20/12/23

Radio escolar: Mergulla desde a clase

Este curso o alumnado do 3º curso da Ed. Primaria dentro do programa de Radio escolar está a investigar sobre o mar, centrando a súa atención sobre  as especies mariñas de Galicia e sobre os efectos que nelas teñen a degradación medioambiental.  Dentro deste proceso de investigación contaron cun obradoiro da Cooperativa 13 grados (Sara Carrasco e Silvia Iglesias) cuxa finalidade e divulgar e sensibilizar sobre a importancia de coidar o medio mariño, centrándose en Galicia. 

Así, mergullámonos desde o cole no mundo mariño a través dunha experiencia inmersiva empregando a realidade virtual. Toda unha experiencia sensitiva de aprendizaxe.  




Imaxes recollidas durante a actividade. 

19/12/23

TEEN SIDE: FOMENTANDO A LECTURA ENTRE A MOCIDADE

 A Biblioteca Casteao e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI Virxe da Cela apoian esta nova iniciativa de fomento da lectura para os adolescentes/as: a nova revista Teen Side, elaborada polo alumnado que cursa a optativa Proxecto Competencial en 3º da ESO, dirixida a un público mozo. Xa que todos/as temos os nosos gustos e preferencias, nesta revista o alumnado da ESO poderá descubrir interesantes contidos sobre música, moda, festas, e tamén recomendacións de lectura. 






TEEN SIDE 1 by veracruces on Scribd

18/12/23

XA É NADAL NA BIBLIOTECA DO XESTAL!!

 


Un ano máis chega o Nadal ao Xestal. Na Biblioteca Castelao quixemos tamén decorar un pequeno recuncho para convidarvos a este ambiente tan entrañable. Se mirades ben nas polas da árbore poderedes descubrir uns pequenos libros en miniatura. Non deixedes de visitar a nosa biblioteca e levar unha pila de libros en empréstito para gozar da lectura nas vacacións. 

29/11/23

HERMANAMENTO DO CLUB DE LECTURA E O CLUB DE RADIO

O mércores 29 de novembro de 2023 un grupiño de alumnos/as de 1º, 2º e 4º da ESO do CPI Virxe da Cela compartiron unha xornada moi especial e afianzaron lazos de unión para futuras colaboracións. Por unha banda os membros do recén creado Club de Radio e por outra banda os xa máis veteranos do Club de Lectura Larpacontos, todos eles/as dispostos a afondar sobre o mundo da radio a través da visita á emisora Radio CUAC FM (unha actividade realizada grazas ao apoio da Fundación Ayuda en Acción). Coñecer de primeira man as posibilidades que ofrece a radio como ferramenta para a comunicación e a difusión ofrécenos a posiblidade de utilizala, por que non, para falar das nosas experiencias lectoras, para captar a futuros lectores, para promocionar autores e obras, en conxunto, para promover a lectura. 



24/11/23

A RADIO DINAMIZA A BIBLIOTECA

Alumnado de educación primaria visitou a Biblioteca Castelao para preparar os contidos que acto seguido gravaron no noso estudio de Radio Ferraganchos. Lorena Boga e Jennifer Chamadoira, de Ayuda en Acción, guiaron tanto a parte técnica como a parte de elaboración do guión.

 



20/11/23

XORNADA BIBLIOTECAS ESCOLARES GALICIA 2023


O coordinador da Biblioteca Castelao participou na Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2023, que tivo lugar no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, dándose cita equipos de biblioteca, docentes, asesores/as dos centros de formación do profesorado e persoas expertas na temática do lema deste curso "Unha biblioteca escolar en viñetas".

 

 

O fío condutor desta xornada, a banda deseñada, amosouse coma soporte para diferentes relatos, da ilustración como linguaxe poderosa e abordouse tamén o papel facilitador da biblioteca a través dos novas linguaxes e espazos, dos proxectos, do voluntariado, do fomento da lectura e da participación das familias.

Xornaas Bibliotecas Escolares Galicia 2023 PROGRAMA BIBLIOTECAS_dixital by veracruces on Scribd

16/11/23

20 NOVEMBRO 2023: DÍA DO PIXAMA

A Biblioteca Castelao únese á proposta do Día do Pixama 2023 para reivindicar o dereito dos menores a vivir nun fogar en familia. Esta é unha iniciativa da ASEAF (Asociación Estatal de Acogimiento Familiar) encamiñada a visibilizar aos nenos/as e adolescentes que viven en centros de acollida. O día da de celebración é o  20 de noviembro, coincidindo coa data da aprobación da Convención Internacional dos Dereitos dos Nen@s. O pixama simboliza os momentos en familia e a calor do fogar cando nais e pais len un conto aos seus fillos/as antes de irse durmir, este é un instante no que os nenos/as síntense protexidos, arropados e seguros. 

Nun recuncho da biblioteca recreamos unha entrañable escena familiar, con pixamas e lectura!! Animámosvos a visitar este espazo para realizar actividades de contacontos, animación á lectura e lembrarnos da sorte que temos por vivir nun fogar arropados polas nosas familias. 










