12/10/20

SAMAÍN NA BIBLIOTECA: PALABRAS QUE DAN MEDO

Samaín na biblioteca

Palabras que dan medo

Dende a biblioteca Castelao queremos convidarvos a participar nunha actividade para celebrar o Samaín.

Trátase de crear unha imaxe segundo estas instrucións:

Nun folio ou nunha lámina DIN A4, escribir unha palabra ou frase curta que provoque medo e acompañala cunha ilustración ao respecto.

A ilustración pode ocupar toda a lámina e superpoñer o texto. Tamén pode tratarse, simplemente, de unha imaxe que acompaña ao texto.

Pódese facer en sentido vertical ou horizontal.

Pódese aplicar calquera tipo de técnica, tamén se pode facer enteira por ordenador. Neste caso habería que enviala ao correo da biblioteca (biblioteca.castelao.monfero@gmail.com) para que podamos imprimila.

Todas as vosas creacións serán expostas na biblioteca.

Unha vez recibidos os traballos feitos polo alumnado podedes ver aquí un por un, o que foi a exposición na biblioteca:


09/10/20

UNHA MANDA DE PEZAS PARA ISAAC



Este ano 2020 conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo e Alento Esbravexo convoca un concurso onde cadaquén pode inspirarse en algo relacionado coa figura de Isaac Díaz Pardo (un acontecemento concreto da súa vida, un debuxo, unha pintura, unha tipografía, un cartaz, unha peza cerámica, etc.), tamén se poderá inspirar na súa escola (empresas que formou, artistas discípulos de Isaac,...) ou mesmo se pode facer algo totalmente novo, xa for reinterpretando calquera destes eidos artístico-vitais indicados e crear un debuxo, unha pintura, un tipo de letra, un deseño, grafiti, xoia, danza, música, etc. con total liberdade.

O prazo de presentación das obras remata o 13 de agosto de 2020.

Para participar deberase enviar un correo a: alentoesbravexo@gmail.com

Con todo o material recibido tentarase facer un libro, unha exposición,...(sempre dependendo da situación vírica actual).

 Preme aquí para consultar as BASES

Máis información no seguinte enlace: https://axendacultural.aelg.gal/2020/06/30/proposta-unha-manda-de-pezas-para-isaac/


06/10/20

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2020/2021ª. Este lema quere  poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa.

A ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír.

En tempos confusos como os que estamos a vivir cómpre volver ás orixes, ao fundamental: a lectura e toda a súa potencialidade, sen esquecer outras oportunidades da biblioteca escolar para unha formación integral do alumnado. Atravesar o mapa da lectura pode facerse desde distintas ópticas, comezar a viaxe desde distintos portos:

- Pescudar nas lecturas que convidan a viaxar, a explorar, a investigar. Lecturas que nos permiten chegar lonxe sen movernos da escola (ou da casa). Lecturas que axudan a incentivar o inconformismo, a necesidade de coñecer outros mundos, de ampliar a nosa visión, de "ler o mundo".

- Configurar o itinerario  lector como punto de partida da nosa xeografía lectora.

- Debuxar o mapa das nosas curiosidades, exploracións e descubrimentos a través das lecturas.  Descubrir as relacións entre identidade e lectura.

- Observar o modo en que cambiou a nosa xeografía lectora durante o período de confinamento (os nosos hábitos, as nosas lecturas...).

- Saber que somos os nosos propios cartógrafos, os que organizamos o noso espazo lector (e o noso "liberespazo", o sistema de lecturas que imos creando ao longo da vida).

- Observar o noso corpo como un mapa de coñecemento, achegarnos á práctica da lectura a través do propio corpo. Descubir a capacidade reparadora da lectura.

- Deixarse levar polas relacións entre cartografía e literatura,  que convidan á aventura (debuxar espazos peritextuais, con mapas e planos que crean expectativas e acompañan na aventura lectora, debuxar mapas que representan mundos coñecidos e mundos imaxinarios, relacionar as nosas lecturas a través de "constelacións literarias", en función da temática, os personaxes...).

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...


Así o fixo... Bea Lema

Bea Lema ilustradora do lema deste curso "Xeografías lectoras na biblioteca escolar" nos fala neste vídeo do seu interese polas imaxes que transmiten unha idea de forma sintética, os ilustradores que a inspiran, o proceso de documentación, as probas, a técnica ...

01/10/20

MAFALDA INMORTAL

 

Onte deitámonos coa mala nova do pasamento do gran Quino...pero Mafalda será inmortal.

A primeira historieta de  Mafalda publicouse o 29 de setembro de 1964 no semanario Primeira Plana, pero a nena nacera un ano antes, creada para un anuncio –que nunca viu a luz– da axencia de publicidade onde  Quino traballaba para financiar a súa paixón polo debuxo. Fillo de inmigrantes andaluces, con trece anos empezou a estudar Belas Artes en  Mendoza, pero fartouse do clasicismo da academia para dedicarse ao cómic e aos 18 anos foi vivir a Buenos Aires, publicando a súa primeira tira cómica no semanario “Esto Es”  en 1954.

