09/03/16

SEMANA DA PRENSA NA ESCOLA

Do 7 ao 11 de marzo os centros educativos galegos celebramos a 28º edición da Semana da Prensa na Escola, unha iniciativa instituída oficialmente dentro do calendario escolar en 1989 e impulsada pola Voz de Galicia.
No noso centro, un ano máis, realizamos unha exposición con xornais e revistas de distintos lugares de España e do mundo e de diversa temática: prensa xeral, prensa deportiva, prensa económica… Poderemos así complementar as nosas clases con exemplares de xornais convertindo a prensa nun elemento pedagóxico máis, fomentando a súa lectura e desenvolvendo así o sentido crítico dos nosos nenos/as e mozos e mozas.
Ademais, na portada da Voz da Escola deste mércores podense encontrar propostas para preparar esta semana de celebración.




   





08/03/16

MALETAS VIAXEIRAS

Desde a bibilioteca Castelao informámos a todos e todas que xa chegaron ao noso centro as maletas viaxeiras,  unha para secundaria e outra para primaria.

o    Secundaria: MALETA DE BANDA DESEÑADA: Cunha selección de cómic e novela gráfica, para coñecer autores e títulos de banda deseñada que están a ser referencia entre os lectores do xénero.
o    Primaria: MALETA DE CIENCIA ENTRE LIBROS: Unha relación de libros sobre ciencia de diversa temática: animais, o corpo humano, as estrelas, curiosidades, o tempo…

 Cada maleta leva unha relación dos materiais que inclúe, unhas propostas de utilización e unha relación de recursos sobre o tema do que é obxecto. Tamén leva un caderno para a recollida de suxestións.




07/03/16

O XESTAL NAS ONDAS NO DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Hoxe 8 de marzo celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Muller. Unha celebración que, sobre todo, é unha reivindicación social e unha ocasión de facer un reconto dos progresos realizados cara ao logro da igualdade de xénero. Aínda que se fixeron moitos progresos, estamos moi lonxe de alcanzar a igualdade de xénero no mundo enteiro. Non hai un só país no mundo onde as mulleres consigan a plena igualdade e o pleno goce dos seus dereitos.
Isto, por si só, debería demostrar a necesidade de manter un forte enfoque na igualdade de xénero e os dereitos das mulleres nas axendas de todos os países. As mulleres teñen unha contribución vital para o logro de sociedades pacíficas e sostibles. É por iso que temos que asegurarnos de que participen plenamente e gocen da igualdade de dereitos en todos os ámbitos da vida.
Para conmemorar esta data, catro alumnas/os de 3º da ESO realizaron un programa especial de radio no que fan un repaso á historia deste día así como un recoñecemento á vertente ferminista de Rosalía de Castro, poetísa que tan ben soubo plasmar na súa obra, que a muller tamén sente e padece, que as mulleres podían protestar,  queixarse do que lles faltaba e do que lles arrebataran, e non contentarse con formar unha familia e calar para sempre.



01/03/16

XA TEMOS AQUÍ A HÉRCULES: MERGÚLLATE NAS SÚAS AVENTURAS

Xa temos na nosa biblioteca os primeiros títulos  das novas coleccións infantís que Hércules Edicións editou en galego e en castelán baixo os títulos : “As amizades de Hércules” e “Os imperdibles de Hércules”.
Aínda que cada título é independente, ambas coleccións teñen un importante nexo de unión: Hércules, un personaxe que viaxa pola historia coa súa máquina do tempo presentándolle ao lector os personaxes biografiados, ou suxeríndolle novas lecturas imprescindibles en forma de traducións e de clásicos adaptados.
Así, a colección de “As Amizades de Hércules” comeza coa incrible historia do propio Hércules, que, baixo o título “Hércules e a máquina do tempo”, preséntanos o medio de locomoción co que o noso protagonista planea viaxar por outras épocas e lugares para ver mundo e coñecer novos personaxes aos que veremos nos seguintes títulos, o primeiro dos cales é: “Hércules visita a Álvaro Cunqueiro”.
Se queredes mergullarvos no mundo de Hércules podedes atopar xa os libros na nosa biblioteca.

23/02/16

II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA "GALICIA, AUGA E LITERATURA"




Convócase o II Concurso de Fotografía "Galicia, Auga e Literatura", patrocinado por Viaqua.
Podedes participar cos vosos alumnos enviando os traballos ata o próximo 10 de maio ao seguinte enderezo:



II Concurso de Fotografía “Galicia, Auga e Literatura”
La Voz de Galicia
Departamento de Marketing
Polígono Industrial de Sabón
Avenida da Prensa, 84 – 85 15143 Arteixo (A Coruña)

O que se busca con este concurso é achegar a literatura galega aos escolares de Educación Primaria e Secundaria a través da auga; á vez que se conciencia sobre os usos e beneficios desta.
E como se consegue isto?. Os alumnos deberán elixir un poema ou verso determinado nos que a auga estea presente e ilustralo cunha fotografía. A creatividade e orixinalidade á hora de plasmar nunha fotografía a importancia do coidado do medio ambiente e a auga como recurso escaso, terán a súa recompensa. En concreto, o primeiro e segundo premio para os escolares de cada categoría será unha Tablet Nevir LCD 8" e unha Cámara Dixital Nikon, respectivamente. Os profesores, pola súa banda, serán galardoados cunha estancia dunha noite para dúas persoas en OCA Augas Santas (Pantón - Ourense).

Se tes calquera dúbida, xa podes consultar as bases do concuso que tes acontinuación:



BOOK TRAILERS

Co obxectivo de potenciar a creatividade e a imaxinación do alumnado o Departamento de Lingua Galega, propón a realización de booktrailers. Esta actividade consiste na elaboración de publicidade en formato audiovisual para promover a lectura en galego. Podedes ver na seguinte lista de reprodución os book trailers que fixeron os alumnos/as da ESO neste curso.

 

24 FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2016. PROPOSTAS DA ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA.

Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.
Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a  celebrar o  Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra:
Educación Secundaria e Bacharelato
Propoñemos o envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte: “Trocando en sonrisas / queixiñas e choros”, que se enviaría través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e formatos, acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía. Esta acción pode realizarse, con autorización previa da dirección do centro e supervisión das/os docentes, durante un período concreto de clase ou no período de recreo.
Educación Infantil e Primaria
A AELG propón a elaboración e envío dunha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e cun verso ou estrofa que actúe de estímulo creativo para que rapazas e rapaces realicen un debuxo en torno á figura de Rosalía de Castro. Convidamos a que este traballo se realice na semana previa ao 24 de febreiro, para que ese día concreto se proceda desde os centros a un envío das postais aos enderezos das familias do alumnado, como agasallo rosaliano personalizado pola rapazada. Como texto propoñemos a seguinte estrofa de “Alborada”, tamén de Cantares gallegos:                                                 
                                                                  Canta, paxariño alegre,
canta!
Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.
 Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

Tamén, e co mesmo obxectivo, podedes achegarnos outras actividades que organicedes (vídeos, muráis, traballos…), así como toda aquela documentación (gráfica, audiovisual...) que derive da realización do Día de Rosalía no voso centro.

CONCURSO DE LOGOS

 1º Premio: Nerea Couceiro Gómez de 4º de ESO
Premio especial de Educación Primaria: Xiana Mosquera Varela, de 3º de EP
Premio especial de ESO: Silvia Roca Deibe de 4º de ESO