Certificado Día Del Pijama.docx by veracruces on Scribd

14/11/23

ESPAZO FAMILIAS O-3 CONCELLO MONFERO

Como todos os luns en horario de tarde a Biblioteca Castelao alberga o programa Espazo familias, unha actividade do Concello de Monfero dirixada a  familias con nenos e nenas de entre 0-3 anos.Unha idea cunha dobre intención para o futuro alumnado do centro, que xa dende moi bebés fagan súa a Biblioteca Castelao, e tamén para as familias, para que se acostumen a que a Biblioteca  sigan vencellados en todos aqueles programas que se lles propoña, como “Lectura e familias” ou actividades de formación de de dinamización da lectura, clubs de lectura, etc.


13/11/23

OBRADOIROS SEMENTEIRAS

Sonia Hermida (da asociación Al Otro Lado) e Sabela Girón (Proxecto TERRA) visitaron a Biblioteca Castelao o pasado luns 13 de novembro para impartir o obradoiro "Sementeiras" en dúas quendas (3º EP de 09:45 a 11:30 e 4º EP de 12:00 a 13.50), co obxectivo de axudar ao alumnado a percibir o hábitat humano afondando en diferentes aspectos, como son a paisaxe, o territorio, o urbanismo, a arquitectura, o enfoque de dereitos ou o medio ambiente. Englobada esta actividade no Proxecto Terra (Plan Proxecta+) esta iniciativa da Consellería de Cultura, Educacikón e Universidades en colaboración con diferentes organismos, tatarase de de crear poboación crítica e propositiva sobre o noso medio construído para acadar unhas mellores condicións de vida para todas as persoas, atendendo á premisa do Dereito ao Hábitat.

Mediante a narración de contos, a recolla de diferentes materiais e obxectos, o alumnado de 3º e 4º de EP investigaron sobre o hábitat e comezaron a elaborar interesantísimos cadernos de campo. 








27/10/23

UNHA BIBLIOTECA ARREPIANTE

Se vos atrevedes...xa podedes visitar nestas vésperas de Samaín as arepiantes instalacións da Biblioteca Castelao, onde os libros conviven con meigas, cabazas, pantasmas, arañas e outros seres arrepiantes... E se sodes o suficientemente valientes, poderedes animarvos a ler unha selección de libros de literatura fantástica e contos de terror.... Que medo!!

 





24/10/23

TECENDO COMUNIDADES

 Hoxe, martes 24 de outubro 2023, a Biblioteca Castelao do CPI Virxe da Cela (Monfero) quere celebrar o Día das Bibliotecas, compartindo este fermoso e significativo lema: "Tecendo Comunidades". 

Imaxinamos as bibliotecas como uns telares onde se van tecendo relacións e coñecementos, onde anuda o sentido da pertenza, intercambiando ideas, conversas, conexións, que van mostrando a diversidade e a riqueza da nosas comunidades. 




23/10/23

Entrega de carnés ao novo alumnado de 4º de Infantil

 Hoxe, como cada curso, no día Internacional das Bibliotecas Escolares  preparamos  con todo o noso cariño, os seus carnés da biblioteca; un momento de ilusión e de conexión con eles no que se pretende que a Biblioteca Castelao comece a facerse un oco nos seus corazóns, e sea quen de encender unha paixón pola lectura que vertebre as súas vidas.






20/10/23

SAMAÍN NA BIBLIOTECA ESCOLAR

 Un ano máis a Biblioteca Castelao quere contribuír á celebración do Samaín. A vindeira semana poderedes visitar a nosa biblioteca cunha arrepiante selección de contos e historias terroríficas e unha decoración acorde á temática abordada!











06/10/23

UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2023/2024. O lema elixido, UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS, quere poñer o foco en todas as posibilidades que a a banda deseñada ofrece tanto no goce lector como na aprendizaxe curricular.

 A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso2023-2024 é obra de Jorge Campos ilutrador, arquitecto e artista do cómic. Un convite a pasear polas viñetas das nosas bibliotecas escolares e a xogar coas cubertas que van de man en man da comunidade educativa.

  Un curso para poñer en valor un xénero que cada vez adquire máis protagonismo na colección das bibliotecas escolares de Galicia. Para seguir concienciando que ler cómic tamén é ler, que favorece a primeira alfabetización e autonomía lectora grazas ao apoio visual. Que nos ofrece diferentes capas de lectura na que todos e todas atopamos un espazo ao tempo que favorece a alfabetización visual e artística e o desenvolvemeto da creatividade e a imaxinación.


03/10/23

A LECTURA É A FÁBRICA DA IMAXINACIÓN


O Biblioteca Castelao do CPI Virxe da Cela da a benvida a este novo curso académico 2023-2024, lanzando este lema evocador: "A lectura é a fábrica da imaxinación". Esperamos que a través da lectura podades mergullarvos en mil aventuras e adquirir numerosos aprendizaxes. 

