24/01/12

30 DE XANEIRO: DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

Achegámonos a unha nova edición do Día Escolar da Non violencia e a Paz (DENYP), na súa denominación completa e tal como a acuñou Llorenç Vidal, alá por mediados os anos '60, en coincidencia co aniversario da morte violenta de Mahatma Gandhi, un 30 de Xaneiro de 1948.

Ademais de celebrar o Día Escolar pola Paz, cada 30 de Xaneiro, cousa que debemos facer, sería mellor (e desde logo máis efectivo) celebrar a paz de todos os días e preguntarmonos e interpelar ao alumnado sobre onde está a paz,      e en que lugar debemos buscala. Porque non está, como adoitamos crer, fóra de nós, nos grandes líderes mundiais, nin tampouco nas pombas que soltamos, ou nos paneis que debuxamos, nas mans de cores que estampamos en muros e corredores... como ás veces cre o noso alumnado, senón que debemos aprender a escoitar a voz da nosa propia conciencia (Jonan Fernández), dentro do noso corazón, desde aí é desde onde construímos a paz, cada día, connosco mesmo e cos demais. Tal e como o dicía maxistralmente o propio Mahatma Gandhi: "Os únicos demos que existen no mundo aniñan dentro do noso propio corazón".
 O Seminario Galego de Educación para a Paz, suxire, nesta ocasión, reflexionar, debater, traballar sobre "A aprendizaxe da democracia na escola", sobre un texto magnífico de José Tuvilla, con distintos recursos e materiais que podedes baixar da web: www.sgep.org.
  
Aquí vos deixamos tamén unha escolma de Contos para a Paz. Premede na imaxe para velos en grande.