20/10/15

ENCONTRO FINAL DRAGAL EN PICO SACRO (BOQUEIXÓN)

Venres 16 outubro


    Fomentar a lectura na escola e facelo en galego dun xeito atractivo para os adolescentes non é un reto doado, aínda que traballos literarios como a triloxía Dragal da escritora Elena Gallego Abad, pensada para un público xuvenil, están a facer máis fáciles as cousas. Así o pensan nos institutos que participan este ano no Encontro Dragal, un xogo de rol que na súa segunda convocatoria ven de reunir ás portas de Santiago a preto de catrocentos rapaces de Monfero, A Coruña, Becerreá, Verín e Vilagarcía de Arousa. Todos eles quedaron enredados nas historias que conta Gallego Abad, unha obra que tamén chamou a atención da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que puxo en marcha esta actividade coa colaboración do Concello de Boqueixón. A elección deste espazo ten moito que ver coa mitoloxía galega do dragón, xa que a lenda xacobea di que antes de que o corpo do Apóstolo Santiago chegase a Compostela tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do dragón que se agochaba no Pico Sacro. 
     Facer un xogo de rol con estes vimbios foi doado. E tendo en conta o éxito do Encontro Dragal, a receita resultou de gusto dos estudantes. Proba diso foi que as lecturas da triloxía no curso pasado deron os seus froitos, coa rapazada vestida con traxes medievais e unha reprodución en viñetas das historias do Dragal para que o xogo estivese ben ambientado. Polos recunchos do Pico Sacro estaban agochados moitos cofres cheos de puntos de vida, necesarios para participar na competición e gañar bazas para a vitoria. Mentres cumprían co itinerario, os rapaces íanse atopando con personaxes da triloxía espallados por unha ruta programada por razóns de seguridade e de organización dos tempos. A maxia dos recunchos do Pico Sacro e as gañas de pasalo ben nun moi bo día para desfrutar das vistas fixeron o resto ata chegar á hora do xantar, feito para axudar a confraternización dos xogadores a base de produtos típicos. 
    E lembrando as mensaxes de que o importante é participar, todos eles recolleron un diploma por ter xogado en equipo, mentres os organizadores seguían a contar os puntos de vida recollidos polos rapaces, deixando para os vindeiros días a incógnita de cal foi o colexio gañador.

PREMIO PLANETA 2015


Alicia Giménez Bartlett gañou a 64ª edición dos Pemios Planeta de novela. Recoñecida pola súa serie de Petra Delicado, obtuvo o galardón pola obra "Homes espidos". Esta novela conta a historia de Xavier, un profesor de literatura que se queda en paro, e Irene, unha empresaria que acaba de ser abandonada polo seu marido. Os dous inician unha relación, porén vense obrigados a cambiar as súas vidas drasticamente por mor da crise económica.

   Seguro que resultará interesante achegarse a esta autora!

BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS

"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolareS . A imaxe do cartel responde á interpretación que deste lema fixo o ilustrador e autor de cómic FRAN BUENO,  e ten suficiente carga simbólica e información como para espertar o interese do alumnado.
Así, a biblioteca escolar pode ser a base desde a que explorar o mundo real, pero tamén os mundos imaxinarios; os materiais impresos e os recursos electrónicos achégannos informacións sobre todo aquelo que queremos coñecer e comprender; é un espazo para a investigación individual e para o traballo en equipo; é un espazo integrador cheo de oportunidades de aprendizaxe.

O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións" chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido.

