14/10/22

SAMAÍN 2022

Estade preparados e preparadas porque falta pouco para que chegue o Samaín 2022 ao noso Centro !

Sacade a relucir o voso lado máis arrepiante e vosa creatividade máis noxenta para prepararvos para o Concurso de decoración de Portas e para o Concurso-Exposición de Cabazas que terán lugar as vindeiras semanas!


Poderedes consultar as bases do Concurso de Portas nas vosas aulas.

Celebraremos tamén unha exposición de cabazas coma en anos anteriores. Para participar, o alumnado pode achegar a súa cabaza o luns 24 ou o martes 25 de outubro. Coa finalidade de que se conserven o maior tempo posible, é importante non baleiralas nin tallalas. Aquelas cabazas que, polo tamaño ou outras características, non se poidan traer no autobús polos propios alumnos, poderán deixalas as familias no soportal da entrada da ESO, os mesmos días 24 e 25 de outubro. A exposición estará na entrada da ESO e tamén se poderá ver no blog da biblioteca e páxina web do Centro.
 
Os que queiran recuperar a súa cabaza poderán recollela o venres 28. Cando a recolla o propio alumnado farao segundo as instrucións do seu titor ou titora. No caso de recollela os pais, farano o mesmo venres unicamente a partires das 16:35, colléndoa directamente da exposición na entrada da biblioteca. As que non se recollan tiraranse ao lixo.
 

A MALETA NATURALISTA CHEGA O 2 DE NOVEMBRO

 O CPIP Virxe da Cela contará cun novo recurso bibliográfico durante o mes de novembro. Por iniciativa do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), a Maleta Naturalista chegará aos nosos andeis o vindeiro 2 de novembro. Será por un mes, ao longo do cal poderemos consultar, tanto alumnado como profesporado, as máis de vinte referencias que compoñen a maleta.

A maleta Naturalista inclúe guías de flora, fauna e fungos, cadernos de campo, e outros recursos didácticos que sirven de apoio ao traballo docente nas aulas. Son unha boa ferramenta para achegarse á natureza e poden empregarse como fontes de información de referencia á hora de realizar saídas de campo ou excursións co alumnado, tanto de Primaria como de Secundaria


 Dentro dos volumes incluidos poderemos atopar: Guía micolóxica dos ecosistemas galegos (Baía Verde), Guía dos mamíferos de Galicia (Baía Verde), Guía das plantas de Galicia (Xerais), Mi primera guía de árboles (Editorial La Galera) e un longo etcétera.

No ano 2023 poderemos contar con algunha das outras maletas: a maleta do cambio climático, a mariñeira, a literaria...

Recordade: a partir do día 2 de novembro na Biblioteca Castelao !

13/10/22

ESCRIBIR A BIBLIOTECA ESCOLAR

 A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2022/2023. O lema elixido, ESCRIBIR A BIBLIOTECA ESCOLAR, quere poñer o foco en todas as formas de escrita que cuida e ofrece a biblioteca escolar . A escrita como medio de comunicación, expresión, creación, información e coñecemento.

 A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2022-2023 é obra da calígrafa, deseñadora gráfica e mestra de talleres de caligrafía e lettering Belén L. Méndez coñecida como nacu, que leva xa un tempo colaborando coas bibliotecas escolares en  obradoiros.
 
 
A biblioteca escolar ofrece oportunidades e recursos para escribir e escribirnos:
 
- Escribir para saber, para aprender.
- Escribir para comunicar e comunicarnos.
Escribir relatos, historias.
- Escribirnos, coñecernos a través da escrita: diarios, axendas,  biografía...
- Escribir xuntos en relatos colectivos, encadeados, libros viaxeiros, wikis…
- Escrita creativa: microrrelatos, haikus, collages, caligrafía…
- Escribir para deixar pegada e preservar a memoria individual e colectiva.
- Escribir para incluír e visibilizar.
- Traducir.
Reescribir, versionar e adaptar.
- Escribir no audiovisual: guións, escaletas.
- Escribir para  estimular a creación.
 
Escribir para ser (lido), para que o lector e a lectora dea vida ao libro, ao escrito.






09/10/22

HORA DE LER 2022 - 2023

Volve a hora de ler ! A partires do vindeiro 17 de outubro volve a hora de ler.

Como funciona?

O funcionamiento é sinxelo e ben o coñecedes: consiste na adicación dun tempo diario para a lectura libre dentro do horario lectivo. 

Para a ESO, as normas acordadas para este tempo son 20 minutos diarios alternando cada semana a sesión de lectura (1ª semana: 1ª sesión, 2ª semana: 2ª sesión...), agás as 5ª sesións nas que non se fará hora de ler, é dicir na 5ª semana: 6ª sesión.

Teredes un calendario coma este coa orde das sesións en cada aula e outro na sala de profes.

 

 


En Primaria, como se ven facendo outros anos, a hora de ler será a 3ª hora, pois dispoñemos de 60 minutos.

Que lemos?

Lemos o que nos apetece: ensaios, novelas, poemas, teatro, banda deseñada, manga, revistas, xornais, etc.

Lemos en calquera idioma: galego, castelán, inglés ou francés.

Temos sempre a man o material de lectura e levámolo a clase na sesión na que corresponde ler. Podemos traer o material de lectura da casa, pedilo prestado na biblioteca do colexio con antelación ou collelo das BIBLIOCAIXAS de aula. As Bibliocaixas terán material de lectura para compartir toda a clase. Haberá achegas do alumnado e material que collerán da biblioteca a través das titorías e das áreas lingüísticas.

Mantemos orde e silencio para crear un momento de desfrute para a lectura persoal e pracenteira.

 


 

Desfrutade!