7/6/18

Programando no espazo Ferraganchos

Este curso escolar volvemos a participar na modalidade do Plan Proxecta: Aprendo programando.

A temática dos proxectos presentados xira ao redor Ano Europeo  do Patrimonio Cultural.
Seguimos a traballar coa plataforma SCRATCH . De esta forma traballamos coa tecnoloxía, entendida non como un mero recurso, senón como elemento para crear aprendizaxe e coñecemento autónomo a partir das potencialidades persoais e grupais cun sentido inclusivo, práctico e funcional.


Queres divertirte cos nosos proxectos?



Coñecer Europa: viaxar e comprender


Instrucións
Acompaña a estes amigos na súa viaxe por Europa e aprende con eles.
Notas e créditos
Agradecemos a xente da rede poder contar con imaxes libres de dereitos para poder deseñar este programa. Somos rapazas e rapaces de 5º curso de Ed. Primaria do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero.
Xiana, Pablo, Miguel, Marcos e Andrea queremos que o pasedes ben con esta historia.


Viaxeiros polo mundo




Instrucións
Contesta ás preguntas formuladas e coñece as singularidades da cultura europea.
Notas e créditos
Proxecto autoeditado e ilustrado polo grupo de alumnas e alumnos de 5º e 6º de Ed. Primaria do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero formado `por Uxia, Antía, Eva, Adrián, Damián e Alicia.

Deudores do tempo




Instrucións

Responde a cada pregunta marcando o número correspondente á resposta axeitada. Tamén debes escoitar con atención, xa que en moitas das preguntas se che dará unha breve explicación.
Notas e créditos
Brais, Bruno Caínzos, Antonio, Lucia e Silvia. 4º curso do C.P.I. Virxe da Cela de Monfero.
Para aqueles nenos e nenas con algunha dificultade na lectura, atendendo á diversidade funcional, pensamos que poderían facelo coa axuda de algún adulto que lles fose lendo as preguntas. A revisión das respostas foi gravada polo grupo co fin de que xa no momento os rapaces e rapazas souberan se atinaran ou non..., dando sempre ánimos para seguir adiante.

Así fomos, así somos



Instrucións
Le  amodiño as preguntas e escribe o número da resposta axeitada. Se te fixas é moi fácil...
Notas e créditos
Iria, Eva, Diego, Yuri Álvaro, Bruno Pereira e Marcos. 4º curso do CPIP Virxe da Cela de Monfero.




6/6/18

Excursión do Club de Lectura Larpacontos

O pasado luns 28 de maio o alumnado dos Clubs de lectura Larpacontos fixeron unha excusión á Coruña para visitar o cemiterio de San Amaro.
Foi unha actividade exclusiva para os membros do club de lectura. A profesora Carmen Espiñeira, preparou  unha pequena “gincana”  para resolver por equipos, usando as cámaras dos seus móviles, os retos que previamente tiveron que investigar na biblioteca e internet e por último o plano do cemiterio. Nos retos había distintos obxectivos: autores literarios, artistas, epitafios...

  Imaxes obtidas polo equipo gañador

Os distintos equipos investigando

Membros do club Larpacontos 2018

O Cemiterio Municipal de San Amaro A Coruña é un Camposanto histórico do ano 1854 e dos máis importantes de Galicia, xa que nel  descansan numerosas personaxes ilustres e pertence desde o ano 2012 ao ASCE (Asociación Europea de Cemiterios Significativos).
O cemiterio está dividido en tres zonas:
• A zona Relixiosa.
• A zona Civil.
• A zona Británica.
Este último é privado xa que o comprou o cónsul británico en Galicia e permanece pechado.
Itinerarios deseñados polo concello.
Existen uns itinerarios que o Concello da Coruña ten dispoñibles nas oficinas de turismo e no propio cemiterio.
1 - Itinerario dos creadores, historiadores e científicos:
Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Curros Enríquez e Wenceslao Fernández Fórez  son algúns dos 70 grandes nomes que se propón visitar nesta ruta.
2 -  Itinerario dos políticos, os militares e os soños da Coruña:
Nesta ruta proponse visitar as sepulturas das personalidades fusiladas na Guerra Civil e unha considerada heroína que axudou na epidemia do cólera en 1854.
3 - Itinerario dos segredos de San Amaro:
Neste itinerario proponse visitar as tumbas de soldados alemáns vítimas do afundimento do submarino Ou966 Gut Holtz o 10 de novembro de 1943, ademais de xentes do pobo falecidas durante a Guerra Civil.
4 - Itinerario artístico:
A proposta deste itinerario é percorrer os panteóns máis artísticos cun total de 29 paradas con xoias  do neoclasicismo, templos neorománicos ou xónicos, ou panteóns modernistas.

