07/11/11

Páxina web interesante sobre ESTATÍSTICA


Nesta páxina web desenvolvida polo Instituto Nacional de Estatística temos a nosa disposición coñecementos básicos, prácticos e entretidos sobre a Estatística e as estatísticas. Dende información básica sobre conceptos elementais utilizados de forma habitual na ESTATÍSTICA ata aplicacións e datos curiosos en varios ámbitos pasando por personaxes, fitos, evolución dos produtos estatísticos ao longo do tempo...

26/10/11

Xa está aquí o II Día da Ciencia en Galego. Este ano a química fala galego.

O día 4 de novembro de 2011 celebraremos o II Día da Ciencia en Galego adicado a exaltar o papel da Ciencia e da Tecnoloxía na creación e profusión da Cultura Galega. A actividade realízase en toda Galicia o mesmo día.
Este ano celébrase o Ano Internacional da Química. Conmemórase o premio Nobel de Química concedido a Marie Curie no 1911 polos seus descubrimentos dos novos elementos Radio e Polonio. Marie Curie é a primeira persoa que recibe dous premios nobeis (de Física e Química); posteriormente só houbo outra persoa. É a primeira muller que recibe un premio Nobel, é a primeira muller que dá clases na Universidade da Sorbona,... fai os seus descubrimentos estando fóra da Universidade, antes de que sexa nomeada profesora, e tendo dúas fillas (unha delas premio Nobel, tamén). Razóns de sobra para homenaxeala neste día Galego da Ciencia.
Así, o 4 de novembro homenaxéase a Marie Curie e á matemática galega Mª Wonenburger, facendo tamén unha homenaxe ás primeiras mulleres que dan clase, fan ciencia, e cambian para sempre a maneira de ver o papel da muller na ciencia.

Para saber mais sobre elas pica nas imaxes




06/06/11

Leonard Cohen, premio Príncipe de Asturias das Letras

Fai uns días Leonard Cohen foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias das Letras 2011.Os seus poemas e cancións exploran con profundidade e beleza as grandes cuestións do ser humano.Leonard Cohen primeiro publicou poesía e logo meteuse na música, combinou ao longo da súa vida os dous campos e mantivo un altísimo nivel literario nas súas cancións, ao mesmo tempo que escribiu poemas e novelas.
Se pinchas sobre a seguinte imaxe deste cantante,poeta e novelista accederás á noticia do xornal El País.

25/05/11

ZOOLOXÍAS DOMÉSTICAS








Tomando como base o libro "Imaxina animais", da Editorial Kalandraka, este obradoiro impartido por Alberto Barreiro na biblioteca escolar o pasado martes 24 de maio de 2011, de 15:oo a 16:15 horas deu como resultado a invención de seres curiosos e orixinais, mistura de animais e obxectos. Partindo de imaxes de abrelatas, lámpadas, coitelos, tesouras, trompetas, etc... os rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria deiraxon voar a súa imaxinación neste obradoiro de ilustración e escritura creativa, poboando o espazo con "gaivofóns", "pimbos", "cuchipés" e outras moitas criaturas imposibles.

Se queredes saber máis sobre estas técnicas de escritura creativa, visitade o blogue "PALABRAS NO AR", no seguinte enlace:



PALABRAS NO AR é unha campaña de dinamización lingüística deseñada por KALANDRAKA EDITORA para a Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco do seu programa BOCABERTA,

24/05/11

OBRADOIROS SOBRE A COMIDA INDIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR







O luns 23 de maio a biblioteca escolar ambientouse cos aromas exóticos do oriente, para transportar ao alumnado de 5º e 6º de primaria ás lonxanas xeografías da India. Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria, guiados polo alumnado de 3º da ESO, analizaron e clasificaron os diferentes tipos de especias empregados na gastronomía india. Este obradoiro realizouse tras unha charla na que varios mozos e mozas de 3º da ESO explicaron as características básicas da gastronomía na India, así como os seus hábitos alimenticios. Esta actividade está englobada dentro do proxecto School to School, da Fundación Vicente Ferrer, no que o noso centro está a participar dende o pasado curso académico 2009-2010, que consiste nun intercambio cultural e de tradicións entre a nosa escola e unha escola da India, a Pinnadari School, situada no distrito de Atmakur (Anantapur, India).

20/05/11

Bandas deseñadas de 1º ESO

O profesor de Língua Galega propúxolles aos seus alumnos de 1º E.S.O. que fixeran unhas tiras de banda deseñada con temática libre.Estes son os resultados:

18/05/11

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2011

Alumnado de 3º da ESO amosando o seu libro




Presentación do día das Letras Galegas na Biblioteca



Alumnado de 1º da ESO exhibindo o marcapáxinas




Co galo da celebración do Día das Letras Galegas 2011, o vindeiro Venres 13 de maio de 2011 realizarase unha actividade para o fomento da lectura en lingua galega. Todo o alumnado do centro será agasallado cun libro de contos en galego e un marcapáxinas conmemorativo. O acto terá lugar na Biblioteca Castelao, onde se realizará a entrega. Os grupos, acompañados polos seus titores/as visitarán a Biblioteca no seguinte horario:

•De 12:35 a 12:45: alumnado de 2º Ciclo de Educación Primaria.
•De 12:45 a 12: 55: alumnado de 3º Ciclo de Educación Primaria.
•De 13:00 a 13:05: alumnado de 1º ESO
•De 13:05 a 13:10: alumnado de 2º ESO
•De 13: 10 a 13:15: alumnado de 3º ESO
•De 13:15 a 13:20: alumnado de 4º ESO

O alumnado de Educación Infantil e 1º Ciclo de Educación Primaria recollerán os seus agasallos o mércores 18 de maio en horario de 12:35 a 13:00 (motivo: saída extraescolar o venres 13 de maio)

O alumnado de PCPI recibirá o agasallo a través do seu titor.

Agradecemos ao Concello de Monfero a doazón dos libros.

Esta actividade de fomento da lectura en lingua galega está promovida pola Biblioteca Escolar, o EDLG e o Departamento de AAEE.


12/05/11

O pequeno señor Paul


"Cando o pequeno señor Paul era un señor Paul aínda máis pequeno, vivía nun mundo cheo de libros. A casa dos seus pais estaba de arriba abaixo chea de libros. Había libros no salón, libros no soto, mesmo no faiado había libros en andeis.Poderíase pensar que a familia Paul vivía realmente nunha Biblioteca. Mesmo algúns dos mobles eran libros.Había tallos feitos de libros, unha butaca de libros, e co atlas enorme do avó fixeran unha mesa.Dependendo da páxina por que estivese aberto, a familia podía almorzar en América, cear en África ou tomar o café na Lúa..."

Así comeza este fermoso libro de breves relatos onde a lectura é o centro da vida dun entrañable personaxe, o señor Paul, protagonista de todas as historias.Estes relatos, orixinais e sorprendentes, presentan unha mirada inxenua e aguda da realidade: libros con finais diferentes segundo quen o lea, que contan a vida daquel que os le, que crecen nas árbores, personaxes imposibles (como o vendedor de habilidades, ou o muñeco do semáforo, que cobra vida), e sucesos surrealistas. No mundo do señor Paul, todo o que teña espazo entre as tapas duras dun libro e o que faga vibrar a alma dun lector é posible. E todo iso, son moitas, moitas cousas…

O autor do libro, Martín Baltscheit, móstranos cómo sin a lectura a vida é moito máis pequena.