29/04/13

DÍA DAS LETRAS GALEGAS


Roberto Vidal Bolaño

Homenaxeado Ano 2013



    Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950 e faleceu na mesma cidade en 2002. Formou parte do denominado "Grupo Abrente" que, a partir da década dos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as representacións dramáticas galegas. Todas as súas actividades xiraron sempre, e en exclusiva, arredor do teatro: desde a creación do "Grupo Antroido", en 1975, até a súa compañía actual "Teatro do Aquí", pasando pola breve experiencia da cooperativa "Teatro do Estaribel". En 1978 deu o paso definitivo que levou ás xentes do teatro galego a se transformaren en profisionais, superando de vez a pantasma de "amador" que pairara sempre sobre a historia do noso teatro.
     A súa produción está caracterizada polo compromiso co país e a lingua, a experimentación estética, e o diálogo coa tradición, tanto culta como popular, literaria e histórica, social e política. O feito de que Vidal Bolaño escribise para a súa compañía, coa urxencia que esixe a obrigada estrea anual e a atención dedicada ao texto espectacular, non empeceu en absoluto a calidade literaria dos seus textos dramáticos, nos que as resonancias de Otero Pedrayo e Valle Inclán se transforman en esmaltes que enriquecen a súa literatura e agasallan ao lector.
     A pesar de que xa nas décadas dos setenta e oitenta lograra diversos premios ("Abrente", "O Facho" e "Ciudad de Valladolid"), como aconteceu con outros integrantes do "Grupo Abrente", o recoñecemento artístico de Vidal Bolaño non se produciu até os anos noventa, cando a obtención de premios institucionais, galegos e portugueses ("Rafael Dieste", "Alvaro Cunqueiro", "Xacobeo 92", "Eixo Atlántico", "María Casares"...), normalizou tanto a publicación das súas obras como o seu coñecemento por parte da prensa e, en consequencia, do público.
     A súa forte personalidade deixou unha profunda pegada nos dramaturgos máis novos, cuxas consecuencias se verán co trancorrer do tempo.
     A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño foron fundamentais na construción dun teatro nacional galego.

GAÑADORES DO PREGUNTÓN

Aquí tedes o palmarés do Preguntón deste curso. 
Os premios entregarémolos o xoves 16 de maio no acto de conmemoración do día das letras galegas.


CONTACONTOS NA BIBLIOTECA PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO

Fai uns días xa vos adiantamos algo sobre as aventuras de Mahán, un simpático e avispado cativo dunha aldea de África que descobre un xeito moi singular para loitar polo dereito á educación de aqueles 61 millóns de nenos e nenas que, vivindo en diferentes áreas da xeografía mundial, non teñen a sorte e o privilexio de asistir a unha escola e aprender. A encargada de transmitir esta historia é Andrea, unha rapaza de 1º da ESO que ten o don de contar historias, e que cautivou ao público asistiente a estas sesións de contacontos, que a observaban boquiabertos e con mirada atenta. E para ambientar este conto de "Mahán e a cadeira vermella" que mellor que realizar simultaneamente a acción de pintar unha cadeira de cor vermella para simbolizar a esencia do noso conto!!! Recordamos que este conto está inspirado na campaña de "La silla roja" lanzada pola ONG Entreculturas, que os textos foron escritos por María, outra rapaza de 1º da ESO, e que as ilustracións correron a cargo de varios alumnos e alumnas de 1º da ESO. Parabéns a todos vós por demostrar esas capacidades creativas e deixar voar a vosa imaxinación. Pero a historia non acaba aquí, cada un dos grupos que vai visitando a Biblioteca Escolar para descubrir a historia de Mahán, realizan pequenos xogos e dinámicas que lles fai recapacitar sobre a importancia da educación. Esta sesión de contacontos remata obsequiando a cada un dos grupos con unha versión impresa en papel deste conto, para que a leven á aula e traten de imaxinar outro conto posible utilizando como símbolo unha cadeira vermella. Tedes de prazo ate o 1 de xuño para presentar as vosas aportacións, tanto de maneira individual como en grupo, que poderán optar a unhas serie de premios, tendo en conta tanto a calidade artística, a creatividade, así como a importante mensaxe solidaria a transmitir. Esta actividade está organizada por Monferosolidario en colaboración co EDLG e a Biblioteca Escolar. O EDLG quere a través dela potenciar o uso da lingua galega, tanto de maneira escrita como oral, e será o encargado de finanzar os premios da convocatoria. Por outra banda a Biblioteca Escolar ofrécenos o lugar perfecto para mergullarnos no mundo das historias. Queremos facer da biblioteca un espazo vivo e dinámico onde reunirnos e compartir vivencias, e que as historias viaxen polo aire e non queden atrapadas en libros inertes que soamente viven esquecidos en estanterías.