Por todo esto é unha visita que vos recomendamos, incluso tedes a posibilidade de facer unha visita nocturna guiada: http://visitasguiadas.coruna.es/



27/5/18

Agasallos do Liberespazo

Trátase dun "pasaporte" onde os nenos e nenas de Educación Primaria foron recollendo as súas "viaxes" polos libros e, a través do visado da biblioteca (que dá fe destas viaxes), acadar a categoría de "libernautas", con dereito propio a viaxar libremente polo "liberespazo".  Este material edítase en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a través do programa "Leer para aprender. Leer en la era digital".


Cando as nenas e nenos  achégannos os seus "Pases de lectura ao Libereszazo", debidamente cubertos,  o primeiro que facemos e poñerlles o cuño da Biblioteca do noso cole, despois teñen dereito a escoller un agasallo da caixa de:


Estes son algúns dos Pases cubertos;


VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA. PRIMARIA


Apadriñamento lector
Dende outubro (22 de outubro, día das bibliotecas) os nenos e nenas de quinto e sexto de primaria dedican un dos recreos da semana a lerlles contos ós pequenos na biblioteca. Estas sesións están recollidas nun horario fixo, no que cada día, dous participantes de 5º e dous de 6º recolle ós seus afillados ou afilladas e lenlles contos “a carta”os libros que elixen os máis pequenos.

Algún día, en función da demanda, tamén fan lecturas co grupo completo:






Tamén asesoran aos seus afillados e afilladas no uso da biblioteca. Aquí os vemos nos andeis de intercambio libre de libros (libros que poden levar para casa libremente):





SEMANA DA CIENCIA E DA CULTURA

Durante os días 21, 22 e 23 de marzo realizamos unha serie de actividades dentro da Semana da Ciencia e da Cultura. Esta é unha revista que presenta un breve resumo de todas aquelas actividades. A revista tamén a tedes en papel nas aulas e na biblioteca do cole:

8/5/18

Escornabots na Biblioteca Castelao

Nos recreos o alumnado de 5º e 6º de primaria ensina a usar os Escarnabots aos nenos de Educación Infantil. Esta acividade encádrase dentro do programa de voluntariado na biblioteca. Os pequechos manexan abraiados estes pequenos robots ca guía dos seus compañeiros maiores.
 Ademais formando parte do espazo Ferraganchos tamén temos unha mesa de luz que serve de espazo de xogo e experimentación cas formas, as cores e moitas outras posibilidades:







Preguntón 2018

Estamos xa na última semana, "O grupo de Monfero" vai en cabeza e vai ser difícil superalo, pero animámosvos a todos a intentalo.
Os premios entregaranse o mércores 16 na celebración das Letras Galegas e dos Maios
Estas son as últimas preguntas deste ano:

Preguntón 2018

Aquí tedes as preguntas e respostas pendentes de publicar neste blog:


A semana pasada quedou pendente a publicación:



Moita sorte a todos!!


23/4/18

Os escornabots do noso espazo "FERRAGANCHOS" no STEMlab


O venres 20 de abril celebrouse no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela o STEMlab Galicia. Trátase da maior feira en Galicia para centros educativos, na que se amosou a excelente labor educativa de numerosos centros galegos a prol da ciencia, a enxeñaría, a tecnoloxía e a matemática, pero sobre todo a prol dunha aprendizaxe competencial, activa e creativa.
O CPI Virxe da Cela foi invitado a participar, e para o noso alumnado foi unha experiencia única.

