A Biblioteca Castelao recomenda unha visita activa á exposición 8M. Durante a semana do 4 de marzo ao 8 de marzo podedes visitar unha exposición con bibliografía seleccionada sobre mulleres e igualdade, para conmemorar a celebración do 8M: O Día Internacional da Muller, unha data moi importante onde se reivindican os dereitos fundamentais das mulleres, tanto a súa igualdade na sociedade como a súa participación activa en todos os ámbitos.
04/03/24
01/03/24
SEMANA DA PRENSA
Xusto diante da porta de acceso á Biblioteca Castelao sitúase unha exposición para conmemorar a Semana da Prensa. Alí poderedes consultar unha gran variedade de xornais de prensa nacional e internacional, descubrir as propostas de prensa realizadas polo alumnado do centro simulando un medio de prensa escrita, así como un icónico mapa de Galicia formado con titulares da prensa. Animádevos!!. A través desta iniciativa a Biblioteca Castelao quere dar valor á importancia do xornalismo e facer ao público reflexionar sobre o valor dos xornais e da prensa como ferramenta para cambiar a sociedade.
OBRADOIRO DE RADIO NA BIBLIOTECA ESCOLAR
O venres 1 de marzo de 2024, Jennifer Chamadoira impartiu na Biblioteca Escolar e a Aula de Ferraganchos, obradoiros de radio ao alumnado de educación primaria do CPI Virxe da Cela. Esta formación realizámolas grazas ao apoio de a Fundación Ayuda en Acción, dentro do proxecto RTV Enxebre. Os obxectivos deste programa, iniciado en 2018, son fomentar a participación infantil, favorecer a inclusión e o desenvolvemento da infancia rural e a posta en valor da cultura galega.
19/02/24
EXPOSICIÓN ROSALÍA DE CASTRO
Na semana do 19 ao 23 de febreiro de 2024 a Biblioteca Castelao ofreceu a toda a comunidade educativa unha fermosa exposición sobre a autora galega Rosalía de Castro, para conmemorar a celebración do Día de Rosalía 2024 (venres 23 de febreiro 2023). Nun acolledor recuncho recreouse un ambiente de época escenificando o que podería ser a mesa da escritora que lle serviría de inspiración no seu proceso creativo. Ademais fíxose unha escolma da obra de Rosalía que estivo exposta para o uso e consulta. Varios grupos de escolares visitaron este espazo cos seus titores/as, e mesmo o propio día da celebración (23 de febreiro), varias alumnas da ESO que forman parte do Club de Lectura Larpacontos procederon á lectura de poemas de Rosalía.
15/02/24
EXPOSICIÓN 11 DE FEBREIRO: DÍA DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA
O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Desde a Biblioteca queremos contribuír á visibilización do labor de diferentes mulleres ao longo da historia no ámbito científico, polo que vos ofrecemos unha mostra dos seus traballos na escolma bibliográfica do acceso á Biblioteca. Non vola perdades!
09/02/24
PROGRAMA VOLUNTARIADO NA BIBLIO
Neste curso académico 2023-2024 o CPI Virxe da Cela participa no programa Voluntariado na Biblio. Grazas a esta iniciativa, rapaces e rapazas EP e ESO están a colaborar de maneira voluntaria e nos tempos de lecer coa Biblioteca Castelao e a Aula de Ferraganchos, en tarefas variadas que son de gran axuda. Baixo o asesoramento e supervisión de docentes aprenden a realizar empréstitos tarefas de (sistema Koha), participan na ordenación de libros nos andeis, contribúen na organización de exposicións monográficas, etc.
07/02/24
KITS SINGULARES POLOS CREATIVOS NA BIBLIOTECA
O CPI Virxe da Cela está a implementar os Polos Creativos neste curso académico 2023-2024. Os docentes implicados xa están a utilizar os KITS SINGULARES, un material innovador recibido a través deste programa da Xunta, que contén actividades pedagóxicas. O alumnado de educación primaria xa está a traballar con estes kits singulares específicos, centrados no pensamento de deseño, autómatas de papel e cosntrución de estruturas autoportantes. A biblioteca ofrece un espazo e unha atmosfera motivadora para a experimentación, con mobiliario cómodo e con unha iluminación agradable a base de luz natural.
RADIO NA BIBLIO
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades continúa no seu Plan LÍA de Bibliotecas Escolares co desenvolvemento de novos ámbitos de actuación para este período, contemplando o reforzo dos programas que inciden na Alfabetización mediática e informacional do alumnado como Radio na biblio con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.
Tras seis convocatorias do programa “Radio na biblio” este é o primeiro ano que o CPI Virxe da Cela se presenta a este programa, buscando ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado. A utilización da radio como ferramenta didáctica non é algo novo no noso centro, xa que desde fai anos dispoñemos do equipamento necesario e de formacións en radio tanto para o alumnado como para o profesorado. Mais este ano darémoslle un novo impulso a través da biblioteca, estimular o desenvolvemento do modelo de biblioteca cara “centros creativos de aprendizaxes”.
Durante o presente curso 2023-2024 son varios os docentes que están a levar ao seu grupo a aula de Ferraganchos, onde temos instalado o laboratorio de radio. Lucía García Blanco, mestra de 4º EP e coordinadora do programa "Radio na Biblio" no noso centro educativo, está a elaborar xunto co seu alumnado un podcast radiofónico centrado nos refráns e a tradición oral.








