11/05/16

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2016: MANUEL MARÍA

   No ánimo de seguirmos ofrecendo ao longo de todo o curso todo tipo de ferramentas que permitan o traballo didáctico nas aulas arredor da obra de Manuel María, achegamos agora información de novos recursos que xa temos dispoñíbeis na nosa páxina web: www.casamuseomanuelmaria.gal. 



   Trátase, como todos os que xa fomos achegando nos últimos meses, de materiais de uso totalmente libre que compartimos na rede precisamente coa intención de que se aproveiten para o traballo complementario á lectura das obras do escritor ao que este ano se dedican as Letras Galegas. Estes novos recursos son un conxunto de escolmas poéticas elaboradas arredor dunha serie de elementos moi presentes no universo poético de Manuel María: as plantas, árbores e flores, as aves, os animais e o tempo; elementos todos presentes, dunha maneira ou doutra, en todos os libros que máis se axeitan ao traballo escolar. 

  Pódese acceder ás ditas escolmas poéticas a través da sección Recursos da nosa páxina web (columna da esquerda), clicando sobre a lapela Outros. A seguir aparecerá unha listaxe de arquivos en formato PDF entre os que figuran estes novos recursos. Algúns centros están a dirixirse a nós para solicitarnos fotografías de Manuel María das que poder facer libre uso e tamén imaxes dalgunhas das portadas das súas obras máis senlleiras. Tamén desde a nosa páxina web intentamos cubrir esa demanda: na sección Fotobiografía vimos de incorporar unha opción de descarga a carón de cada imaxe, o que permite mesmo a súa impresión nunha resolución moi aceptábel. Na sección de Outros, na categoría de Recursos, incorporamos en PDF as imaxes das portadas de todas as publicacións que vimos editando desde a Casa-Museo, incluindo algúns dos títulos máis emblemáticos de Manuel María. 

   Agardando que estas ferramentas redunden positivamente no traballo nas aulas arredor do escritor e da lectura da súa obra, quedamos á súa enteira disposición. Reciban un cordial saúdo. 
                                  
 Casa-Museo Manuel María. Outeiro de Rei da Terra Cha.

Ningún comentario:

Publicar un comentario