19/10/17

TERCER ENTRECONTOS CON SONIA NOGUEIRA

Continuamos no colexio co Entrecontos os luns e mércores... este luns descubrimos o libro de Arianna Papini, "Que che gustaría ser?", da editorial Kalandraka. 

Rebeca, que che gustaría ser? Gustaríame ser un peixe para esoitar o silencio e nadar libre no mar. Peixe, que che gustaría ser?. “Que che gustaría ser?” é un álbum para primeiros lectores que se constrúe a partir dunha estrutura narrativa repetitiva e sumando personaxes encadeados entre si. Rebeca soña con ser un peixe, ao peixe gustaríalle ser unha curuxa, esta admira as cualidades do crocodilo... e así sucesivamente con outros animais domésticos e salvaxes, ata un final circular que leva os lectores a unha sabia conclusión: a imaxinación permítenos ser canto queiramos.

SEGUNDO CONTACONTOS CON SONIA NOGUEIRA

O entrecontos de hoxe foi sobre o libro de: Estefanía Padullés Estévez, A canción do Sol, Hércules Ediciones. Destinada a descubrir a historia de Perico: Perico é un galo que vive nunha granxa nas montañas. Sempre é o primeiro en espertar porque o seu traballo consiste en cantar unha canción para chamar polo Sol. Pero un día, Perico queda durmido e o Sol non sae. Disposto a arranxar este problema, Perico emprende unha viaxe nun barco de papel para buscar o Sol e cantarlle a súa canción. Logrará atopalo? Conseguirá a canción de Perico que o Sol volva saír?


17/10/17

5 DE OUTUBRO: DÍA MUNDIAL DOS DOCENTES



Esta fermosa e metafórica "árbore do saber" ilustra unha conmemoración que queremos ter moi presente: O Día Mundial dos Docentes. Celebramos e destacamos a labor tan importante que os docentes xogan na educación unha data no calendario, o 5 de outubro, aínda que sabemos que cada día do ano é igualmente importante. Nesta ocasión o lema elixido é "ensinar con autonomía empodera aos docente". Moito ánimo e... adiante!!

O NOSO COLE NA PRENSA

PODEDES PREMER NAS IMAXES PARA LER AS NOTICIAS








O CPI VIRXE DA CELA: 1º PREMIO PROXECTA DE INNOVACIÓN EDUCATIVA 2017







              

              
 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe o acto de entrega dos Premios Proxecta de Innovación educativa correspondentes ao curso 2016/ 17, que teñen como obxectivo consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes no Plan Proxecta. Durante a súa intervención o conselleiro salientou o poder da educación e da formación para acadar as mellores oportunidades que nos brinda o tempo no que vivimos, “a fin de convertelas en novas posibilidades de crecemento económico e social”. Neste sentido, sinalou os Premios Proxecta como uns galardóns que contribúen a que o ensino se adapte ás expectativas futuras, dado que buscan incentivar o desenvolvemento de técnicas de innovación educativa, motivadoras, dinámicas e á vangarda. 

    Desta forma, estes galardóns recoñecen a traxectoria colaborativa e multidisciplinar dos centros, buscando integrar dinámicas que incentiven o emprendemento e a creatividade nas aulas, a formación en valores cívicos e sociais, o pensamento crítico, a xestión da diversidade e o traballo en equipo. Así mesmo, contribúen a preparar ao alumnado “para facerse oco nunha sociedade cada vez máis tecnificada”. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu a todas as persoas que fan posible tanto o Plan Proxecta como os premios o seu esforzo diario e compromiso coa educación como ferramenta para mellorar o futuro. Así mesmo felicitou a docentes e alumnos polo traballo realizado, que serve de exemplo de boa práctica e axuda a avanzar ao conxunto da comunidade educativa. 

 Centros galardoados


Na categoría A, dirixida ás Escolas de Educación Infantil (EEI), aos Colexios Rurais Agrupados (CRA), aos Centros de Educación Especial (CEE), aos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e aos Centros de Educación Primaria (CEP); o primeiro premio foi para o CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), o segundo para o CEIP de Laredo (Redondela) e os terceiros para o CEIP A Rúa (Cangas) e o CEIP Illas Cíes (Vigo). Nesta mesma categoría obtiveron un accésit pola calidade dos seus traballos os CEIP de Espedregada (Pontevedra), Plurilingüe Riomaior (Vilaboa), Plurilingüe San Marcos (Abegondo), Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova), Xesús San Luís Romero (Carballo) e Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol). 

Na modalidade B, destinada á participación de Centros Públicos Integrados (CPI), Institutos de Educación Secundaria (IES), Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e centros públicos de educación e promoción de adultos; o primeiro premio foi para o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero), o segundo para o IES Carlos Casares (Vigo), e os terceiros para os IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e A Cachada (Boiro). Nesta categoría obtiveron accésit os IES Terra de Trasancos (Narón), Fontem Albei (A Fonsagrada) e Brión (Brión), o CIFP Coroso (Ribeira) e os CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) e Terras de Maside (Maside).