23/04/18

Os escornabots do noso espazo "FERRAGANCHOS" no STEMlab


O venres 20 de abril celebrouse no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela o STEMlab Galicia. Trátase da maior feira en Galicia para centros educativos, na que se amosou a excelente labor educativa de numerosos centros galegos a prol da ciencia, a enxeñaría, a tecnoloxía e a matemática, pero sobre todo a prol dunha aprendizaxe competencial, activa e creativa.
O CPI Virxe da Cela foi invitado a participar, e para o noso alumnado foi unha experiencia única.

REVOLUCIÓN STEM
Nos últimos anos, os centros galegos comezaron a empregar novas metodoloxías para dar resposta aos retos actuais, pero sobre todo futuros, da sociedade. A revolución STEM nas aulas -nas súas siglas en inglés Science, Technology, Engineering and Mathematics (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas)- é unha realidade. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxo en marcha a Estratexia galega para a educación dixital Edudixital 2020 para impulsar os coñecementos científico-tecnolóxicos, sobre todo entre as nenas, cun obxectivo claro: que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21. Nos dous últimos cursos, xa se distribuíron kits de Robótica, Programación e 3D en institutos e colexios, puxéronse en marcha materias de libre configuración autonómica vinculadas con este eido e, tamén, clubs de ciencia, así como o primeiro campamento STEM.




Os nosos alumnos tiveron a oportunidade de falar co presidente da Xunta, e tamén con Pedro Duque:


Podedes premer sobre as imaxes para seguir lendo:
http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/pedro-duque-estrella-jornada-educativa-stemlab-galicia/idEdicion-2018-04-20/idNoticia-1111225/https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/04/20/astronauta-pedro-duque-causa-furor-compostela/00031524223732025258410.htm



23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

Cada 23 de abril celebramos o Día do Libro para recoñecer a súa importancia como ferramenta cultural.
Todo, todo está nos libros. Todo o que é. E todo o que non é, pero podería ser. Tamén o que nunca foi nin será, nin podería selo.
 A vida toda está nos libros: a historia da humanidade... o que sentimos as persoas... o que soñamos ou simplemente imaxinamos...
   E por qué lemos?
-  En primeiro lugar porque alguén nos aprendeu a facelo,
-   porque outras persoas nos acompañaron nas nosas primeiras lecturas,
-   porque leron para nós ata que fumos capaces de facelo por nós mesmos
-  porque desfrutamos coa lectura compartida no camiño de descubrir o placer de mergullarnos sós nun libro.
Isto é o que queremos homenaxear no Día do Libro: as persoas que foron abrindo camiños para nós; esas persoas que, lendo, axudáronos a medrar como lector@s. E a nós mesmos que apamadriñamos a outros nenos e outras nenas que veñen detrás.
                         E aos libros que lemos; por riba de todo aos nosos favoritos.


03/04/18

CONCURSO O PREGUNTÓN 2018


Un ano máis volvemos convocar o concurso do preguntón. Este ano cunha duración de catro semanas e coma en cursos anteriores dirixido aos alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria e dos catro cursos da ESO.

Bases do Preguntón
PARTICIPANTES
Poderá participar o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e todo o de Secundaria formando equipos de 2 persoas de calquera curso.
Os participantes deberán inscribirse na Biblioteca debendo cubrir unha folla cos datos dos compoñentes do grupo e o nome do grupo.
Poderanse apuntar ata o xoves 12 de abril.

O XOGO
-O xogo desenvolverase dende o venres 13 de abril ata o venres 4 de maio. Consta de varias preguntas ou probas.
Estarán expostas no taboleiro do PREGUNTÓN situado xunto á porta da Biblioteca e no blog da Biblioteca Castelao.
-Cada venres publicarase no taboleiro e no blog as preguntas ou probas, así como a puntuación acadada.
-O prazo para entregar as respostas será ata o venres seguinte ás 12:35. Nese tempo poderedes empregar calquera servizo da biblioteca, libros, ordenadores, internet, ou os vosos propios recursos.
-As respostas debedes presentalas nas follas que atoparedes na biblioteca e depositalas no prazo previsto nunha furna habilitada para este concurso. 
-Cada pregunta ou proba ten unha puntuación indicada explícitamente. Os equipos que presentedes a resposta acertada dentro do prazo sumaredes os puntos en xogo.
-Cando semana cando remate  o prazo de entrega, publicaremos as respostas no taboleiro do Concurso.

GAÑADORES
-O equipo gañador será o que acumule máis puntos ao remate do concurso. En caso de empate, o premio será repartido  entre os equipos que acaden a mesma puntuación.
-Haberá un equipo gañador e dous equipos finalistas.
-Todos os participantes levarán un diploma de participación.

XURADO
-O xurado estará composto polos membros do equipo da Biblioteca e do ENDLG.
-Se o xurado detecta calquera comportamento antideportivo, adoptará medidas, incluíndo a descualificación do  equipo ou equipos implicados.

-A participación no concurso supón a aceptación de todas estas bases.


Animádevos a concursar!!!

13/03/18

RETO LECTOR DA EDITORIAL GALAXIA



A Editorial Galaxia lanza estes días a segunda edición do seu Reto Lector destinado a fomentar a lectura entre os máis novos. Despois do éxito da primeira convocatoria en marzo de 2017, na que con apenas dous meses de prazo para participar se recibiron 35 vídeos enviados por rapazas e rapaces de toda Galicia, Galaxia persiste no seu empeño en conseguir que a mocidade se achegue ao sistema literario integrándose nel como críticos, lectores... 

Nesta segunda edición, poderán presentarse ao premio as rapazas e os rapaces de entre 12 e 16 anos. Para participar, só terán que enviar ao enderezo electrónico galaxia@editorialgalaxia.gal dous vídeos nos que se dea conta da lectura de dous libros da Editorial Galaxia de calquera das súas coleccións de narrativa para todas as idades: Árbore, Costa Oeste e Literaria. Os vídeos non poderán exceder os dous minutos de duración. Durante eses dous minutos, os participantes deben comentar o contido da obra, os aspectos que máis lles gustaron e as razóns polas que recomendarían a súa lectura. O xurado estará composto polo alumnado da ESO dun centro galego designado pola editorial, e será quen valore todas as propostas fixándose principalmente no poder de persuasión dos participantes, na súa claridade expositiva e na creatividade da gravación. 

A rapaza ou rapaz gañador recibirá un Ipad de última xeración. Ademais, haberá cinco lotes de libros coas últimas novidades da Editorial para os cinco seguintes clasificados. O prazo de entrega dos vídeos estará aberto ata o día 27 de abril, e o fallo do xurado farase público no mes de maio. 

A través desta iniciativa, a Editorial Galaxia pretende fomentar a lectura en galego nun sector clave da nosa sociedade: os adolescentes. Para facelo, proponlles aos participantes que tiren rendemento das ferramentas dixitais e do seu potencial como medios de transmisión e difusión lingüística e cultural, ao tempo que os anima a desenvolver o seu sentido crítico, mellorar a súa competencia oral e aprender a ver na literatura unha canle comunicativa.