27/10/20

XA ESTÁ AQUÍ O SAMAÍN

 Un ano máis, chega a primeira festa do curso, unha festa que nos atrapa a todos polo misterio e a fantasía que a acompañan: O Samaín🎃👿👻

Máis este curso a celebración vai ser un pouco diferente xa que o maldito COVID-19 💀está a conseguir que non poidamos  reunirnos para facer as actividades que tanto nos gustaban, como a decoración de portas de medo, o concurso de cabazas…Aínda así, non deixamos de argallar cousas para celebrar esta data.

Desde a biblioteca Castelao propuxémosvos a creación de ilustracións con palabras que dan medo para facer unha exposición na biblioteca.  E aquí tedes as imaxes na porta de entrada, como antesala ao ceo de pantasmas devoradores de libros que pululan pola biblio.👻👻👻



Ahhhh!, e lembrade que tedes na biblio un montón de lecturas e libros de medo....medo???, quen dixo medo???. Atrévete a descubrilos!!


26/10/20

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS, DE TODAS AS BIBLIOTECAS.


A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2020. "A edición deste ano, baixo o lema 'Bibliotecas, sempre ao teu carón' céntrase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia." Trátase de poñer en valor a capacidade de seguir ofertando servizos en circunstancias tan complexas como as que estamos a vivir. As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que están sempre ao noso carón. 

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 

Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR , quere poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construciónn da  persoa lectora  a través de distintas actividades de distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa, que a ten sempre ao seu carón.