25/11/22

25N NA BIBLIOTECA ESCOLAR

Toda a comunidade educativa ten á súa disposición unha exposición de bibliografía específica relacionada co 25 de Novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. 









21/11/22

CICLO DE ÓPERA NA BIBLIOTECA

Coincidindo coa celebración da patroa da música, Santa Cecilia (22 novembro), a Biblioteca Castelao inaugura un ciclo de ópera. Esta actividade ten o obxectivo de iniciar ao alumnado na escoita deste xénero musical. Durante catro semanas o alumnado que visite a biblioteca escolar no tempo de lecer terá a oportunidade de escoitar fragmentos de famosas óperas. Utilizaranse para a súa reprodución os Cds que conteñen os libros da colección de ópera da editorial Hipotesi (publicada por Kalandraka en galego). Esperamos que moitos e moitas vos animedes a levar estes interesantes libros con ilustracións para casa para afondar máis en óperas tan afamadas como A Frauta Máxica de Mozart ou O Berbeiro de Sevilla de Rossini!!







09/11/22

A MALETA NATURALISTA NA BIBLIOTECA!

 Onte á tarde chegou á nosa Biblio a maleta NATURALISTA do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia). Como xa comentabamos noutra ocasión, esta maleta estará á vosa disposición na Biblioteca até o próximo 7 de decembro e durante todo este mes poderemos consultar, tanto alumnado como profesorado, as máis de vinte referencias que compoñen a maleta.

A maleta Naturalista inclúe guías de flora, fauna e fungos, cadernos de campo, e outros recursos didácticos que sirven de apoio ao traballo docente nas aulas. Son unha boa ferramenta para achegarse á natureza e poden empregarse como fontes de información de referencia á hora de realizar saídas de campo ou excursións co alumnado, tanto de Primaria como de Secundaria

Vinde decrubri-la !




08/11/22

PRIMARIA NA BIBLIOTECA !

Boas e chuviosas tardes! Nestas últimas semanas tivemos uns visitantes moi especiais ! O alumnado de primaria veu á Biblioteca Castelao para desfrutar e aprender, de xeito guiado, os servizos de empréstito e devolución dos libros, cd's e demais recursos que temos na nosa querida Biblioteca. 

A que xa sabedes como atopar o libro que buscades sen preguntar á profe? Ademais, estas sesións estiveron acompañadas de lecturas compartidas polos grupos que tamén a visitaron xunto co profesorado. Non hai máis que ver as fotos para intuir que o pasastes de medo ! 

Seguro que agora estaredes aínda máis animad@s a seguir buscando nos libros esas historias que vos farán imaxinar, sentir, aprender, rir, en definitiva, vivir! 

Até a próxima !

EXPOSICIÓN SOBRE EXIPTO NA BIBLIOTECA CASTELAO

Aproveitando a conmemoración do primeiro centenario do descubrimento da tumba de Tutankahmón, a Biblioteca Castealo únese a esta celebración internacional cunha exposición sobre Exipto. O 4 de novembro de 1922 Howard Carter desubriu o primeiro escalón de acceso á tumba do xoven faraón Tutankhamón no Valle dos Reis. Días despois poido admirar o inmenso e rico axuar funerario que lle acomapañaba. Este descubrimento tivo unha enorme trascendencia ao longo destes cen anos para o coñecemento da Exiptoloxía.









14/10/22

SAMAÍN 2022

Estade preparados e preparadas porque falta pouco para que chegue o Samaín 2022 ao noso Centro !

Sacade a relucir o voso lado máis arrepiante e vosa creatividade máis noxenta para prepararvos para o Concurso de decoración de Portas e para o Concurso-Exposición de Cabazas que terán lugar as vindeiras semanas!


Poderedes consultar as bases do Concurso de Portas nas vosas aulas.

Celebraremos tamén unha exposición de cabazas coma en anos anteriores. Para participar, o alumnado pode achegar a súa cabaza o luns 24 ou o martes 25 de outubro. Coa finalidade de que se conserven o maior tempo posible, é importante non baleiralas nin tallalas. Aquelas cabazas que, polo tamaño ou outras características, non se poidan traer no autobús polos propios alumnos, poderán deixalas as familias no soportal da entrada da ESO, os mesmos días 24 e 25 de outubro. A exposición estará na entrada da ESO e tamén se poderá ver no blog da biblioteca e páxina web do Centro.
 
