva. As as candidaturas gañadoras desta primeira edición do Premio son: Categoría A: ‘Aprendendo a convivir’ do CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo) Categoría B: ‘Monferosolidario: abrindo a escola cara á transformación social desde a EPCGD’ do CPI Virxe da Cela (Monfero) Moitos parabéns!  Por outra banda, realizarase a entrega do Premio aos dous centros gañadores, asistindo unha representación do equipo organizador do a ambos colexios. Este acto está previsto para o día 19 de febreiro de 2021 pola mañá. Consistirá na entrega do elemento distintivo e os diplomas, como se establece nas bases.



Premer nas imaxes para acceder ás notas de prensa



Resolucion DEFINIITVA Premio Galego ED 2020 by veracruces on Scribd

28/01/21

DÍA ESCOLAR DA DAZ E A NON VIOLENCIA 2021

O 30 de xaneiro conmemórase, como todos os anos, o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia.  E por iso no CPIP Virxe da Cela , onde convivimos e estudamos, onde nos divertimos e formámonos como persoas, quixemos celebrar este día facendo nas nosas aulas diversidade  de actividades para deixar constancia de que temos que seguir traballando para que na nosa sociedade poidamos vivir todxs xuntos e en paz.

No seguinte vídeo deixamos a nosa pegada e os nosos mellores desexos  berrando coas mans e o corazón abertos...QUE VIVA A PAZ!!!

26/01/21

DÍA DA ILUSTRACIÓN: LOLITA DÍAZ BALIÑO

Este sábado 3º de xaneiro celébrase o Día da Ilustración. Este ano, dedicado á artista multidisciplinar Lolita Díaz Baliño. Unha muller que abriu camiños enfrontando os desafíos da época que lle tocou vivir. A primeira en ingresar na RAG. 




18/01/21

CPIP VIRXE DA CELA: GAÑADOR DO I PREMIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO E A CIDADANÍA GLOBAL

 "Monferosolidario: abrindo a escola cara a transformación social desde a EPDCG", do CPIP Virxe da Cela (Monfero), é a experiencia gañadora na categoría B do I Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global.     

     A Coordinadora Galega de ONGD fai pública a resolución provisional da primeira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, un galardón co que se quere recoñecer experiencias educativas transfromadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo xusto. Nesta primeira edición presentáronse 19 candidaturas (7 correspondentes á Categoría A: Educación Infantil e Primaria; e 12 correspondentes á Categoría B: ESO, Bacharelato, Formación Profesional, Centros de Ensinanza de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas). Un xurado composto por seis persoas vinculadas ao mundo da educación, a cooperación e a Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global en Galicia avaliou as candidaturas e aprobou por unanimidade a resolución provisional do Premio.



30/11/20

COIDÉMONOS


A formación sobre a protección fronte  ao Covid ten que ser permanente, por iso desde a biblioteca queremos iniciar unha campaña de concienciación e sensibilización titulada coidémonos. 


 

O alumnado de plástica de 4º da ESO xa realizou uns carteis sobre os tres emes, para lembrarnos a protección básica: máscara, mans e metros. Está exposta no corredor da biblioteca. 


 Agora queremos convidar a toda a comunidade educativa a facer un cartel coa palabra “coidémonos”. Trátase de que cada curso faga unha letra formada por fotos do alumnado, profesorado e demais membros da comunidade educativa coa máscara posta. Tamén se poden utilizar outras imaxes relacionadas coa protección fronte  ao Covid. Sería un gran mural para colocar no patio cuberto e deixalo todo o curso. 

CaDa letra farémola nunha cartolina grande (50x60). Cada letra levará unha cor de cartolina e unha tipografía distinta. A letra formarase a base de fotografías e/ou debuxos, primando que haxa variedade de formas e cores. 

Unha vez terminada a letra hai que forrala con plástico adhesivo, non só por cuestión de limpeza, senón pola humidade do patio cuberto, convén forrar a cartolina por ambas as caras.



28/11/20

O contacontos Caxoto visitounos no día internacional da eliminación da violencia contra a muller

 O 25 de novembro é o día internacional da eliminación da violencia contra a muller, dende a Biblioteca Castelao invitamos a visitarnos ao contacontos Caxoto que nos ofreceu dúas actuacións con esta temática. Primeiramente actuou para a ESO cunha proposta titulada: "Machista eu?", despois actuou para 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria ca proposta: "Contos vellos, novos finais".

Caxoto fai unha recuperación de contos tradicionais e relatos da nosa historia que lle serviron para falarnos  do machismo que está intrincado nos nosos costumes de tal maneira que moitas veces nin tan sequera somos conscientes. Falounos dos micromachismos, que como nos dixo, de "micro", non teñen nada, pasan máis desapercibidos pero son tan daniños como a propia violencia contra a muller.