10/05/13

EXPOSICIÓN DAS CUBERTAS DE LIBROS DO CONCURSO


        Xa rematou o prazo de presentación das portadas para o concurso organizado pola Biblioteca e os Departamentos de Plástica. Seguramente xa vistes a exposición que está na entrada a biblioteca. Este próximo xoves 16 de maio dentro do acto de celebración do día das Letras Galegas, entregaremos os premios aos gañadores.
        Aínda que non están todas as presentadas a continuación podedes ver algunhas delas:

29/04/13

DÍA DAS LETRAS GALEGAS


Roberto Vidal Bolaño

Homenaxeado Ano 2013



    Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950 e faleceu na mesma cidade en 2002. Formou parte do denominado "Grupo Abrente" que, a partir da década dos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as representacións dramáticas galegas. Todas as súas actividades xiraron sempre, e en exclusiva, arredor do teatro: desde a creación do "Grupo Antroido", en 1975, até a súa compañía actual "Teatro do Aquí", pasando pola breve experiencia da cooperativa "Teatro do Estaribel". En 1978 deu o paso definitivo que levou ás xentes do teatro galego a se transformaren en profisionais, superando de vez a pantasma de "amador" que pairara sempre sobre a historia do noso teatro.
     A súa produción está caracterizada polo compromiso co país e a lingua, a experimentación estética, e o diálogo coa tradición, tanto culta como popular, literaria e histórica, social e política. O feito de que Vidal Bolaño escribise para a súa compañía, coa urxencia que esixe a obrigada estrea anual e a atención dedicada ao texto espectacular, non empeceu en absoluto a calidade literaria dos seus textos dramáticos, nos que as resonancias de Otero Pedrayo e Valle Inclán se transforman en esmaltes que enriquecen a súa literatura e agasallan ao lector.
     A pesar de que xa nas décadas dos setenta e oitenta lograra diversos premios ("Abrente", "O Facho" e "Ciudad de Valladolid"), como aconteceu con outros integrantes do "Grupo Abrente", o recoñecemento artístico de Vidal Bolaño non se produciu até os anos noventa, cando a obtención de premios institucionais, galegos e portugueses ("Rafael Dieste", "Alvaro Cunqueiro", "Xacobeo 92", "Eixo Atlántico", "María Casares"...), normalizou tanto a publicación das súas obras como o seu coñecemento por parte da prensa e, en consequencia, do público.
     A súa forte personalidade deixou unha profunda pegada nos dramaturgos máis novos, cuxas consecuencias se verán co trancorrer do tempo.
     A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño foron fundamentais na construción dun teatro nacional galego.

GAÑADORES DO PREGUNTÓN

Aquí tedes o palmarés do Preguntón deste curso. 
Os premios entregarémolos o xoves 16 de maio no acto de conmemoración do día das letras galegas.


CONTACONTOS NA BIBLIOTECA PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO

Fai uns días xa vos adiantamos algo sobre as aventuras de Mahán, un simpático e avispado cativo dunha aldea de África que descobre un xeito moi singular para loitar polo dereito á educación de aqueles 61 millóns de nenos e nenas que, vivindo en diferentes áreas da xeografía mundial, non teñen a sorte e o privilexio de asistir a unha escola e aprender. A encargada de transmitir esta historia é Andrea, unha rapaza de 1º da ESO que ten o don de contar historias, e que cautivou ao público asistiente a estas sesións de contacontos, que a observaban boquiabertos e con mirada atenta. E para ambientar este conto de "Mahán e a cadeira vermella" que mellor que realizar simultaneamente a acción de pintar unha cadeira de cor vermella para simbolizar a esencia do noso conto!!! Recordamos que este conto está inspirado na campaña de "La silla roja" lanzada pola ONG Entreculturas, que os textos foron escritos por María, outra rapaza de 1º da ESO, e que as ilustracións correron a cargo de varios alumnos e alumnas de 1º da ESO. Parabéns a todos vós por demostrar esas capacidades creativas e deixar voar a vosa imaxinación. Pero a historia non acaba aquí, cada un dos grupos que vai visitando a Biblioteca Escolar para descubrir a historia de Mahán, realizan pequenos xogos e dinámicas que lles fai recapacitar sobre a importancia da educación. Esta sesión de contacontos remata obsequiando a cada un dos grupos con unha versión impresa en papel deste conto, para que a leven á aula e traten de imaxinar outro conto posible utilizando como símbolo unha cadeira vermella. Tedes de prazo ate o 1 de xuño para presentar as vosas aportacións, tanto de maneira individual como en grupo, que poderán optar a unhas serie de premios, tendo en conta tanto a calidade artística, a creatividade, así como a importante mensaxe solidaria a transmitir. Esta actividade está organizada por Monferosolidario en colaboración co EDLG e a Biblioteca Escolar. O EDLG quere a través dela potenciar o uso da lingua galega, tanto de maneira escrita como oral, e será o encargado de finanzar os premios da convocatoria. Por outra banda a Biblioteca Escolar ofrécenos o lugar perfecto para mergullarnos no mundo das historias. Queremos facer da biblioteca un espazo vivo e dinámico onde reunirnos e compartir vivencias, e que as historias viaxen polo aire e non queden atrapadas en libros inertes que soamente viven esquecidos en estanterías. 



                             

24/04/13

ANTONIO SEIJAS VISITA O NOSO COLE PARA CONMEMORAR O DÍA DO LIBRO










Tal como mencionou Pedro García, encargado da Biblioteca Escolar, "que mellor que traer ao noso centro a un dos ilustradores con máis proxección en Galicia para conmemorar o día de hoxe, 23 de abril, Día do Libro". Falamos de Antonio Seijas, aresán de nacemento,  que a pesares de ter uns inicios un tanto difíciles no mundo da ilustración, conseguiu salvar todos os obstáculos coa fórmula máxica: traballar con paixón e facer da creación toda unha forma de vida. Recordou a todos os asistentes a grande importancia do acto da lectura. De feito máis que grandes maestros da ilustración Antonio Seijas bebe da enriquecedora fonte da lectura, tratando de vivir e de desglosar cada capitulo e cada escea dos libros nos que se mergulla para tratar de se apropiar da súa esencia, que nun proceso posterior deixará plasmado nunha imaxe. De aí a importancia de sentir e comprender, moito máis importante que o acto do debuxo en si. 

Antonio Seijas fixo un percorrido visual por toda a súa traxectoria, explicando moitísimas das claves do seu traballo, e desglosando paso por paso ese rico proceso creativo. Parada obrigada as viñetas de "Cartas de Inverno", obra literaria de Agustín Fernández Paz, ou de "Un home feliz", da súa propia autoría. Descubriunos todo tipo de recursos, expresivos e narrativos, dende a utilización das cores, a mestura con técnicas fotográficas, as claves de localización, a psicoloxía das súas personaxes, e a vinculación de todos estes elementos no seu propio universo persoal, dende a observación e análise da realidade e de fontes literarias, musicais, cinematográficas e artísticas en xeral. Amosounos tamén as súas colaboracións con diversos grupos musicais, revisando as cubertas e os libriños de traballos discográficos, e tamén mencionou a inclusión dalgunhas das súas obras visual como elementos do decorado en algunhas series televisivas, así como as súas aportacións á Fundación do cineasta americano David Lynch. 

Igual de enriquecedora foi a segunda parte da charla, na que Antonio Seijas respondeu con grande naturalidade e humildade á ampla batería de preguntas realizada polo alumnado e profesorado alí presente. 


19/04/13

Próxima visita do ilustrador Antonio Seijas.

O día 23 de Abril,día do libro, contaremos coa presenza no noso cole do ilustrador gráfico Antonio Seijas que ven de gañar o premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado do 2012 pola adaptación da novela Cartas de Inverno de Agustín Fernández Paz. Fará un percorrido pola súa obra no campo da ilustración que vai desde traballos para revistas, xornais, webs, cubertas de libros,portadas musicais, así como ilustracións para literatura infantil e xuvenil en diferentes editoriais.
Os rapaces e as rapazas de ESO terán a oportunidade de ver que a tensión creada coas palabras nunha novela trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas no cómic, asi como os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor.
Esperando ata ese día  podedes ver este pequeno video no que fala un dos máis  interesantes valores da ilustración galega máis recente.