REVOLUCIÓN STEM
Nos últimos anos, os centros galegos comezaron a empregar novas metodoloxías para dar resposta aos retos actuais, pero sobre todo futuros, da sociedade. A revolución STEM nas aulas -nas súas siglas en inglés Science, Technology, Engineering and Mathematics (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas)- é unha realidade. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxo en marcha a Estratexia galega para a educación dixital Edudixital 2020 para impulsar os coñecementos científico-tecnolóxicos, sobre todo entre as nenas, cun obxectivo claro: que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21. Nos dous últimos cursos, xa se distribuíron kits de Robótica, Programación e 3D en institutos e colexios, puxéronse en marcha materias de libre configuración autonómica vinculadas con este eido e, tamén, clubs de ciencia, así como o primeiro campamento STEM.




Os nosos alumnos tiveron a oportunidade de falar co presidente da Xunta, e tamén con Pedro Duque:


Podedes premer sobre as imaxes para seguir lendo:
http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/pedro-duque-estrella-jornada-educativa-stemlab-galicia/idEdicion-2018-04-20/idNoticia-1111225/https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/04/20/astronauta-pedro-duque-causa-furor-compostela/00031524223732025258410.htm



23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

Cada 23 de abril celebramos o Día do Libro para recoñecer a súa importancia como ferramenta cultural.
Todo, todo está nos libros. Todo o que é. E todo o que non é, pero podería ser. Tamén o que nunca foi nin será, nin podería selo.
 A vida toda está nos libros: a historia da humanidade... o que sentimos as persoas... o que soñamos ou simplemente imaxinamos...
   E por qué lemos?
-  En primeiro lugar porque alguén nos aprendeu a facelo,
-   porque outras persoas nos acompañaron nas nosas primeiras lecturas,
-   porque leron para nós ata que fumos capaces de facelo por nós mesmos
-  porque desfrutamos coa lectura compartida no camiño de descubrir o placer de mergullarnos sós nun libro.
Isto é o que queremos homenaxear no Día do Libro: as persoas que foron abrindo camiños para nós; esas persoas que, lendo, axudáronos a medrar como lector@s. E a nós mesmos que apamadriñamos a outros nenos e outras nenas que veñen detrás.
                         E aos libros que lemos; por riba de todo aos nosos favoritos.


3/4/18

CONCURSO O PREGUNTÓN 2018


Un ano máis volvemos convocar o concurso do preguntón. Este ano cunha duración de catro semanas e coma en cursos anteriores dirixido aos alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria e dos catro cursos da ESO.

Bases do Preguntón
PARTICIPANTES
Poderá participar o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e todo o de Secundaria formando equipos de 2 persoas de calquera curso.
Os participantes deberán inscribirse na Biblioteca debendo cubrir unha folla cos datos dos compoñentes do grupo e o nome do grupo.
Poderanse apuntar ata o xoves 12 de abril.

O XOGO
-O xogo desenvolverase dende o venres 13 de abril ata o venres 4 de maio. Consta de varias preguntas ou probas.
Estarán expostas no taboleiro do PREGUNTÓN situado xunto á porta da Biblioteca e no blog da Biblioteca Castelao.
-Cada venres publicarase no taboleiro e no blog as preguntas ou probas, así como a puntuación acadada.
-O prazo para entregar as respostas será ata o venres seguinte ás 12:35. Nese tempo poderedes empregar calquera servizo da biblioteca, libros, ordenadores, internet, ou os vosos propios recursos.
-As respostas debedes presentalas nas follas que atoparedes na biblioteca e depositalas no prazo previsto nunha furna habilitada para este concurso. 
-Cada pregunta ou proba ten unha puntuación indicada explícitamente. Os equipos que presentedes a resposta acertada dentro do prazo sumaredes os puntos en xogo.
-Cando semana cando remate  o prazo de entrega, publicaremos as respostas no taboleiro do Concurso.

GAÑADORES
-O equipo gañador será o que acumule máis puntos ao remate do concurso. En caso de empate, o premio será repartido  entre os equipos que acaden a mesma puntuación.
-Haberá un equipo gañador e dous equipos finalistas.
-Todos os participantes levarán un diploma de participación.

XURADO
-O xurado estará composto polos membros do equipo da Biblioteca e do ENDLG.
-Se o xurado detecta calquera comportamento antideportivo, adoptará medidas, incluíndo a descualificación do  equipo ou equipos implicados.