Os que queiran recuperar a súa cabaza poderán recollela o venres 28. Cando a recolla o propio alumnado farao segundo as instrucións do seu titor ou titora. No caso de recollela os pais, farano o mesmo venres unicamente a partires das 16:35, colléndoa directamente da exposición na entrada da biblioteca. As que non se recollan tiraranse ao lixo.
 

A MALETA NATURALISTA CHEGA O 2 DE NOVEMBRO

 O CPIP Virxe da Cela contará cun novo recurso bibliográfico durante o mes de novembro. Por iniciativa do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), a Maleta Naturalista chegará aos nosos andeis o vindeiro 2 de novembro. Será por un mes, ao longo do cal poderemos consultar, tanto alumnado como profesporado, as máis de vinte referencias que compoñen a maleta.

A maleta Naturalista inclúe guías de flora, fauna e fungos, cadernos de campo, e outros recursos didácticos que sirven de apoio ao traballo docente nas aulas. Son unha boa ferramenta para achegarse á natureza e poden empregarse como fontes de información de referencia á hora de realizar saídas de campo ou excursións co alumnado, tanto de Primaria como de Secundaria


 Dentro dos volumes incluidos poderemos atopar: Guía micolóxica dos ecosistemas galegos (Baía Verde), Guía dos mamíferos de Galicia (Baía Verde), Guía das plantas de Galicia (Xerais), Mi primera guía de árboles (Editorial La Galera) e un longo etcétera.

No ano 2023 poderemos contar con algunha das outras maletas: a maleta do cambio climático, a mariñeira, a literaria...

Recordade: a partir do día 2 de novembro na Biblioteca Castelao !

13/10/22

ESCRIBIR A BIBLIOTECA ESCOLAR

 A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2022/2023. O lema elixido, ESCRIBIR A BIBLIOTECA ESCOLAR, quere poñer o foco en todas as formas de escrita que cuida e ofrece a biblioteca escolar . A escrita como medio de comunicación, expresión, creación, información e coñecemento.

 A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2022-2023 é obra da calígrafa, deseñadora gráfica e mestra de talleres de caligrafía e lettering Belén L. Méndez coñecida como nacu, que leva xa un tempo colaborando coas bibliotecas escolares en  obradoiros.
 
 
A biblioteca escolar ofrece oportunidades e recursos para escribir e escribirnos:
 
- Escribir para saber, para aprender.
- Escribir para comunicar e comunicarnos.
Escribir relatos, historias.
- Escribirnos, coñecernos a través da escrita: diarios, axendas,  biografía...
- Escribir xuntos en relatos colectivos, encadeados, libros viaxeiros, wikis…
- Escrita creativa: microrrelatos, haikus, collages, caligrafía…
- Escribir para deixar pegada e preservar a memoria individual e colectiva.
- Escribir para incluír e visibilizar.
- Traducir.
Reescribir, versionar e adaptar.
- Escribir no audiovisual: guións, escaletas.
- Escribir para  estimular a creación.
 
Escribir para ser (lido), para que o lector e a lectora dea vida ao libro, ao escrito.






09/10/22

HORA DE LER 2022 - 2023

Volve a hora de ler ! A partires do vindeiro 17 de outubro volve a hora de ler.

Como funciona?

O funcionamiento é sinxelo e ben o coñecedes: consiste na adicación dun tempo diario para a lectura libre dentro do horario lectivo. 

Para a ESO, as normas acordadas para este tempo son 20 minutos diarios alternando cada semana a sesión de lectura (1ª semana: 1ª sesión, 2ª semana: 2ª sesión...), agás as 5ª sesións nas que non se fará hora de ler, é dicir na 5ª semana: 6ª sesión.

Teredes un calendario coma este coa orde das sesións en cada aula e outro na sala de profes.

 

 


En Primaria, como se ven facendo outros anos, a hora de ler será a 3ª hora, pois dispoñemos de 60 minutos.

Que lemos?

Lemos o que nos apetece: ensaios, novelas, poemas, teatro, banda deseñada, manga, revistas, xornais, etc.

Lemos en calquera idioma: galego, castelán, inglés ou francés.

Temos sempre a man o material de lectura e levámolo a clase na sesión na que corresponde ler. Podemos traer o material de lectura da casa, pedilo prestado na biblioteca do colexio con antelación ou collelo das BIBLIOCAIXAS de aula. As Bibliocaixas terán material de lectura para compartir toda a clase. Haberá achegas do alumnado e material que collerán da biblioteca a través das titorías e das áreas lingüísticas.

Mantemos orde e silencio para crear un momento de desfrute para a lectura persoal e pracenteira.

 


 

Desfrutade!


03/06/22

ROMPE OS ESTEREOTIPOS E PREXUIZOS DA LINGUA

Na semana de celebración das Letras Galegos a compañía Duende Sico ofreceu o venres 20 de maio de 2022 un espectáculo en prol da lingua galega para alumnado da ESO, co título "Rompe os estereotipos e prexuizos da lingua". A paiasa Tati conseguiu arrincar gargalladas entre o público, así como facer aos asistentes participes dunha obra coral coa que se pretendía facer reflexionar sobre a importancia da nosa propia lingua, o galego. 









09/05/22

EXPOSICIÓN LETRAS GALEGAS 2022

Na biblioteca escolar tedes á vosa disposición libros e paneis expositivos relativos á vida e obra de Florencio Pérez Guarriarán, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2022.









27/04/22

CONTACONTOS CON ANA MEILÁN

 Estamos na semana do libro e non se nos ocorre mellor forma de conmemorala que cunha visita moi especial a da escritora lucense Ana Meilán que nos ten conquistado o corazón, xa que nos encantan todos os seus contos e hoxe puidemos coñecela en persoa.

Para agradecerlle a súa visita, o alumando de infantil elaborou con moito cariño este fermoso mural das súas obras.












PROPOSTA LETRAS GALEGAS 2022 CPI VIRXE DA CELA

 

Propostas Letras Galegas 2022 by veracruces on Scribd

22/04/22

DÍA MUNDIAL DO LIBRO. 23 ABRIL 2022

 

O 23 de abril conmemórase o Día Mundial do Libro. En 1995 a UNESCO elixiu esa data simbólica por coincidir co falecemento de William Shakespeare, Miguel de Cervantes e Garcilaso de la Vega. 

Nesta xornada sucédense diversas celebracións e eventos por todo o mundo para dar a coñecer o poder cautivador dos libros e a lectura, que nos serven tanto para coñecer o noso presente como para crear pontes de unión cos nosos antepasados e, en múltiples ocasións, imaxinar infinitos mundos futuros. 

Con esta celebración réndese homenaxe aos libros e aos autores, á vez que se promove a universalidade no acceso á lectura. O libro é unha das creacións humanas que mellor contribúe a compartir e distribuír as ideas, á vez que constitúe un instrumento eficaz a favor da construción dunha paz duradeira e en contra da pobreza e a desigualdade.


20/04/22

LETRAS GALEGAS. PROPOSTAS DE TRABALLO

 Como sabedes este ano o día das letras galegas está dedicado a Florencio Delgado Gurriarán. Adxuntamos unha guía de propostas de actividades para os distintos niveis elaborada pola editorial Ir Indo: "As letras de Florencio".

Temos esta guía en papel e a deixaremos á vosa disposición na sala de profesores.

16/03/22

SEMANA DA PRENSA

 Do 7 ao 11 de3 marzo de 2022 celebramos a Semana da Prensa. O alumnado de educación primaria elaborou un completo e minucioso panel expositivo que ilustra a prensa escrita (reparto por curso das diferentes seccións dun xornal). Estará situado na Biblioteca Castelao. 















09/03/22

EXPOSICIÓN 8M (DÍA INTERNACIONAL DA MULLER) NA BIBLIOTECA CASTELAO

 O 8 de Marzo conmemórase o Día Internacional da Muller, e a Biblioteca Castelao programou unha exposición de fondos bibliográficos relacionados con esta temática. 




16/02/22

DÍA DE ROSALÍA 2022


 O noso centro prepárase ao longo desta e a seguinte semana para render homenaxe á figura de Rosalía de Castro, poeta central e universal dentro da identidade galega.

Ata o de agora, a efeméride celebrábase o 24 de febreiro, día no que constaba o bautismo da autora de Follas Novas, mais a aparición de nova documentación permitíu certificar a data real de nacemento de Rosalía xusto no día anterior.

A SXPL ( Secretaría Xeral de Política Lingüística) achéganos unha unidade didáctica sobre Rosalía de Castro para traballar co alumnado de educación secundaria. Ademais, podedes atopar outros recursos relacionados con esta celebración no Portal da lingua galega:

https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/equipos-de-dinamizacion-da-lingua-galega/datas-sinaladas/listado?tipo_recurso=Xestion/recurso/Dia_de_Rosalia/


A continuación deixamos varios documentos con recursos audiovisuais que poden servirvos para traballar a figura de Rosalía nas vosas aulas.

Nena Rosalia Videos Rosalia PROxeccion Ruas Centros de Ensino Diversos Publicos by Yolanda Castro López on Scribd

Videos Rosalia PROxeccion R... by Yolanda Castro López