20/06/23

ROTEIRO LITERARIO POR BETANZOS BUSCANDO A VIRTUDES (E MISTERIOS)

Virtudes (e Misterios), novela escrita por Xesús Fraga e un das lecturas seleccionadas polo Club de Lecturas Larpacontos neste curso académico 2022-2023, foi o punto de partida para iniciar un roteiro literario por Betanzos da man e explicacións do propio autor e que finalizou cunha amena charla-coloquio na Libraría Biblos. Un pequeno pero selecto grupo de alumnado (integrantes do Club de Lectura da ESO e varios alumnos/as de 3º da ESO), acompañados pola coordinadora do Club de Lectura e a profesora de Lingua Castelá, participaron nesta interesantísima actividade que se levou a cabo o pasado luns 19 de xuño de 2023.






07/06/23

Formacións do equipo de Biblioteca Escolar

 Este curso o equipo da Biblioteca tiña moitas inquedanzas sobre diferentes temas que nos permitisen mellorar na dinamización da mesma. 

Por unha banda, quixemos especializarnos no uso do KOHA (o programa de xestión dos fondos da Biblioteca escolar), aprendendo non só a catalogar libros ou revistas, senón outros recursos coma os diferentes xogos de mesa que forman parte de Ferraganchos.


Por outra banda, quixemos afondar no xeito de contar contos, polo que da man de Sabela Gago descubrimos como contar, dramatizar e enganchar ao alumnado no momento de contar. Ademais ensinounos outras ferramentas que lles permitirán ser creadores das súas propias historias.


Para rematar, da man de Aurora (experta en gamificación e dinamización de xogos) aprendemos a empregar e descfutar os nosos xogos: distinguimos que existe a gamificación, a aprendizaxe baseada en xogos e os serius games. Ademais, clasificamos o fondo de xogos co que contamos en Ferraganchos entre xogos narrativos, xogos de lóxica-matemática e xogos para desfrutar.


Estas foron as nosas aprendizaxes para o presente curso, que sen dúbida foron a semente para a creación de diferentes dinámicas que enriqueceron a dinamización da biblioteca como, por exemplo, foi o Clube de Xogos de mesa.



Conto traballado con Sabela Gago


Mural colaborativo no que se promove a creatividade narrativa

05/06/23

APADRIÑAMENTOS LECTORES

   Este ano retomouse a actividade do clube de lectura de primaria, que se enmarcaba dentro do “voluntariado de biblioteca”. Participan ao completo as dúas aulas do terceiro ciclo de primaria, 5º con 15 alumnos, e 6º con doce. 

     A actividade principal que estes estudiantes desenvolveron foi o “apadriñamento lector” cos seus compañeiros de Educación Infantil. Realizouse en principio unha especie de sorteo do alumnado de infantil entre os nenos e nenas de quinto e sexto evitanto que nos equipos resultantes estiveran irmáns co fin de evitar que os máis pequenos “manipularan” aos seus irmáns.

     Cada estudiante de 5º/6º acudía ao patio de infantil co fin de acompañar ao seu afillado/a á biblioteca para ler un co nto ou ben para xogar coa tablet. Hai que dicir que se algún neno/a de infantil determinado día non quería asistir, non se lle insistía. Todo o alumnado de infantil participou na actividade excepto unha nena que se incorporou ao centro a finais do segundo trimestre e as veces que se lle propuxo a actividade sempre a rexeitou (lóxico ao estarse aínda aclimatando á nova escola)

     As quendas de lectura tiñan uha periocidade aproximada de semana e media.








04/06/23

ESTABLECENDO COLABORACIÓNS CON OUTROS CLUBES DE LECTURA

 O sábado 3 de xuño de 2023 a coordinadora do Club de Lectura Larpacontos participou nunha xornada literaria celebrada en Betanzos e organizada por varios clubs de lectura da zona. Consistiu nunha ruta literaria guiada polo escritor Xesús Fraga visitando os lugares da súa novela Virtudes (e Misterios), comezando no Lavadoiro Municipal, e rematando cunha charla-coloquio nun espazo con moito encanto, o cine Alfonsetti de Betanzos. Tamén participou e enriqueceu a ruta o bibliotecario e archivero municipal de Betanzos, Ángel Arcay Barral, aportando curiosa información histórica dos espazos visitados, así como da vida e obra dos Irmáns García Naveira, benefactores de Betanzos e responsables da construción de diferentes edificios visitados. 











30/05/23

LIBROS PARA A XESTIÓN EMOCIONAL

 A psicóloga Helena García Álvarez, que estivo no noso centro durante o 2º e 3º trimestre deste curso 2022-2023 impartindo obradoiros sobre a xestión emocional ao alumnado de educación infantil, quere compartir os títulos dos libros traballados. Esta actividade forma parte do convenio de colaboración coa Fundación Ayuda en Acción.

Vaya rabieta (Mirielle d'Allancé) 


El buhito bu (Paul Friester)


Félix, el coleccionista de miedos (Fina Casalderrey) 


El pez arcoiris (Marcus Pfister) 


Siembra un beso (Amy Krouse)