28/10/21

CARAS DE MEDO: SAMAÍN NA BIBLIOTECA CASTELAO

"Caras de Medo" é unha proposta da Biblioteca Castelao en colaboración co Departamento de Plástica.  Realización de caras terroríficas utilizando materiais de refugallo (latas de bebidas) e pintando sobre elas diferentes caras e rostros que provoquen medo.  Exposición dos traballos na Biblioteca  Escolar e tamén selección bibliográfica relacionada coa temática do Halloween e o Samaín. 

 



EXPOSICIÓN DE CABAZAS: SAMAÍN NA BIBLIOTECA

Ano tras ano o alumnado e familias do CPI Virxe da Cela realizan cabazas máis sofisticadas! A vísperas de celebrar o Magosto e Samaín no noso centro podemos ver a grande variedade de propostas na decoración de cabazas! Se pasades polo corredor xusto diante da Biblioteca Escolar quedaredes abraiados coa variedade e colorido, nesta actividade que forma parte da dinamización da biblioteca.





Nesta publicación podedes ver as cabazas unha a unha:

 
 
 
Cabazas Premiadas:

Sara Prieto Souto 5⁰ EI Premio á cabaza máis “fashion”
Iago Manuel Varela Vázquez, 1º EP, premio á cabaza mellor transformada
Martín Amenedo Carballeira, 3º EP, premio á cabaza ca mellor escenificación
Hugo López Pérez, 4º EP, premio á cabaza máis arrepiante
Aroa Martínez Belda, 3º EP, premio á cabaza máis artística
Mario Prieto Souto, 1⁰ EP, premio á cabaza máis reivindicativa
Brais Díaz Domínguez, 5º EI, premio á cabaza máis elegante
Icía Seco Abeal, 3º EP, premio á cabaza máis divertida


27/10/21

TÍRALLE DA LINGUA 2021

 Queda convocado o XX Concurso de relato oral Tíralle da lingua.

Podedes ver e oír os vídeos e audios dos centros participantes o ano pasado nesta ligazón: Tíralle da lingua 2020

BASES DO CONCURSO



13/10/21

CHEGA O TEMPO DE SAMAÍN E CON EL O CONCURSO DE DECORACIÓN DE PORTAS

Chega o Samain e  con el as castañas, as caveiras de melón, os calacús, os cogumelos, os froitos de inverno; chegan as augas e mergullámonos no inverno, vaise a calor e vén o frío: son os tempos do Samaín.

E para recibir este Samaín a Biblioteca Castelao convoca o Concurso de Decoración de portas de Samaín 20201.



 BASES
  • Poderán participar todas as aulas do centro, dende Educación Infantil ata a ESO.

  • As portas deberán estar decoradas antes do 26 de outubro.

  • Poderase empregar calquera material, aínda que se valorará o uso de material reciclado.

  • A decoración será da porta da aula, podendo, no caso de ser esta de menor lonxitude, estenderse na parede ata un máximo de 2 m. de ancho.

  • A decoración deberá facerse de forma que non dane a porta e/ou a parede.

  • Poderá incluírse algún elemento externo na entrada,sobre o chan, sempre que non ocupe un espazo maior de 40cmx 40cm e non dificulte o acceso.

PREMIOS

  • Establecerase un xurado que,o día 29, durante o Magosto, anunciará as aulas gañadoras.

  • Todos/as os/as participantes recibirán un agasallo `pola participación.

  • Primaria e Secundaria: haberá un agasallo para a mellor clasificada de primaria e secundaria.



CHARLA PARA TRATAR A FENDA DIXITAL E A EQUIDADE EDUCATIVA NO RURAL GALEGO

 Araceli Macías García, educadora social en Outonía S. Coop. Galega, foi a persoa encargada de guiar e dinamizar a charla que tivo lugar no noso centro o pasado venres 8 de outubro de 2021. Catro representantes do ámbito educativo (directora, orientadora e dúas docentes), dúas nais da ANPA e dúas persoas da administración local (unha do concello de Irixoa e outra do concello de Monfero) debatiron sobre a situación actual e a necesidade de acadar solucións ao problema da fenda dixital para poder garantir a equidade educativa no rural galego. Esta actividade forma parte dunha iniciativa da ONG Axuda en Acción, co apoio e finanzamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, para elaborar un informe diagnóstico. 







