19/04/21

Retrato con libro


Dende a Biblioteca Castelao propoñémosvos, ao igual que o ano pasado, participar na actividade: "Retrato con libro"

Dirixida a: Toda a comunidade educativa do CPI Virxe da Cela: alumnado, familias e persoal docente e non docente.

Tema:  A actividade consiste en facer unha foto na que apareza retratado o/a propio/a  autor/a xunto cun libro, un disco ou un CD. Poderedes usar tanto as imaxes das portadas como as do interior.
Na imaxe final ten que establecerse algunha relación entre a imaxe do libro e a persoa retratada:  continuidade do que vemos na portada, relación directa co título do libro, alusión ao contido do libro....En calquera caso ten que aparecer retratado o/a autor/a da fotografía.
Poden colaborar con vos para que vos saquen a foto, non é obrigatorio que sexa un “selfie”.

Técnica: Poderanse presentar fotografías con calquera formato: cadradas, rectangulares... Poden ser imaxes directas ou retocadas.

As fotos deben ser enviadas ao correo da biblioteca: biblioteca.castelao.monfero@gmail.com ou por Whatsapp ao número: 679 51 41 42

Data: A data límite de entrega é ata o 17 de maio de 2021, Día das Letras Galegas. 

Exposición: As fotos presentadas serán subidas ao blog da biblioteca e á páxina web do centro. Ademáis farase unha exposición cas fotos impresas na biblioteca.
 

                  ENLACE  AOS RETRATOS DO CURSO PASADO

 

16/04/21

Votacións para escoller o logotipo da nosa radio

 O alumnado de 1º e 2º de primaria realizou uns debuxos para crear un logotipo para a nosa radio. Presentámosvos os 7 finalistas e agora todo o alumnado de primaria pode votar para axudarnos a escoller o gañador:



GAÑADORES DO I CONCURSO A PROL DA IGUALDADE E CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO 2021

 O Concello de Irixoa fallou os premios do I Concurso a Prol da Igualdade e Contra a Violencia de Xénero 2021. Os gañadores son alumnos/as que cursan os seus estudos no CPIP Virxe da Cela: Elisa Fernández Vázquez (5º de educación infantil) e Hugo Lucía Romero (4º da ESO). O premio deste concurso consiste en visibilizar e difundir as obras gañadoras e así sensibilizar á poboación da importancia da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. No caso do debuxo gañador de eduación infantil será unha mochila serigrafiada e co debuxo gañador da ESO unha libreta-axenda co debuxo gañador na portada.






SEMANA DA PRENSA NA ESCOLA

Do 8 ao 12 de marzo os centros educativos galegos celebramos a Semana da Prensa na Escola, unha iniciativa instituída oficialmente dentro do calendario escolar en 1989 e impulsada pola Voz de Galicia. No noso centro, un ano máis, realizamos unha exposición con xornais e revistas de distintos lugares de España e do mundo e de diversa temática: prensa xeral, prensa deportiva, prensa económica… Poderemos así complementar as nosas clases convertindo a prensa nun elemento pedagóxico máis, fomentando a súa lectura e desenvolvendo así o sentido crítico dos nosos nenos/as e mozos e mozas





16/03/21

O NOSO COLE GAÑADOR PROVINCIAL DO 37 CONCURSO ESCOLAR ONCE


O noso centro foi seleccionado como gañador provincial na 37 Edición do Concurso Escolar ONCE que nesta ocasión e baixo o Lema "ConexiON-AdicciOFF, isto non é un xogo", invitou aos alumnos/as a traballar e reflexionar sobre o uso responsable das tecnoloxías.
 Nesta edición os alumnos e alumnas tiveron que realizar un MUPI (carteis de publicidade de mobiliario urbán), sensibilizando á mocidade dos riscos dun uso incontrolado e abusivo das novas tecnoloxías.
 Aínda que se presentaron varios cursos da ESO, o cartel gañador foi o de 4º de ESO ( Marta Fernández) co título “Non deixes que che atrape”.

PARABÉNS  A TODOS E TODAS POLO VOSO TRABALLO!!!