13/10/15

INAUGURACIÓN DO PROXECTO "GENIOS" NO CPI VIRXE DA CELA


A Fundación Ayuda en Acción, en colaboración con Google.org, lanza o proxecto GENIOS, que proporcionará a máis de 5000 nenos e nenas de máis de 30 centros escolares (entre eles o CPI Virxe da Cela, Monfero) as ferramentas e os medios para acceder á tecnoloxía e ao coñecemento, baseándose no feito de que brecha dixital reflicte a desigualdade de acceso ao coñecemento e ás novas tecnoloxías, e implica o risco de exclusión de quen queda fora desa innovación e, en definitiva, do futuro. Un día á semana durante un cuatrimestre os rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria do noso centro mergullaranse no mundo das tecnoloxías a través dun convenio de colaboración entre a Fundación Ayuda e Acción e o CPI Virxe da Cela que se firmou por terceiro ano consecutivo. A mañá do mércores 7 de outubro inaugurouse o programa GENIOS, tendo lugar a primeira das sesións impartidas polo instrutor Yon Penas, centrada nesta ocasión no programa Scratch e baseada na metodoloxía de Jóvenes Inventores. A través do manexo deste programa os nenos e nenas aprenderán non so os fundamentos básicos da programación informática, senón a desenvolver a súas capacidades creativas, relacionarse dun xeito construtivo coa tecnoloxía e o traballo por proxectos. Esta interesante iniciativa axudará ao noso alumnado a reflexionar sobre os valores relacionados coa convivencia, a resolución de conflitos a respecto, a diversidade, a cooperación, un dos obxectivos fundamentais de Ayuda en Acción.







09/10/15

CANDO PETAN NA PORTA POLA NOITE

Imaxinemos a vida na Galicia rural de fai décadas, cando todo era choiva, frío, escuridade e as xentes quedaban pola noite á carón do lume a contar historias de medo, escoitando de lonxe os aullidos dos lobos e o vagar da Santa Comapaña. Felipe Díaz, coñecido artísticamente como "Caxoto", evocounos eses tempos antergos, na sesión de contacontos “Cando petan na porta pola noite” ( un título moi evocador tomado do libro de relatos de Xavier P. Docampo editado por primeira vez en 1994), dirixida ao alumnado da ESO e realizada o pasado martes 6 de outubro de 2015. E…que mellor que contar os nosos medos e fobias para ir abrindo a sesión? Falamos da aracnofobia, agorafobia, bibliofobia, claustrofobia e outros tipos de fobias ou medos que nos poden chegar a paralizar. Fixemos un percorrido pola xeografía galega para encadrar as historias de Xavier P. Docampo, visitando desde a Terra Chá ate espazos moito más próximos á nosa contorna, como a Serra da Loba, Cambás e Aranga. Precisamente nesta zona transcorre o conto de “A loba”, unha historia de amor entre Silvestre e Isaura cun tráxico final. E quedamos sen saber o final do conto “O cumpremortes”, así que agora toca descubrilo a través das páxinas do libro. Caxoto arrincou gargalladas entre o público coa súa espontaneidade, a riqueza da súa fala e o seu estilo peculiar, mais algunhas risiñas nerviosas foron conta do medo…







     

29/09/15

OLA A TOD@S: COMEZAMOS O NOVO CURSO 2015-2016

Xa estamos aquí outra vez, volvemos ao cole e tamén á biblioteca. Afrontamos un novo curso, unha nova aventura. E como cada ano facémolo con moitísima ilusión e con moitas ganas.
Seguiremos realizando moitas das actividades de anos anteriores pero tamén queremos incorporar novos proxectos e actividades á nosa tarefa diaria, xa que o último que queremos é quedarnos estancados nun mundo que non se detén xamais.
Esperamos que este curso sigades estando connosco, apoiando o noso labor e colaborando como o fixestes ata agora.
Queremos que este blog sexa o reflexo do traballo que se realiza na biblioteca e no Centro, que poidades seguir informados dese traballo e que gocedes do mesmo.
Sabede que tanto o colexio como a biblioteca están sempre abertos á comunidade educativa e que a vosa colaboración, axuda e achegas son moi importantes para o seu bo funcionamento. Non debemos esquecer nunca que o que pretendemos é conseguir o mellor colexio e a mellor educación para os nosos alumnos e o mellor xeito de facer isto é, FACELO ENTRE TODOS.


08/06/15

Día do Libro 2015

Co gallo do día do libro e xa que o noso centro está participando no prpxecto Dragal, o pasado 23 de abril, día do libro entregamos os premios do concurso de debuxo "Inventa o teu Dragón". Os traballos presentados están expostos no corredor de acceso á biblioteca, e aquí tedes unha mostra dos mesmos: