15/10/19

24 OUTUBRO - 31 OUTUBRO: SEMANA MUNDIAL DA ALFABETIZACIÓN EN MEDIOS E INFORMACIÓN (AMI) A PROPOSTA DA UNESCO


A UNESCO propón a celebración da Semana Mundial AMI 2019 baixo o lema CIDADANÍA AMI: INFORMADA, COMPROMETIDA, EMPODERADA como un medio para visibilizar as experiencias en materia de educación nas linguaxes dos diferentes medios de comunicación, nun contexto de alfabetizacións múltiples e coa intención de formar ao alumnado como consumidores pero, especialmente, como produtores de información a través dos diversos medios de comunicación: prensa, radio, televisión, vídeo, fotografía, audio, produtos transmedia, internet... 


Toda a cidadanía europea ten dereito á alfabetización. Os estados membros da UE deben asegurar que os cidadáns de todas as idades, independentemente da súa clase social, relixión, etnia ou sexo, conten cos recursos e oportunidades necesarios para desenvolver un nivel de alfabetización suficiente e sostible a fin de comprender e utilizar con eficacia a comunicación escrita, tanto en medios impresos como dixitais. (Declaración ELINET sobre Dereito á Alfabetización).



COMO CELEBRAR A SEMANA?

Recollemos da UNESCO algunhas propostas que poden resultar interesantes:
  • Celebrar un día da AMI no centro
  • Organizar eventos relevantes ou actividades no centro educativo arredor dos medios de
  • información e comunicación
  • Usar as redes sociais para crear conciencia sobre AMI na comunidade educativa
  • Tomar a palabra (crear contidos para os medios)
  • Dar a coñecer publicacións e iniciativas sobre AMI

08/10/19

BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA

O lema das bibliotecas para o presente curso 2019/2020 é "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta ocasión é o ilustrador Óscar Villán quen interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar.
Intervir na biblioteca escolar (nos seus espazos, nos seus tempos, nos seus recursos e actividades) ten consecuencias para o alumnado e para a comunidade educativa. Das características e dos enfoques desa intervención dependen os usos e as oportunidades que a biblioteca pode ofrecer. Cómpre unha reflexión sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Nada disto é doado nin se consegue nun curso escolar. Cómpre sementar, crear ese hábitat axeitado para que os pequenos e as pequenas, os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas.

A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta.

26/09/19

26 DE SETEMBRO: DÍA DAS LINGUAS EUROPEAS



Por iniciativa do Consello de Europa, desde o ano 2001 celébrase o Día Europeo das Linguas para poñer en valor a diversidade lingüística da UE e para promover a aprendizaxe de idiomas entre a cidadanía do Vello Continente.
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, súmase a esta festa que, cada 26 de setembro, lembranos a importancia e máis a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas.
Neste día, desde o noso centro, queremos compartir o conto Mahán e a cadeira vermella. Un conto creado e ilustrado polo alumnado do no noso centro para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos dos Nen@s e que presentamos en galego, castelán e inglés.Unha oportunidade para destacar a importancia da aprendizaxe de linguas e diversificar a variedade de idiomas que se aprenden co obxectivo de incrementar o plurilingüismo e a comunicación intercultural.




11/09/19

XA ESTAMOS DE VOLTA

Comezamos un novo curso no que contaremos con moitas actividades, con moitas sorpresas, con moita ilusión e, coma sempre, con vós.


10/06/19

Visita do club de lectura á Expotaku

Resultado de imagen de expotaku coruña 2019 O pasado venres 24 de maio visitamos a feira Expotacu na Coruña. Nela puidemos coñecer todo o máis recente desta cultura. O alumado puido xogar, comprar e ver en directo como algúns debuxantes facían as súas creacións.



Preguntón 4ª Semana. Solucións