O MUPI GAÑADOR

 Mentres facíamos o noso MUPI publicitario, os rapaces/zas de 4º da ESO pensabamos o que queríamos transmitir, e cal sería a mellor forma de contalo con pouco texto e máis fotografías. O primeiro que vemos no centro do cartel en grande é unha fotografía dun teléfono móbil onde se esta “afundindo” unha persoa. Con iso queremos transmitir que os aparatos tecnolóxicos están moi ben, pero dentro duns límites. Temos que saber reaccionar a tempo e facer outras actividades que non impliquen estar diante dunha pantalla demasiado tempo. Na esquina inferior esquerda puxemos as iconas das redes sociais mais populares para reflexionar sobre a cantidade de aplicacións que inundan as nosas vidas, e que se nos deixamos atrapar por elas podemos caer na adicción ata o punto de ter que chegar a pedir auxilio. Arriba a esquerda puxemos dúas sinais de precaución e alerta, porque como ven indica o titulo do cartel, isto non é un xogo!


12/03/21

AS BIBLIOTECAS NO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Tedes na biblioteca unha exposición de libros, comics, contos...relacionados co Día Internacional da Muller.

Non deixedes de consultalos!





 

O Día Internacional da Muller 2021 reivindica os dereitos das mulleres  baixo o lema:  “Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da  Covid-19”, celebra os enormes esforzos realizados por mulleres e nenas de todo o mundo á hora de definir un futuro máis igualitario e a recuperación ante a pandemia de  Covid-19, e resalta as deficiencias que persisten. A campaña da ONU pretende mobilizar a todas as persoas, incidindo en que coa participación e o liderado plenos e efectivos das mulleres en todos os ámbitos da vida conséguese o progreso para todo o mundo.

A Axenda 2030 marca como obxectivo número 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. As bibliotecas deben apoiar a igualdade de xéneros e ofrecer lugares, e actividades, de encontro e empoderamento.

 

As bibliotecas  escolares de Galicia traballan, todo o curso, en prol dunha igualdade efectiva na nosa sociedade, formando cidadanía crítica. Arredor desta data promoven actividades coa lectura, o cine, a radio, a publicidade, a busca e tratamento da información ...

09/03/21

MANIFESTO NO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 2021

Neste Día Internacional da Muller, desde o CPI As Mirandas de Ares e o CPIP Virxe da Cela de Monfero,  vai o noso recoñecemento a todas as mulleres e o noso desexo dun futuro en igualdade en tódolos ámbitos da vida. Grazas a todas por saber  escribir a historia con tinta indeleble e por deixar a vosa pegada  nas nosas vidas.

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 2021

O Departamento de Orientación deseñou unha serie de actividades para realizar colectivamente todas as clases do CPI Virxe da Cela e así conmemorar o 8 de Marzo, "Día Internacional da Muller Traballadora". Para introducir a temática nas aulas, propoñemos a realización dunha actividade para levar a cabo de xeito oral en gran grupo. Reflexionamos sobre as tarefas propias do fogar e quen as realiza. Elaboramos un mural con gomets que representa dun xeito visual este aspecto. (Facer a compra, lavar a roupa, cociñar, coidar das/os fillas/os, poñer a mesa, limpar, pasar o ferro, recoller). No patio cuberto, sobre un papel continuo colocarase de forma plastificada as tarefas a realizar. Así cada docente preguntará orlamente ao grupo quen desenvolve esas tarefas, colocando o gomet dunha cor ou doutra según lenda. 






Actividade para o 8 de marzo: a desigualdade, como os virus, só produce vítimas. Por iso, propoñemos crear a nosa propia VACINA CONTRA A DESIGUALDADE, enmarcando a conmemoración na realidade que estamos a vivir. Cada curso, elaborará a súa propia vacina escribindo/debuxando os ingredientes precisos para asegurar a igualdade entre homes e mulleres. Colaborarán na súa elaboración diferentes mulleres relevantes na historia que podedes consultar e seleccionar na seguinte ligazón: https://11defebrero.org/2019/09/06/materiales-singulares/ 
Cada titor/a escollerá unha muller das presentadas e investigará a súa traxectoria. Deste xeito, ao realizar a vacina, levará como título: Vacina de (curso) en colaboración con (nome da muller relevante sobre a que se investigará na aula).