-A participación no concurso supón a aceptación de todas estas bases.


Animádevos a concursar!!!

13/3/18

RETO LECTOR DA EDITORIAL GALAXIA



A Editorial Galaxia lanza estes días a segunda edición do seu Reto Lector destinado a fomentar a lectura entre os máis novos. Despois do éxito da primeira convocatoria en marzo de 2017, na que con apenas dous meses de prazo para participar se recibiron 35 vídeos enviados por rapazas e rapaces de toda Galicia, Galaxia persiste no seu empeño en conseguir que a mocidade se achegue ao sistema literario integrándose nel como críticos, lectores... 

Nesta segunda edición, poderán presentarse ao premio as rapazas e os rapaces de entre 12 e 16 anos. Para participar, só terán que enviar ao enderezo electrónico galaxia@editorialgalaxia.gal dous vídeos nos que se dea conta da lectura de dous libros da Editorial Galaxia de calquera das súas coleccións de narrativa para todas as idades: Árbore, Costa Oeste e Literaria. Os vídeos non poderán exceder os dous minutos de duración. Durante eses dous minutos, os participantes deben comentar o contido da obra, os aspectos que máis lles gustaron e as razóns polas que recomendarían a súa lectura. O xurado estará composto polo alumnado da ESO dun centro galego designado pola editorial, e será quen valore todas as propostas fixándose principalmente no poder de persuasión dos participantes, na súa claridade expositiva e na creatividade da gravación. 

A rapaza ou rapaz gañador recibirá un Ipad de última xeración. Ademais, haberá cinco lotes de libros coas últimas novidades da Editorial para os cinco seguintes clasificados. O prazo de entrega dos vídeos estará aberto ata o día 27 de abril, e o fallo do xurado farase público no mes de maio. 

A través desta iniciativa, a Editorial Galaxia pretende fomentar a lectura en galego nun sector clave da nosa sociedade: os adolescentes. Para facelo, proponlles aos participantes que tiren rendemento das ferramentas dixitais e do seu potencial como medios de transmisión e difusión lingüística e cultural, ao tempo que os anima a desenvolver o seu sentido crítico, mellorar a súa competencia oral e aprender a ver na literatura unha canle comunicativa.

12/3/18

REINVENTEMOS XUNT@S UNHA ESCOLA PARA TOD@S. 34 CONCURSO ESCOLAR ONCE


Baixo o lema “Reinventemos xunt@s unha escola para tod@s” os alumnos e alumnas do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero e o CPI As Mirandas de Ares , uniron esforzos para elaborar e realizar  unha serie de vídeos para o Concurso Escolar Once.  Con esta proposta a Fundación ONCE pretende sensibilizar aos alumnos/as, pais e nais, profesores e profesoras e a todo o resto da sociedade sobre a importancia de crear unha escola na que todo o mundo teña un oco e un lugar, dunha forma dinámica e en equipo, unindo as nosas forzas e ideas para construila xuntos.

Aquí podedes ver os videos realizados e presentados ao concurso escolar. Parabéns aos rapaces e rapazas dos dous centros polos guións que realizaron.


                                              1º ESO. CPI Plurilingüe Virxe da Cela

                 

3º ESO CPI Plurilingüe Virxe da Cela
               



1º ESO. CPI AS MIRANDAS
                

ESO. 2º A. CPI AS MIRANDAS
                 

3º ESO. CPI AS MIRANDAS
                  


6/3/18

SEMANA DA PRENSA NA ESCOLA


Do 5 ao 9 de marzo os centros educativos galegos celebramos a 30º edición da Semana da Prensa na Escola, unha iniciativa instituída oficialmente dentro do calendario escolar e impulsada pola Voz de Galicia.
No noso centro, un ano máis, realizamos unha exposición con xornais e revistas de distintos lugares de España e do mundo e de diversa temática: prensa xeral, prensa deportiva, prensa económica… Poderemos así complementar as nosas clases con exemplares de xornais convertindo a prensa nun elemento pedagóxico máis, fomentando a súa lectura e desenvolvendo así o sentido crítico dos nosos nenos/as e mozos e mozas.
Ademais, na portada da Voz da Escola deste mércores podense encontrar propostas para preparar esta semana de celebración.