As aventuras de  Mafalda publicáronse entre 1964 e 1973, pero seguiron reeditándose, traducíndose,  replicándose en revistas e diarios e percorrendo o mundo e as distintas xeracións durante medio século. Ata hoxe.

Aínda que a súa vixencia no século  XXI é total, o debuxo de  Mafalda quedou conxelado en 1973, o humorista non dubidou en recrear a  Mafalda por unha boa causa, como cando en 1977 ilustrou a Declaración Universal dos Dereitos dos Nen@s para Unicef. O debuxante e a súa filla Mafalda foron obxecto de múltiples homenaxes e recibiron galardóns por todo o planeta, destacando no 2014 o ­título de Cabaleiro da Lexión de Honra de Francia e o Príncipe de Asturias de Humanidades.

Ata  sempre  Quino.  Sempre nos quedará  Mafalda.



30/09/20

XOGO INFANTIL TURISTEANDO COS MIÚD@S

TURISTEANDO COS MIÚD@S, é o primeiro xogo infantil interactivo para que os miúdos e miúdas descubran a riqueza cultural e turística da provincia da Coruña. Un xogo realizado para o fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 2021 co que podedes xogar en calquera momento, no colexio ou na casa.

Se queredes xogar e acceder a el, só tedes que clikar na imaxe que tedes a continuación.

 


29/06/20

Erasmus + Finlandia

Neste curso tan singular quedáronnos  moitas cousas pendentes que debido á suspensión das clases non se puideron facer ou rematar. Outras quedaron aplazadas como o programa Erasmus +. No mes de febreiro seis alumnos e dúas profesoras viaxaron a Finlandia, agora parece tan lonxe como se faláramos doutra época.
Non queriamos rematar este curso sen publicar este traballo que fixeron as alumnas Clara Brage e Lucía López sobre a súa experiencia en Finlandia.


25/06/20

GRADUACIÓN 4º ESO. CPI VIRXE DA CELA. 2020

A verdade é que cando me puxen a escribir a entrada do blog e mirei o título,“Graduación 2020”, invadiume  unha mestura de tristeza e satisfacción.Tristeza porque non puidemos festexar o voso acto de graduación como quereriamos, como vos merecedes... A situación que vivimos por mor desta pandemia obrigounos a deixar de vernos desde marzo, a deixar de facer moitas actividades que tiñamos programadas e nas que vós seriades protagonistas, e a cambiar moitos dos nosos hábitos. Pero  en todo este contexto, debemos quedarnos  coa alegría de pensar que conseguistes finalizar con meritorio éxito unha etapa que comezou hai 13 anos neste, o voso cole o  Virxe da Cela.
A todos os  profes  gustaríanos agradecervos todo o que nos aportastes durante todos estes anos. En moitos momentos convertéstesvos en activistas, mestras, contacontos, presentadoras, voces críticas...fixéstesnos lembrar o importante que é loitar con paixón polo que un quere, aprender de amizade, de goce, de paixón pola vida e mil cousas máis.
O noso obxectivo non foi simplemente que aprenderades, senón moito máis que iso. O tempo é ese ben tan prezado que non se pode recuperar, e esperamos que ese tempo sexa importante para vós, non só pola formación académica que  recibistes, senón tamén pola humana. Gustaríanos que vos levarades valores, actitudes, gratitude, xenerosidade, amizade, formas de entender a vida... e que isto vos resulte útil para o voso futuro.
 Agora é o momento de que  comecedes unha nova etapa. Non perdades o gusto por aprender, por descubrir, por investigar, por estar conectadas con todo o que vos rodea. Non hai mellor forma de estar vencellados aos outros e á vida que esa habilidade que temos desde nenos de querer saber e saber máis aló.
E bueno... sen dúbida xa vos convertestes en parte das nosas vidas.
Moitas grazas por formar parte desta comunidade educativa e alá, onde a vida os leve, non vos  esquezades nunca das vosas orixes, de quen sodes e de onde  vides, sentídevos moi orgullosas porque sodes Monfero  Calidade, Galiza  Calidade.
Para rematar  querémosvos  desexar de corazón toda a  sorte  do mundo  e  recordarvos que  sempre  teredes  abertas  as portas  deste, o voso cole.

Con cariño de toda a Comunidade Educativa do CPIP Virxe da Cela

           

17/06/20

A VOZ DO XESTAL

Acabadiño de saír do forno, presentámosvos... o novo xornal do CPIP Virxe da Cela, "A Voz do Xestal". A pesares da situación actual (suspensión de clases COVID-19), grazas especialmente ao empeño de Laura Ferro (coordinadora do proxecto), e por suposto co traballo previo realizado por docentes e alumnos/as, este xornal en lingua galega saíu adiante para deixar constancia dalgunhas das actividades que se levaron a cabo no presente curso no noso centro educativo.