04/03/24

Formación do profesorado: Técnicas para mellorar a comprensión no noso alumnado

 A tarde de hoxe, o equipo docente de linguas do noso centro estivo na biblioteca aprendendo da man de Sabela Gago. 

Nesta formación, Sabela achegounos técnicas, ferramentas e recursos para mellorar a comprensión oral e escrita no noso alumnado.

Esta formación enmárcase dentro da liña de Biblioteca do PFPP do noso centro educativo.




Exemplo da relación de libros recomendados por Sabela Gago para o noso profesorado:









EXPOSICIÓN BIBLIOGRÁFICA 8M

A Biblioteca Castelao recomenda unha visita activa á exposición 8M.  Durante a semana do 4 de marzo ao 8 de marzo podedes visitar unha exposición con bibliografía seleccionada sobre mulleres e igualdade, para conmemorar a celebración do 8M: O Día Internacional da Muller, unha data moi importante onde se reivindican os dereitos fundamentais das mulleres, tanto a súa igualdade na sociedade como a súa participación activa en todos os ámbitos.








01/03/24

SEMANA DA PRENSA

 Xusto diante da porta de acceso á Biblioteca Castelao sitúase unha exposición para conmemorar a Semana da Prensa. Alí poderedes consultar unha gran variedade de xornais de prensa nacional e internacional, descubrir as propostas de prensa realizadas polo alumnado do centro simulando un medio de prensa escrita, así como un icónico mapa de Galicia formado con titulares da prensa. Animádevos!!. A través desta iniciativa a Biblioteca Castelao quere dar valor á importancia do xornalismo e facer ao público reflexionar sobre o valor dos xornais e da prensa como ferramenta para cambiar a sociedade. 








OBRADOIRO DE RADIO NA BIBLIOTECA ESCOLAR

O venres 1 de marzo de 2024, Jennifer Chamadoira impartiu na Biblioteca Escolar e a Aula de Ferraganchos, obradoiros de radio ao alumnado de educación primaria do CPI Virxe da Cela. Esta formación realizámolas grazas ao apoio de a Fundación Ayuda en Acción, dentro do proxecto RTV Enxebre. Os obxectivos deste programa, iniciado en 2018, son fomentar a participación infantil, favorecer a inclusión e o desenvolvemento  da infancia rural e a posta en valor da cultura galega.





19/02/24

EXPOSICIÓN ROSALÍA DE CASTRO

Na semana do 19 ao 23 de febreiro de 2024 a Biblioteca Castelao ofreceu a toda a comunidade educativa unha fermosa exposición sobre a autora galega Rosalía de Castro, para conmemorar a celebración do Día de Rosalía 2024 (venres 23 de febreiro 2023). Nun acolledor recuncho recreouse un ambiente de época escenificando o que podería ser a mesa da escritora que lle serviría de inspiración no seu proceso creativo. Ademais fíxose unha escolma da obra de Rosalía que estivo exposta para o uso e consulta. Varios grupos de escolares visitaron este espazo cos seus titores/as, e mesmo o propio día da celebración (23 de febreiro), varias alumnas da ESO que forman parte do Club de Lectura Larpacontos procederon á lectura de poemas de Rosalía.









15/02/24

EXPOSICIÓN 11 DE FEBREIRO: DÍA DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA

 O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Desde a Biblioteca  queremos contribuír á visibilización do labor de diferentes mulleres ao longo da historia no ámbito científico, polo que vos ofrecemos unha mostra dos seus traballos na escolma bibliográfica do acceso á Biblioteca. Non vola perdades!







09/02/24

PROGRAMA VOLUNTARIADO NA BIBLIO

Neste curso académico 2023-2024 o CPI Virxe da Cela participa no programa Voluntariado na Biblio. Grazas a esta iniciativa, rapaces e rapazas  EP e ESO están a colaborar de maneira voluntaria e nos tempos de lecer coa Biblioteca Castelao e a Aula de Ferraganchos, en tarefas variadas que son de gran axuda.  Baixo o asesoramento e supervisión de docentes aprenden a realizar empréstitos tarefas de  (sistema Koha), participan na ordenación de libros nos andeis, contribúen na organización de exposicións monográficas, etc.










07/02/24

KITS SINGULARES POLOS CREATIVOS NA BIBLIOTECA

O CPI Virxe da Cela está a implementar os Polos Creativos neste curso académico 2023-2024. Os docentes implicados xa están a utilizar os KITS SINGULARES, un material innovador recibido a través deste programa da Xunta, que contén actividades pedagóxicas. O alumnado de educación primaria xa está a traballar con estes kits singulares específicos, centrados no pensamento de deseño, autómatas de papel e cosntrución de estruturas autoportantes. A biblioteca ofrece un espazo e unha atmosfera motivadora para a experimentación, con mobiliario cómodo e con unha iluminación agradable a base de luz natural.