20/10/15

ENCONTRO FINAL DRAGAL EN PICO SACRO (BOQUEIXÓN)

Venres 16 outubro


    Fomentar a lectura na escola e facelo en galego dun xeito atractivo para os adolescentes non é un reto doado, aínda que traballos literarios como a triloxía Dragal da escritora Elena Gallego Abad, pensada para un público xuvenil, están a facer máis fáciles as cousas. Así o pensan nos institutos que participan este ano no Encontro Dragal, un xogo de rol que na súa segunda convocatoria ven de reunir ás portas de Santiago a preto de catrocentos rapaces de Monfero, A Coruña, Becerreá, Verín e Vilagarcía de Arousa. Todos eles quedaron enredados nas historias que conta Gallego Abad, unha obra que tamén chamou a atención da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que puxo en marcha esta actividade coa colaboración do Concello de Boqueixón. A elección deste espazo ten moito que ver coa mitoloxía galega do dragón, xa que a lenda xacobea di que antes de que o corpo do Apóstolo Santiago chegase a Compostela tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do dragón que se agochaba no Pico Sacro. 
     Facer un xogo de rol con estes vimbios foi doado. E tendo en conta o éxito do Encontro Dragal, a receita resultou de gusto dos estudantes. Proba diso foi que as lecturas da triloxía no curso pasado deron os seus froitos, coa rapazada vestida con traxes medievais e unha reprodución en viñetas das historias do Dragal para que o xogo estivese ben ambientado. Polos recunchos do Pico Sacro estaban agochados moitos cofres cheos de puntos de vida, necesarios para participar na competición e gañar bazas para a vitoria. Mentres cumprían co itinerario, os rapaces íanse atopando con personaxes da triloxía espallados por unha ruta programada por razóns de seguridade e de organización dos tempos. A maxia dos recunchos do Pico Sacro e as gañas de pasalo ben nun moi bo día para desfrutar das vistas fixeron o resto ata chegar á hora do xantar, feito para axudar a confraternización dos xogadores a base de produtos típicos. 
    E lembrando as mensaxes de que o importante é participar, todos eles recolleron un diploma por ter xogado en equipo, mentres os organizadores seguían a contar os puntos de vida recollidos polos rapaces, deixando para os vindeiros días a incógnita de cal foi o colexio gañador.

PREMIO PLANETA 2015


Alicia Giménez Bartlett gañou a 64ª edición dos Pemios Planeta de novela. Recoñecida pola súa serie de Petra Delicado, obtuvo o galardón pola obra "Homes espidos". Esta novela conta a historia de Xavier, un profesor de literatura que se queda en paro, e Irene, unha empresaria que acaba de ser abandonada polo seu marido. Os dous inician unha relación, porén vense obrigados a cambiar as súas vidas drasticamente por mor da crise económica.

   Seguro que resultará interesante achegarse a esta autora!

BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS

"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolareS . A imaxe do cartel responde á interpretación que deste lema fixo o ilustrador e autor de cómic FRAN BUENO,  e ten suficiente carga simbólica e información como para espertar o interese do alumnado.
Así, a biblioteca escolar pode ser a base desde a que explorar o mundo real, pero tamén os mundos imaxinarios; os materiais impresos e os recursos electrónicos achégannos informacións sobre todo aquelo que queremos coñecer e comprender; é un espazo para a investigación individual e para o traballo en equipo; é un espazo integrador cheo de oportunidades de aprendizaxe.

O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións" chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido.