06/06/25

EXPOSICIÓN PROXECTO SCHOOL TO SCHOOL, COA FUNDACIÓN VICENTE FERRER

Podedes visitar diante da biblioteca escolar unha interesante exposición cos traballos realizados polo alumnado de 5º EP e 1º ESO dentro do proxecto School to School, da Fundación Vicente Ferrer. Esta iniciativa, que levamos realizando desde fai máis dunha década na nosa escola, trátase dun intercambio cultural e de tradicións entre o noso centro e o Konampalli School (a India). Todos os materiais elaborados polo noso colexio, ademais de estar agora expostos a toda a comunidade educativa, foron subidos en formato dixital a unha plataforma do proxecto. A vindeira semana o alumnado participante realizará un visionado dos materiais dixitalizados enviados pola escola da India, e así poderemos aprender moitas cousas novas e comprobar que das diferenzas nace a riqueza, e que é moi importante valorar e manter vivo tanto o noso patrimonio material como inmaterial. 






05/06/25

Radio na Biblio: Cidadáns do mundo!!! Ningunha guerra é allea!!!

Esta experiencia radiofónica pretende que o alumnado entenda as causas e as consecuencias dos conflitos bélicos inciden en todas as sociedades. Concretamente o desenvolvemento do obxectivo 16 dentro dos ODS: “Promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas”. (https://www.un.org/sustainabledevelopment/es/peace-justice/)

Na primeira sesión compartimos diferentes temas de interese para decidir a que temática que iamos tratar no programa de radio. O alumnado do 6º curso da Ed. Primaria do CPI Virxe da Cela decidiu investigar sobre os conflitos bélicos. Dentro desta investigación propuxeron unha persoa coñecedora desta temática para entrevistala. Neste caso entrevistaron a  Omenuke Mfulu, xogador do Deportivo, quen desenvolve un proxecto deportivo no Congo para rapazada en situacións de risco polos conflitos bélicos desta área xeográfica.

Posteriormente a esta entrevista propuxeron unha acción e en colaboración co centro educativo conseguiron unha achega económica en apoio á escola de novos talentos do fútbol en Kinshasa.

(LUCES)

Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?

Esta pregunta foi o primeiro achegamento á experiencia radiofónica deste curso. O alumnado respondeu persoalmente mediante unha chuvia de ideas marcadas  con etiquetas nunha cartolina. Unha vez lidas todas cada quen defendeu a súa achega. Á elección deste tema axudou a publicación na prensa da necesidade de contar cun kit de supervivencia recomendado por parte das autoridades da UE e que impresionou fondamente aos rapaces e rapazas, os cales vivírono como unha especie de ameaza de guerra próxima que nos afectara directamente.

Decidida temática a tratar informámonos sobre cales son as principais causas de conflitos bélicos ao longo da historia, cales son as guerras actuais, incluso as que están tan enquistadas que non aparecen nos noticiarios, e as súas consecuencias na poboación civil. Para iso tomamos datos de internet en diferentes páxinas:

https://www.semfyc.es/actualidad/a-fecha-de-hoy-existen-56-guerras-activas

https://www.sabuco.com/historia/causasguerras.pdf

                                                          Imaxe de procesos de selección do tema de investigación.

(CÁMARA)

Hai xustificacións para os conflitos armados?

Día a día aparecen nos medios de comunicación a situación bélica entre Rusia e Ucrania, así como a desenvolvida en Gaza. O alumnado tentou achegarse aos motivos que as provocaron.

Entre a clase chegamos á conclusión de que os conflitos bélicos se producen por  diferentes causas: invasión do territorio na loita polos recursos da terra, por diferencias étnicas, por ideoloxías contrapostas...

En xeral houbo unanimidade en que as diferentes sociedades civís son as que sofren as consecuencias destes conflitos con pobreza, fame, desprazamentos non desexados... e non atoparon  xustificación para que a poboación civil i en especial a infancia vexa conculcado o seu dereito a vivir en paz.

Tamén xurdiu unha discusión sobre se os artistas deben ou non manifestarse en contra das guerras dando a entender algúns que iso era meterse en “política”. A conclusión final foi que ao marxe das distintas ideoloxías, manifestarse contra as guerras e a favor dos pobos que as sofren non só é desexable senón que tamén é ético.

(ACCIÓN)

Buscamos a Mfulu que nos achegue o seu proxecto

Sensibilizado o alumnado co tema, contactamos con Mfulu, xogador do Deportivo da Coruña para que nos falara da situación da guerra do Congo e de como inflúe na vida cotiá da cidadanía congoleña.

O alumnado de sexto visitouno na Cidade Deportiva de Abegondo para facerlle unha entrevista na que nos falou da situación dun conflito vixente aínda hoxe.

Fomos coñecedores de que, aínda que el non viviu nese país, senón que pasou a súa infancia en Francia, está sensibilizado coa situación do país das súas orixes e creou unha escola de fútbol en Kinshasa. Unha maneira de facer do deporte unha ferramenta de desenvolvemento persoal e de fomento de paz.

A partir desta entrevista 50 nenos e nenas acudiron o pasado 1 de xuño ao partido do Depor a gozar dun “enfrontamento”  pacífico entre dous clubes decidindo apoiar a escola de Mfulu cunha aportación económica equivalente ao que custou o desprazamento dende Monfero á Coruña nun xesto de abrazar aos “nenos e nenas da guerra”.

Imaxe autoeditada da entrevista a

Mfulu nas instalacións do Deportivo da Coruña.

O resultado deste traballo o tempos neste potcast: https://go.ivoox.com/sq/2668036

Grazas a Agareso e en especial a Rocio por acompañarnos e ensinarnos neste apaixonante aprendizaxe!!!

Imaxe de grupo ao final da entrevista. 

 


04/06/25

ALUMNADO DE 1º DA ESO ELABORA UNHA REVISTA ESCOLAR PARA A MOCIDADE

Atención rapazada!! Está a pundo de saír do forno un novo número da revista Teen Side (este sería xa o nº 3 da revista, xa que o curso pasado editouseo o nº 1 e 2) , elaborada polo alumnado de 1º da ESO con colaboracións doutros mozos e mozas do CPI Virxe da Cela. Aínda quedan os retoques finais, esperamos que antes de que finalice o curso podamos marchar con esta revista debaixo do brazo para gozar da súa lectura nas vacacións de verán. Esta revista está escrita en lingua galega e para a súa impresión contaremos co apoio do Equipo de Dinamización Lingüística e coa Biblioteca Castelao. 

A elaboración desta revista escolar foi a idea elixida polo alumnado de 1º de ESO que cursa a materia de Proxecto Competencial como fío conductor. Tendo en conta que esta materia soamente ten 1 hora de clase semanal e que moitas das sesións coincidiron con festivos, saídas e outros proxectos, foi grande o esforzo para sacala adiante, mais esperamos que estes días que quedan antes do remate da clase servan para dar os retoques finais e lanzala ao público, tanto en formato papel como en dixital. Os contidos foron elixidos polo propio alumnado participante, tendo en conta os seus gustos e motivacións. 

Asimesmo, a creación desta revista escolar pode ser un excelente vehículo para mellorar as habilidades e competencias do alumnado: a práctica da escritura por parte do alumnado que participa na redación, e mellora da comprensión lectora e da motivación cara a lectura por parte do público adolescente, interesado nos textos dos seus compañeiros/as. 




24/05/25

Caseta de bibliopatio

Imaxe autoeditada.
Este curso, sumando o traballo dentro do Polo Creativo e da Biblioteca Creativa, preparamos unha caseta literaria e científica da que está a punto de gozar o alumnado no patio. 

Toca observar, ler, debuxar, aprender e espertar a curiosidade da rapazada a partir da nosa privilexiada contorna natural.

Para que a xestión sexa eficiente  catro colaboradores de 4º de EP responsabilizaranse da súa xestión durante o lecer. 

Foi un traballo compartido entre diferentes niveis da etapa da Ed. Primaria cuxo comezo é o deseño do patio que o alumnado quere para o lecer (Consello Escolar da Infancia).

Entre as propostas está esta caseta. Observade con detemento e veredes cantas posibilidades de xogo, experimentación e aprendizaxe na natureza ofrece.



                                                  Imaxe autoeditada da caseta e de varios dos seus recursos.












Deseñamos chalecos identificativos para o alumnado voluntario da Biblioteca

Sumando Polo Creativo, Biblio Creativa e a área de proxecto competencial o alumnado do 5º curso da Ed. Primaria realizou todo o proceso de confección destes fermosos chalecos: fixeron os patróns, cortaron, coseron, deseñaron e pintaron...  

Foi unha labor de deseño e creación digna de persoas expertas na costura para elaborar os novos chalecos que lucirán o alumnado colaborador da biblio. 


Imaxes autoeditadas do proceso creativo.

Pero nesta tarefa tiveron unha gran axuda: unha das nosas nais que se achegou á clase no proceso de elaboración: moitísimas grazas Gloria!!!

Tamén, para cortar contamos coa presencia de alumnado da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo (USC). 

O traballo se é compartido é moito máis sinxelo!!! 








          Imaxes das creacións e do carrito elaborado para as mesmas.

Vídeo resumo do obradoiro en familia sobre ciencia e lectura.

 Aquí tedes o vídeo - resumo do que aconteceu o mércores 21 pola tarde no obradoiro de ciencia e lectura: as caras dino todo! Moitas grazas a Arenaria por prepararnos unha tarde tan entretida e, moitas grazas tamén ás familias que vos achegástedes cos vosos nenos e nenas. Que ben o pasamos!

Última sesión do club de lectura de EP: Mundo de Letras.

Nesta última sesión puxemos en común o que nos gustou e podiamos mellorar do club, outros títulos que teñamos en mente para ler o curso que ven e repartimos os chaveiros feitos na gravadora láser. Ata o ano letores/as!