Roberto Vidal Bolaño
Homenaxeado Ano 2013
A súa produción está caracterizada polo compromiso co país e a lingua, a experimentación estética, e o diálogo coa tradición, tanto culta como popular, literaria e histórica, social e política. O feito de que Vidal Bolaño escribise para a súa compañía, coa urxencia que esixe a obrigada estrea anual e a atención dedicada ao texto espectacular, non empeceu en absoluto a calidade literaria dos seus textos dramáticos, nos que as resonancias de Otero Pedrayo e Valle Inclán se transforman en esmaltes que enriquecen a súa literatura e agasallan ao lector.
A pesar de que xa nas décadas dos setenta e oitenta lograra diversos premios ("Abrente", "O Facho" e "Ciudad de Valladolid"), como aconteceu con outros integrantes do "Grupo Abrente", o recoñecemento artístico de Vidal Bolaño non se produciu até os anos noventa, cando a obtención de premios institucionais, galegos e portugueses ("Rafael Dieste", "Alvaro Cunqueiro", "Xacobeo 92", "Eixo Atlántico", "María Casares"...), normalizou tanto a publicación das súas obras como o seu coñecemento por parte da prensa e, en consequencia, do público.
A súa forte personalidade deixou unha profunda pegada nos dramaturgos máis novos, cuxas consecuencias se verán co trancorrer do tempo.
A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño foron fundamentais na construción dun teatro nacional galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario