
01/11/18
30/10/18
CHEGA O SAMAÍN Á NOSA BIBLIOOOOOOO!!!!!!
Cando se achega o final do mes de outubro, o Samaín comeza a estar
presente… Esta festividade que agora rememoramos, ten a súa orixe nas
celebracións que o pobo celta vivía durante días para dar remate á tempada das
colleitas e dar tamén comezo a un novo ano. Os antigos celtas dividían o ano en dúas metades:
unha luminosa, de fartanza, calor e verán , e outra escura,
de escaseza, frío e inverno. No medio das dúas quedaba a noite de Samaín,
unha noite máxica na que os espíritos malignos quedaban ceibes e os defuntos
visitaban as casas. Nesas
celebracións, a través de druídas, contactaban cos ancestros e estes viñan visitar
aos vivos…e para guialos colocaban caveiras acendidas nos seus fogares; de aí
que agora se conmemore decorando cabazas.
Coa
chegada dos romanos e máis tarde do cristianismo a noite converteuse na
de Todos os Santos, aínda que pola costa atlántica de Europa
pervivíu a costume de lembrarse dos mortos e a crenza de que as meigas
elixían o 31 de outubro para realizar os seus aquelarres.
En
Irlanda, as vellas tradicións conserváronse durante toda a Idade Media, e foron
os inmigrantes irlandeses os que levaron as vellas costumes aos Estados Unidos.
Foi así como esta festa de orixe celta converteuse en Halloween.
Invitámosvos
a visitar
o recantiño de lecturas de terror onde encontraredes un montón de libros de
medo… medo????, quen dixo medo???. Atrévete a descubrilos!!!
26/10/18
CELEBRAMOS O DÍA DA BIBLIOTECA
Pregón deste ano, O día da luz, escrito por Gonzalo Moure (tradución ao galego de Antía Marante), e o
cartel do ilustrador Alfonso Zapico.
Pregón Día da Biblioteca 2018
"O día da luz" Gonzalo Moure
Veño do deserto do Sáhara, de inaugurar unha biblioteca. Está en Dajla, o máis afastado, o máis esquecido dos cinco campamentos de refuxiad@s saharauís. É a cuarta biblioteca que construímos, e é preciosa. No centro plantamos árbores, para que @s nen@s e @s moz@s do Sáhara poidan experimentar o gozo de sentar baixo a súa sombra para ler un libro. Non queremos que esa biblioteca sexa ningún "templo de silencio", senón máis ben un espazo para o son, para o ruído. Unha biblioteca que xa é o lugar máis fermoso do campamento. Un espazo para desexar ir buscar lectura, pero tamén amizade, soños compartidos. Incluso amor. Un lugar no que namorar mirando uns ollos por enriba do libro. Porque ao fin e ao cabo, a biblioteca é o lugar onde se descobre ao outro, de papel ou de carne.
Nun filme inesquecible, o mellor filme de ciencia ficción da historia, "2001, unha odisea do espazo", aparece un monólito cada vez que o ser humano se dispón a dar un salto cualitativo. Kubrick, o seu director, debeu poñer un libro no seu lugar. Porque foron os libros os que marcaron o ritmo dos cambios do ser humano. Porque o libro é o laboratorio das mulleres e os homes, o lugar no que se experimenta con emocións, descubertas, utopías, apostas. Somos o que somos porque fomos pensando e escribindo sobre como ser e sobre como non ser. E seremos o que pensemos, o que pensen e escriban as vindeiras xeracións.
Así que unha biblioteca non é só un lugar que convida a ler, senón tamén, ou por iso, un lugar que convida a escribir. As bibliotecas do século XXI so, poden ser, teñen que ser o sementeiro de novas novelas, novos monólitos, fitos do noso futuro. Se o século XX foi sen dúbida o século da lectura, o século XXI pode chegar a ser o século da escritura, xa o está sendo.
Por todo iso construímos bibliotecas nos campamentos do deserto. Porque non son só para @s saharauís. Págaas a nosa sociedade civil, mediante soci@s adult@s, e mediante actividades solidarias nos colexios, institutos e bibliotecas. E @s alumn@s e lector@s que as sufragan fanse conscientes do extraordinario que é ter unha biblioteca, aprenden a valorar a súa, a defendela. Cada biblioteca do deserto ten detrás a milleiros de nen@s, moz@s e adult@s que a fixeron posíbel co seu pequeno esforzo. Sumando. Cada lectora e lector saharauí ten ao seu carón a milleiros de lectoras e lectores, máis conscientes da importancia dunha biblioteca, porque co seu traballo construíuse unha, nun clima e lugar tan hostil.
