15/03/19

SEMANA DA PRENSA NA ESCOLA

Do 11 ao 15 de marzo de 2019 os centros educativos galegos celebramos a Semana da Prensa na Escola, unha iniciativa instituída oficialmente dentro do calendario escolar en 1989 e impulsada pola Voz de Galicia.
No noso centro, un ano máis, realizamos unha exposición con xornais e revistas de distintos lugares de España e do mundo e de diversa temática: prensa xeral, prensa deportiva, prensa económica… Poderemos así complementar as nosas clases  convertindo a prensa nun elemento pedagóxico máis, fomentando a súa lectura e desenvolvendo así o sentido crítico dos nosos nenos/as e mozos e mozas.





12/03/19

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER






Alumnado de 2º ESO, na materia de "Igualdade", elaboran o cartel para o 8M



Marta Novo, encargada da Biblioteca Castelao, e Teresa Blanco, profesora da materia "Igualdade", posan diante do cartel e stand adicado ao Día Da Muller, 8 de Marzo.


DÍA DE ROSALÍA NO CPI VIRXE DA CELA




Un ano máis dedicamos á ben merecida poetisa galega Rosalía un recuncho da nosa escola para conmemorar a súa figura  non so como creadora, senón como muller loitadora que rompeu moitas barreiras. Un panel con diferentes poemas e cidas sobre a autora galega, así como unha selección da súa obra literaria están á vosa disposición nos corredores do edificio de secundaria. Celebremos xuntos o Día de Rosalía, 24 de febreiro 2019. 


22/02/19

ROSALÍA ETERNA. DÍA DE ROSALÍA

Este domingo, 24 de febreiro, lembramos a figura da nosa poeta máis universal, Rosalía de Castro, a escritora máis representativa da língua e da literatura galegas, pois asumíu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento.
Por iso, para expandir o poder da súa palabra queremos compartir este pequeno vídeo- feito polo alumnado do CPI As Mirandas de Ares- e amosar e reivindicar a esa Rosalía que, adiantada ao seu tempo, mobilizou as conciencias colectivas defendendo os dereitos das mulleres. O feito é que, sobre todo na súa pouco coñecida prosa, Rosalía foi unha abandeirada do feminismo. O prólogo de La hija del mar, un dos seus libros máis intimista, supón todo un alegato de empoderamento feminino e reivindicativo. "Porque todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben”, afirmaría no texto, publicado en 1859.
O certo é que a preocupación constante pola condición feminina impregnou a súa obra. Ela representa, en suma, o inicio da modernidade galega.

       

19/02/19

XA ESTÁ AQUI O ENTROIDO

Como pasa o tempo,parece que foi onte cando estabamos a comer turrón e xa vedes...o Entroido xa está aquí. Trocamos os doces de nadal polas filloas, as orellas, o lacón con grelos de Monfero...
Queredes saber máis sobre o Entroido en Galicia?, pois premede na seguinte imaxe e os vosos amigos os  Bolechas achegaranvos aos diversos entroidos e tradicións  de forma divertida e poñendo a proba os teus coñecementos.

https://osbolechas.gal/entroido/

Aquí tedes tamén unha estupenda Unidade Didáctica sobre o entroido.
Unidade didactica entroido de Yolanda Castro


Tamén podedes pasar pola biblioteca e  ver as nosas recomendacións de Entroido.


17/02/19

13 de febreiro, DÍA DA RADIO


O pasado venres 8 de febreiro os nenos de quinto de primaria do CPI Virxe da Cela foron de visita ao CEIP Barouta no concello de Ames.
Alí realizaron un programa de radio xunto con outros 10 nenos de dito centro, para conmemorar o Día da Radio, que se celebra en todo o mundo o 13 de febreiro.

Neste programa de radio entrevistaron a Gorka Zumeta, famoso xornalista e fotógrafo, e tamén  entrevistaron a Nazaret López, xornalista de Radio Ames.

Para o noso alumnado foi unha experiencia moi importante porque por primeira vez tiveron contacto cun estudo de radio real emitindo en directo por Radio Ames. Ademais  compartiron a experiencia radiofónica con outros nenos e nenas que tamén fan radio no seu cole..
Posteriormente, o mesmo día 13, Sergio Pascual, o noso profesor de radio, mantivo unha conversación con Carles Francino sobre o proxecto de radio CPI Virxe da Cela no programa “La Ventana” da Cadena SER. Neste programa emitiuse tamén a entrevista que os nosos pequenos reporteiros fixeron a Gorka Zumeta, responsable de “La Ventana” no pasado.


15/02/19

DÍA DE ROSALÍA 2019

      A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro. Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web. 
      Para a edición de 2019 Ana Romaní é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o propio domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións, centros de ensino.



13/02/19

ANXO FARIÑA NO CPI VIRXE DA CELA




Este luns 4 de febreiro tivemos o enorme priviliexo de ter connosco a Anxo Fariña. Ilustrador, escritor e deseñador de libros infantís e xuvenís. A súa obra máis coñecida é a colección de Os Megatoxos, pero tamén é autor das coleccións:
•  Antón e Pompón.
•  Don Quixote e Breogán.
•  As linguas dos animais.
•  O pelelliño …
•  A Monstroescola.
•  Gliz, o pastor de nubes.
Ademais doutras obras soltas, guías de viaxes e libros de texto.

Mirar as caras do noso alumnado xa nos di como acolleron a súa visita. Ollos abertos como pratos para non perderse nada, miradas que ían máis aló do que Anxo nos contaba, quizais soñando xa en vivir as aventuras dos Megatoxos, eses rapaces con poderes especiais..., quizá... vai ti saber...! e se o día de mañá son capaz eu de escribir un libro ou mesmo ilustrar os de outro autor?

Xa vimos como nacen os libros... nacen dunha idea que vai medrando día a día, que ás veces para de crecer e ten que durmir nun caixón durante un tempo ata que está madura.... pero o escritor ten que seguir traballando, vivindo e observando a realidade da que saca as súas historias. Todas esas observacións as garda nunha pequena libreta no seu bolsillo. E sabedes como as plasma Anxo Fariña? Maiormente sen palabras. Ser ilustrador permítelle ter un mundo de debuxos que co tempo se transformarán nun libro.

Foi unha tarde máxica na que Anxo nos deixou un fermoso agasallo... o retrato dun alumno que ficará por anos nun lugar privilexiado do cole: a nosa biblioteca. Pero o máis importante foron as risas e a imaxinación que despertou en nós... Moitas grazas, Anxo... xa te estamos esperando de novo... Non tardes tanto!!!

Por certo, se queredes coñecer algo máis do noso invitado por que non facedes unha pequena viaxe á súa páxina web?

http://www.anxofarina.com/blog/