29/09/21

A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA

 

O lema  e o cartel elixido para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2021/202  é  A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA”, lema que quere poñer o foco na palabra e a oralidade. 

Os textos escritos e as producións audiovisuais que ofrece a biblioteca en obras de ficción ou de información axudan ao alumnado a medrar donos da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento, imaxinación, beleza e coñecemento. Mais tamén, as  bibliotecas escolares son espazos sociais de encontro que promoven e facilitan o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, os recitais, a lectura en voz alta, os clubs de lectura… Estas propostas son oportunidade para que o alumnado "tome a palabra" e avance no dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia. 

Na súa constante e natural evolución, as bibliotecas escolares acolleron a nova oralidade secundaria, que promove a comunicación a través dos medios. Programas como Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Biblioteca Inclusiva, abriron as portas a unha oralidade máis formal en forma de podcasts, audiolibros, espazos de coloquio e expresión, facilitando recursos e oportunidades para a adquisición de habilidades e competencias comunicativas de amplo espectro, pois en tempos de comunicación dixital fanse imprescindibles estas competencias básicas: unha expresión oral rica e coidada e unha interpretación o máis axustada posible dos textos orais dispoñibles. 

A Biblioteca Escolar ten a palabra é tamén unha proposta para a recuperación da tradición oral como unha forma de achegar o alumnado ás raíces da cultura na que medra, facilitándolle así as claves para acceder ao rico patrimonio inmaterial galego que ten dereito a coñecer, gozar e darlle continuidade. 

13/09/21

BENVID@S A UN NOVO CURSO (2021-22)

 

Comezamos un novo curso académico (2021-22). Agardamos que veñades con moita forza e ilusión ao igual que nós.

 Alá imos! Benvidos e benvidas!!


16/07/21

Quen dixo que os nenos e nenas non teñen dereito a participar en asuntos dos maiores?

Como ben sabedes, este fin de curso foi un pouco atípico. En lugar de estar enfrascados nunha festa de remate de ano académico, atopámonos buscando a maneira de plantarlle cara a Iberdrola para que non leve a cabo o seu proxecto de implantar un parque eólico na Pena do Corvo, en Monfero. 

Dende que algúns alumnos e alumnas de segundo e cuarto de primaria comunicaron os seus temores de que isto sucedera tratouse de que coñeceran o que é a enerxía eólica, os seus pros e contras e vimos que, de principio, o lugar onde os queren colocar non é o axeitado xa que actuaría negativamente nas Fragas do Eume, na conservación da súa fauna e flora; a outros niveles tamén, ao estar situados nunha zona poboada, crearían uns problemas que nos privarían do turismo e quizais influiría nun novo abandono do rural.

 Visto isto, o alumnado púxose mans á obra e apoiados polo colexio, recolléronse alegacións que se entregaron á plataforma MONFERO DI NON; fixeron carteis que permanecen pendurados na verxa do colexio..., mais estaban un pouco defraudados porque eles non podían asinar esos documentos que os adultos dicían que era tan importante presentar. Que máis poderían facer? Pois quizá enviar algunha carta? A quen? Pois afiando os lápices puxéronse a redactar unha carta para enviar a distintos ministerios pedindo que o ministro/a correspondente actuara no nome deles e defendera a súa petición.

 As cartas foron enviadas a varios ministerios. Sabemos xa que en casi todas as institucións ás que ían dirixidas as recibiron pero aínda non responderon. Quen sí o fixo foi María Teresa Ribera, a Ministra para a transición enerxética e reto demográfico... xusto a que ten nas súas mans a paralización ou non deste proxecto. 

No archivo adxunto podedes ler a resposta á carta do alumnado de 2º e 4º de EP.

 Quen di que os nenos e as nenas non poden facer nada polo seu pobo? Polo de pronto, a ministra xa sabe onde estamos, sabe canto mide o Parque Natural das Fragas do Eume e a súa importancia a nivel europeo... Esperemos que tome conciencia do paraíso que se pode estragar e sexa no consello de ministros a voz dos nenos e nenas que queren un futuro digno para as súas familias e os seus veciños.