23/11/19

CARREIRA SOLIDARIA NO CPI VIRXE DA CELA


Como en anos anteriores, o venres 22 de Novembro do 2019 (Venres) celebramos  no noso centro a Carreira Quilómetros de Solidariedade  para colaborar coa ONG “Save the Children”, que este ano vai dedicada ás nenas/os do pobo Rohingya.
Pero este ano, a carreira tivo un triple motivo de conmemoración. Tendo en conta que o 20 de Novembro foi o día dos Dereitos dos Nen@s e o 25 de Novembro é o Día Internacional contra da Violencia de Xénero, conmemoramos no mesmo acto estas dúas datas e os valores que representan.
Así que a carreira (a diferencia doutros anos) foi unha carreira de relevos por clases, encabezada primeiro por unha rapaza de cada un dos cursos que, sentada nunha cadeira de cor vermella (símbolo dos millóns de nenos e nenas que non teñen dereito á educación), recolle o relevo simbolizado por un facho de cor morado (símbolo do Día contra a Violencia de Xénero), dando saída a todos os nenos e nenas do seu curso.
Cada clase vestiu unha camiseta facilitada polo Concello, coa lenda Monfero en Negro e o dorsal de “Save the Children”.
Ao remate da carreira Clara e Lucía, alumnas de 4º ESO, leron un manifesto a favor dos Dereitos dos Nen@s e en contra da Violencia de Xénero.
Como final do acto as profesoras de E.F deron aos nenos, nenas e rapaces/as un agasallo e un  diploma pola súa participación.
Dende o noso cole queremos dar as grazas a toda a comunidade educativa pola súa colaboración e solidariedade.

Porque un mundo mellor é posible....

CONSTRUÁMOLO ENTRE TODOS!





























DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NEN@S. "MAHÁN E A CADEIRA VERMELLA". UN CONTO POLO DEREITO Á EDUCACIÓN UNIVERSAL.

"A cadeira vermella" é a campaña que a ONG Entreculturas lanza para concienciar á poboación do Dereito á Educación de máis de 61 millóns de nen@s en todo o mundo que están sen escolarizar.
 Un grupiño de alumnos/as de 2º, 3º e 4º da ESO axudaron a presentar esta campaña reivindicando a escolarización universal para todos os nenos e nenas do mundo. Así, realizaron diversas sesións de contacontos para o alumnado de infantil e primaria. Nas sesións os rapaces da ESO narraron o conto “Mahán e a cadeira vermella”, un conto creado polo alumnado do CPI Virxe da Cela de Monfero, e que fala sobre o Dereito á Educación Universal. Logo como parte da dinámica, realizaron o xogo de “ A cadeira vermella” así como un pasapalabra sobre o conto. Ao remate da sesión todos os nenos e nenas foron agasallados cunha cadeiriña vermella que levaron para súa clase como símbolo do Dereito á Educación de todos os Nenos e Nenas do mundo (agradecemos a Alberto a súa implicación na actividade facendo as cadeiriñas na impresora  3D).

Aquí podedes ver un vídeo da xornada.



Esta actividade está organizada polo EDLG, a Biblioteca Escolar e o Departamento de Reli. Queremos  a través dela potenciar o uso da lingua galega, tanto de maneira escrita como oral, e ofrecérmonos o lugar perfecto para mergullarnos no mundo das historias.


22/11/19

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Parece que todos os días semellan iguais, máis este 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, queremos dun xeito especial, denunciar e levantar á nosa voz contra esta lacra. A violencia contra as mulleres é unha das máis degradantes violacións dos Dereitos Humanos e continúa progresando no ámbito global.
Algo estamos a construír mal nesta sociedade cando non somos capaces de resolver os conflitos coa palabra. Vivimos nun mundo no que cada vez se vai máis rápido e no que o individualismo e o poder é o que conta. Debemos espertar as nosas conciencias ante as inxustizas e o sufrimento. Debemos pararnos e sentir que cada morte, cada acto violento fainos a todos e a todas vulnerables.
É por iso polo que debemos seguir insistindo en campañas de prevención, informando e previndo desde todos os ámbitos da sociedade: desde a familia, cunha educación en igualdade, desde os colexios, cunha coeducación real, desde o traballo e desde os poderes políticos.
No noso centro, o CPI Virxe da Cela o alumnado de ESO tomou a iniciativa de visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa e a toda a  sociedade en xeral  realizando unha exposición de carteis creados  por eles  na que mostran, a través da imaxe, a súa visión sobre esta data.
A exposición, na que tamén se amosan algúns carteis creados polo alumnado do CPI As Mirandas de Ares, co cal colaboramos en diferentes datas, está exposta en ámbolos dous centros.