Pensa na túa biblioteca. Houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén soñouna, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Faite do equipo dese alguén que a fixo posible, loita por un mundo no que non haxa un ser humano que non teña preto unha biblioteca, ou un amoroso "bibliobús". Que non haxa ningunha nena e ningún neno, moz@ ou adult@, que non roce a man dunha bibliotecaria que a aconselle, que o oriente no labirinto. Que é o mesmo que dicir que non haxa ningún ser humano conectado ao que foi, o que é e o que será.
Na túa man hai milleiros de mans, apertando a túa, acompañándote no camiño. Tenras ou con durezas, pequenas ou grandes. No libro que te agarda na mesa de noite ou xunto ao sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Mais todos preciosos. Conectados todos por un invisíbel fío de prata que un man con man, andel con andel, un fío inacabábel e luminosos. Inacabábel, e que así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir "O día da luz".
Feliz día, feliz século.
18/10/18
O NOSO COLE NO ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DA RAG
O martes 16 de outubro de 2018 ás
11:00 horas alumn@s e profes do noso cole, o Virxe da Cela,
asistiron no salón de actos da Real Academia Galega á entrega de premios Contádenos
o voso Día das Letras. Dito galardón, creado pola RAG, ten como obxectivo coñecer e difundir cómo celebraron
o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de
menor idade, ao abeiro da Primavera das Letras. Este proxecto web da RAG fornece
desde 2016 a comunidade escolar de contidos lúdicos e didácticos arredor da
figura protagonista do 17 maio desde unha perspectiva interdisciplinaria.
No acto estiveron presentes os
tres centros gañadores:
CPI P Virxe da Cela (Monfero)
EEI do Milladoiro ( Ames)
CEIP Anxo da Garda (A Coruña)
Así mesmo presidiron a xornada Victor Freixanes (presidente da
Academia Galega), Francisco Castro (director
xeral da Editorial Galaxia), a escritora Fina
Casalderrey, Teresa Rocamonde, (responsable
de comunicación de Bolanda), Andrea
Jamardo (responsable de Urco Editora) e Pedro Ferriol (viúvo da escritora María Victoria Moreno).
O noso centro apostou pola linguaxe
radiofónica. O alumnado de primeiro e segundo gravou un conto inspirado en
personaxes das obras de María Victoria Moreno. Pola súa banda o alumnado de 4º
de EP realizou un programa dedicado á autora con entrevistas a Eli Ríos, Monste
Pena, Francisco Castro, Fran Alonso e Andrea Jamardo, dentro do noso programa de
Radio escolar tan ben levado por Sergio
Pascual y Lucía Abarrategui e financiado por Ayuda en Acción e a Fundación
Repsol.
Ademais, a xornada tivo un
remate moi especial xa que compartimos
co CEIP Anxo da Garda unha xornada de convivencia e xogos no centro coruñes.
Ámbolos dous centros levamos tres anos colaborando para achegar realidades
culturais e sociais diferentes, pero ao mesmo tempo enriquecedoras, tomando como nexo
de unión o apego pola identidade cultural e a revalorización do medio natural
como punto de partida para o deseño de actividades compartidas.
Parabéns a tod@s polo voso
traballo!!!!!
Aquí deixamosvarios vídeos do acto.
16/10/18
OBRADOIROS DE TEATRO CON ABEL CABALLERO
Obradoiro de Teatro con Abel Caballero, técnico de Xuventude do Concello de Monfero.
Todos os martes na Biblioteca Castelao
POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR
POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que a Consellería de Educación, Universidade e
Formación Profesional propón ás bibliotecas escolares para o curso
2018/2019, como chiscadela para descubrir a poesía que nos rodea, apoiándonos
nos recursos e nas posibilidades da biblioteca escolar.
ANTÓN FRAGUAS
Tedes á vosa disposición unha unidade didáctica dirixida ao alumnado de educación primaria que ten como finalidade divulgar a figura de Antón Fraguas Fraguas, o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2019.
Antón Fraguas by veronicadopico6009 on Scribd
DOMINGO FONTÁN E A CARTA XEOMÉTRICA DE GALICIA
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Ciencias, acaba de presentar unha unidade didáctica sobre Domingo Fontán. Será moi útil para dar a coñecer a figura deste matemático e científico galego e comprender a importancia da súa obra, na que destaca a Carta Xeométrica de Galicia.
Domingo Fontán by veronicadopico6009 on Scribd
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
















