14/05/16

40 ANOS VIVINDO A ESCOLA

40 anos vivindo a escola…. Canta boa xente pasou neste tempo polo colexio Virxe da Cela, o noso cole do Xestal. Xente dos concellos de Monfero, de Irixoa e mesmo de Andrade pasaron por el. Familias enteiras nas que as distintas xeracións  atoparon na nosa comunidade escolar  non só unha educación de calidade, uns mestres e mestras, profesores e profesoras entregados, un persoal amable e servicial senon tamén un lugar familiar onde compartimos experiencias, vivencias, valores…
Senón que volo diga a familia Grelinda, unha das tantas que pasaron polo noso cole. Aquí, no seguinte vídeo tedes a súa testemuña.  
Ah, e se queredes saber máis das moitas cousas e experincias vividas en todos estes anos, podedes achegarvos ao noso blog http://40anosvivindoaescola.blogspot.com.es/.


          

Dende o noso cole queremos dar as máis sinceras grazas a Ana Martínez, alumna de 4º ESo do CPI Conde de Fenosa de Ares, por crear para nós os personaxes da familia Grelinda.

 GRACIÑAS, ANA, ES TODA UNHA ARTISTA!!!!

11/05/16

MINI E MERO NO COLE DO XESTAL. LETRAS GALEGAS 2016


Onte tivemos o pracer de gozar coa a actuaciòn de Mini e Mero que visitaron o noso colexio co gallo das actividades organizadas polo Día das Letras Galegas. Unha estupenda xornada na que poidemos gozar e cantar con estes dous artistas da nosa terra. Logo de rematar a súa actuación adicaronnos unhas palabras na entrevista que os alumnos /as de primaria e ESO lle fixeron ao rematar. Grazas a todos eles.

Aquí podedes ver a entrevista

         

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2016: MANUEL MARÍA

   No ánimo de seguirmos ofrecendo ao longo de todo o curso todo tipo de ferramentas que permitan o traballo didáctico nas aulas arredor da obra de Manuel María, achegamos agora información de novos recursos que xa temos dispoñíbeis na nosa páxina web: www.casamuseomanuelmaria.gal. 



   Trátase, como todos os que xa fomos achegando nos últimos meses, de materiais de uso totalmente libre que compartimos na rede precisamente coa intención de que se aproveiten para o traballo complementario á lectura das obras do escritor ao que este ano se dedican as Letras Galegas. Estes novos recursos son un conxunto de escolmas poéticas elaboradas arredor dunha serie de elementos moi presentes no universo poético de Manuel María: as plantas, árbores e flores, as aves, os animais e o tempo; elementos todos presentes, dunha maneira ou doutra, en todos os libros que máis se axeitan ao traballo escolar. 

  Pódese acceder ás ditas escolmas poéticas a través da sección Recursos da nosa páxina web (columna da esquerda), clicando sobre a lapela Outros. A seguir aparecerá unha listaxe de arquivos en formato PDF entre os que figuran estes novos recursos. Algúns centros están a dirixirse a nós para solicitarnos fotografías de Manuel María das que poder facer libre uso e tamén imaxes dalgunhas das portadas das súas obras máis senlleiras. Tamén desde a nosa páxina web intentamos cubrir esa demanda: na sección Fotobiografía vimos de incorporar unha opción de descarga a carón de cada imaxe, o que permite mesmo a súa impresión nunha resolución moi aceptábel. Na sección de Outros, na categoría de Recursos, incorporamos en PDF as imaxes das portadas de todas as publicacións que vimos editando desde a Casa-Museo, incluindo algúns dos títulos máis emblemáticos de Manuel María. 

   Agardando que estas ferramentas redunden positivamente no traballo nas aulas arredor do escritor e da lectura da súa obra, quedamos á súa enteira disposición. Reciban un cordial saúdo. 
                                  
 Casa-Museo Manuel María. Outeiro de Rei da Terra Cha.