Por último dicir que, a todos os que formamos parte do CPI  Virxe da Cela, encantaríanos que moi pronto, o 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, non haxa nada que celebrar. Porque celebrar este día, deste xeito, non é unha festa, é un toque de atención para que nos demos conta e nos levantemos en defensa dos nosos dereitos e liberdades, porque as mulleres somos iguais aos homes e nada nin ninguén debe someternos. Mentres tanto, desde o noso colexio, seguiremos educándonos na igualdade e loitando pola dignidade de todos e todas.
Finalizamos coas verbas dunha excepcional muller, Clara Campoamor quen dixo:

“ACUSEI AS INXUSTIZAS PORQUE NON QUERO
QUE O MEU SILENCIO AS ABSOLVA”

A pesar das nosas diferenzas, compartimos a mesma realidade e estamos unidos na loita para conseguir que o mundo sexa un lugar mellor para todas e todos.
Porque queremos outro mundo, e sabemos que é posible....

CONSTRUÁMOLO ENTRE TODOS!


(Podedes premer na imaxe para velos en grande).













Manifesto conxunto a favor dos dereitos dos nen@s e en contra da Violencia de Xénero


CARREIRA SOLIDARIA 2019
MANIFESTO NO DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NENOS
E CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe con esta carreira solidaria queremos  conmemorar dúas datas significativas que cumpre lembrar: por unha banda o Día Internacional dos  Dereitos dos  Nenos e Nenas e por outro O Día Internacional contra a Violencia de  Xénero. Por iso reunímonos aquí para alzar as nosas voces e manifestar o noso compromiso concreto de traballar pola xustiza e a defensa dos Dereitos de todos.
A pesar de que todos os nenos e nenas temos os mesmos dereitos, somos conscientes de que en moitas partes do mundo vense vulnerados e que os gobernos e a sociedade en xeral non fan todos os esforzos necesarios para cambiar esta situación.
É unha sorte ter unha familia que nos ama, recibir educación, estar rodeados de xente en quen poder confiar e de amigos que nos axudan, ter asistencia médica, comida e unha casa. Moitos outros nenos e nenas non poden dicir o mesmo. Por iso, queremos dar as grazas a todos aqueles que se preocupan por nós e que nos axudan para que os nosos dereitos sexan respectados.

Pero queremos ir máis aló da nosa contorna máis próxima e manifestar de maneira especial o noso firme rexeitamento a todas as situacións que viven millóns de nenos e nenas cando se vulnera a súa condición humana. Rexeitamos especialmente a guerra e as súas consecuencias, a explotación laboral e sexual, a marxinación polas discapacidades físicas ou psíquicas, o tráfico de nenos e a súa morte, a  mutilación e o tráfico de órganos, a escravitude. Non aceptamos que os nenos e as nenas se instrúan na guerra e maten, ou que se convertan en nenos soldados. Non aceptamos que se incite aos nenos ao odio e á violencia. Unímonos a todos eses nenos e nenas anónimos que pasaron por este mundo sen recibir amor nin protección.
Por iso, pedimos que todos os países se comprometan, que acepten e cumpran os dereitos dos nenos. Que as familias, os centros educativos, os gobernantes, as institucións e a sociedade en xeral recoñezan que os nenos somos persoas con dereitos e deberes, que nos deben respectar e coidar e que temos dereito a ser nenos e a comportarnos así.

Nós, esforzarémonos por respectar e axudar aos demais para solucionar os conflitos mediante o diálogo, para coidar da natureza, para valorar a liberdade, para facer feliz ao que temos á beira. En definitiva, comprometémonos a construír un mundo mellor para todos e todas.

Por outra banda, tamén queremos lembrar a todas as mulleres que sufriron violencia de xénero e denunciar e condenar calquera tipo de acto violento exercido contra elas, xa sexan malos tratos físicos, que deixan marca e doen, que humillan e someten; abuso verbal e malos tratos psicolóxicos, que destrúen, anulan e aniquilan a liberdade da muller; e os malos tratos sexuais, que  denigran e afunden ás vítimas.

No noso cole tentamos priorizar accións para a igualdade efectiva entre homes e mulleres. Accións que, como no día de hoxe, poñen de manifesto que achegamos o noso gran de area na loita contra esta lacra que fai á nosa sociedade débil ética e moralmente.

A todos os que formamos parte do CPI  Virxe dá Cela, encantaríanos que moi pronto, o día 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, non haxa nada que celebrar. Porque celebrar este día deste xeito non é unha festa, é un toque de atención para que nos deamos conta e nos levantemos en defensa dos nosos dereitos e liberdades, porque as mulleres somos iguais aos homes e nada nin ninguén debe someternos. Mentres tanto, desde o noso colexio, seguiremos educándonos na igualdade e loitando pola dignidade das mulleres.

A pesar das nosas diferenzas, compartimos a mesma realidade e  estamos unidos na loita para conseguir que o mundo sexa un lugar mellor para todos. Porque queremos outro mundo e sabemos que é posible....
                                         CONSTRUÁMOLO ENTRE TODOS!