13/03/18

RETO LECTOR DA EDITORIAL GALAXIA



A Editorial Galaxia lanza estes días a segunda edición do seu Reto Lector destinado a fomentar a lectura entre os máis novos. Despois do éxito da primeira convocatoria en marzo de 2017, na que con apenas dous meses de prazo para participar se recibiron 35 vídeos enviados por rapazas e rapaces de toda Galicia, Galaxia persiste no seu empeño en conseguir que a mocidade se achegue ao sistema literario integrándose nel como críticos, lectores... 

Nesta segunda edición, poderán presentarse ao premio as rapazas e os rapaces de entre 12 e 16 anos. Para participar, só terán que enviar ao enderezo electrónico galaxia@editorialgalaxia.gal dous vídeos nos que se dea conta da lectura de dous libros da Editorial Galaxia de calquera das súas coleccións de narrativa para todas as idades: Árbore, Costa Oeste e Literaria. Os vídeos non poderán exceder os dous minutos de duración. Durante eses dous minutos, os participantes deben comentar o contido da obra, os aspectos que máis lles gustaron e as razóns polas que recomendarían a súa lectura. O xurado estará composto polo alumnado da ESO dun centro galego designado pola editorial, e será quen valore todas as propostas fixándose principalmente no poder de persuasión dos participantes, na súa claridade expositiva e na creatividade da gravación. 

A rapaza ou rapaz gañador recibirá un Ipad de última xeración. Ademais, haberá cinco lotes de libros coas últimas novidades da Editorial para os cinco seguintes clasificados. O prazo de entrega dos vídeos estará aberto ata o día 27 de abril, e o fallo do xurado farase público no mes de maio. 

A través desta iniciativa, a Editorial Galaxia pretende fomentar a lectura en galego nun sector clave da nosa sociedade: os adolescentes. Para facelo, proponlles aos participantes que tiren rendemento das ferramentas dixitais e do seu potencial como medios de transmisión e difusión lingüística e cultural, ao tempo que os anima a desenvolver o seu sentido crítico, mellorar a súa competencia oral e aprender a ver na literatura unha canle comunicativa.

12/03/18

REINVENTEMOS XUNT@S UNHA ESCOLA PARA TOD@S. 34 CONCURSO ESCOLAR ONCE


Baixo o lema “Reinventemos xunt@s unha escola para tod@s” os alumnos e alumnas do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero e o CPI As Mirandas de Ares , uniron esforzos para elaborar e realizar  unha serie de vídeos para o Concurso Escolar Once.  Con esta proposta a Fundación ONCE pretende sensibilizar aos alumnos/as, pais e nais, profesores e profesoras e a todo o resto da sociedade sobre a importancia de crear unha escola na que todo o mundo teña un oco e un lugar, dunha forma dinámica e en equipo, unindo as nosas forzas e ideas para construila xuntos.

Aquí podedes ver os videos realizados e presentados ao concurso escolar. Parabéns aos rapaces e rapazas dos dous centros polos guións que realizaron.


                                              1º ESO. CPI Plurilingüe Virxe da Cela

                 

3º ESO CPI Plurilingüe Virxe da Cela
               



1º ESO. CPI AS MIRANDAS
                

ESO. 2º A. CPI AS MIRANDAS
                 

3º ESO. CPI AS MIRANDAS