24/02/25

Obradoiros inmersivos día Rosalía de Castro

Tres días de talleres e acompañamentos entre maiores e pequenas dende Educación Infantil ata a ESO, así foi a homenaxe do CPI Virxe da Cela á nosa poeta máis coñecida. Tendo como referente o libro "O herbario de Rosalía" sumerxímonos no mundo das plantas dende diferentes propostas artísticas e co telón de fondo dos seus poemas nas voces do alumnado da ESO. Grazas a toda a comunidade educativa que participou dalgunha maneira para que todo isto fora posible dende as familias coas súas aportacións, ata os que revisaron os horarios para as visitas, as que axudaron a recomplilar o material e a colocalo, a limpar e a preparar todo para que a biblioteca se convertira nun lugar de experimentación e aos nenos e nenas pola súa implicación. Sen a colaboración de todos e todas non sería posible! Aquí deixamos unha presentación co resumo das actividades. 

Exposición de libros de Rosalía

O herbario de Rosalía (vídeo ESO) de Rocio

14/02/25

Reunións do club de lectura de Primaria do mes de febreiro

 Este mes as persoas que conformamos o club de lectura de Educación Primaria "Mundo de letras" reunímonos para representar as obras de teatro que limos, aquí vedes unhas imaxes do ben que o pasamos! Grazas a Educación Infantil por deixarnos os disfraces para a ambientación.

"AS TERAPIAS DA DOUTORA LEDICIA"





"WOMBO COMBO"











02/02/25

Visita da Asesoría de Bibliotecas Escolares ao noso centro

O xoves 23 de xaneiro visitounos María Pousa da Asesoría de Bibliotecas Escolares para axudarnos a reordenar a biblio. Seguimos traballando para que os nosos nenos e nenas accedan aos mellores fondos de forma máis fácil e cómoda, mercando novos libros, organizándoos, sacando os antigos, facendo un fondo histórico, creando novas etiquetas, adaptando a CDU... 


 

Temos moitas novidades!

 Temos moitas novidades que non debes perder! Vén buscar a túa! 



Non é unha caixa.

 A partir do libro de Anotinette Portis da Editorial Kalandraka, o alumnado do 1º Ciclo de EP están creando nas estacións de aprendizaxe novas utilidades das caixas que recompilaron en 2º de EP coa colaboración das familias. Mirade canta imaxinación e creatividade: bauis, naves espaciais, coches... e moitas cousas máis! 





"Unbound", Judith Scott.

Nos ambientes do 1º ciclo usamos os libros para coñecer historias, técnicas artísticas e ata para aprender algo máis de inglés! 

A partir do libro "Unbound" coñecemos a Judith Scott na asignatura de Arts onde estamos facendo un pequeno fipbook e ademais, recreamos as súas obras no ambiente de ciencias e arte.

Aquí vos deixamos unhas imaxes das nosas primeiras obras.








27/01/25

Club de xogos de mesa: biblioteca creativa.

 O clube de xogos de mesa é unha proposta dinamizada nos leceres do tempo do comedor. A través dela, búscase que o alumnado adquira outras dinámicas de lecer, como é o xogar a diferentes xogos de mesa. Esta proposta está aberta ao alumnado desde 4º de Educación Primaria até 4º de Educación Secundaria, permitindo así que toda unha ampla franxa de idade poida participar. Actualmente, ao redor de 30 alumnos e alumnas forman parte deste clube, que se reúne de maneira quincenal.

A través dos xogos, as aprendizaxes do alumnado serán múltiples e variadas. Por unha banda, estaremos a traballar múltiples competencias clave, como a competencia en comunicación lingüística, a competencia cidadá, a competencia persoal, social e de aprender a aprender, e sen esquecer, a competencia STEM. Con cada razoamento, pensamento dunha estratexia, con cada inferencia, os estudantes estarán a traballar todas estas competencias de maneira activa. Ao mesmo tempo, desenvolverán habilidades cognitivas fundamentais, como o pensamento lateral, a abstracción e o pensamento computacional, todas elas sen percatarse de que están facendo un traballo intelectual de gran valor.

Ao xogar en grupo, os estudantes non só están mellorando as súas habilidades de comunicación, senón tamén a súa capacidade para tomar decisións colectivas, negociar e respectar as regras, elementos que son fundamentais no desenvolvemento da competencia cidadá. O clube ofrece tamén un espazo para que melloren a súa competencia persoal e social, practiquen o traballo en equipo e se formen como cidadáns responsables. Ao ser un espazo onde se potencia a cohesión grupal, os xogos permiten que os alumnos e alumnas aprendan a convivir en comunidade, a respectar as diferenzas e a traballar de maneira colaborativa, á vez que melloran as súas relacións interpersoais.

Sen dúbida, con esta proposta enmarcada nunha aprendizaxe non formal, estaremos a descubrir como dinamizar contidos curriculares dun xeito diferente, nun ambiente lúdico e cercano ao alumnado. As dinámicas de grupo e as aprendizaxes que se producen de maneira informal a través do xogo permiten que se desenvolvan habilidades que despois se poden transferir ao ámbito escolar e á vida diaria. Ao integrar xiros lúdicos e actividades relacionadas co pensamento computacional, tamén estamos a axudar ao alumnado a comprender mellor conceptos matemáticos, estratéxicos e lógicos que se aplican en múltiples contextos.

Este tipo de aprendizaxe, á vez que fomenta o desenvolvemento cognitivo e persoal dos estudantes, contribúe a que os tempos de lecer se aproveiten de maneira productiva, transformando un momento de ocio en oportunidade de crecemento e formación. Sen dúbida, será un tempo de ocio diferente, onde se pode aprender xogando, potenciar habilidades persoais e sociais, e desenvolver competencias clave para o futuro.



2ª reunión club de lectura "Mundo de letras": Wombo Combo.

 Nesta 2ª reunión do grupo 2 do club de lectura "Mundo de letras" foi a quenda do libro de Paula Carballeira "Wombo Combo", aquí vos deixamos a presentación con algúns temas que se trataron e fotos que iremos actualizando nas vindeiras reunións.