17/06/26

LANZAMENTO DA REVISTA TEEN SIDE

E chegou o esperado momento. Por fin o alumnado de 2º da ESO pode ver o resultado do seu traballo. O mércores 17 de xuño procedeuse ao lanzamento de Teen Side, unha revista para a mocidade escrita en lingua galega, en formato papel. Xa é o terceiro número que se publica, e na entrega dos exemplares tamén estivo presente o alumno MGT de 4º da ESO, creador do primeiro número da revista no curso escolar 2023-2024. Este terceiro número da revista Teen Side foi iniciado o pasado curso acaémico na materia de Proxecto Competencial, e este ano, grazas ao apoio da profesora de galego Laura Pensado, incluimos tamén outros seccións e colaboracións, para que todo o alumnado de 2º da ESO tivera a posibilidade de participar na revista. 








11/06/26

TEEN SIDE XUÑO 2026

 Xa falta menos. A poucos días de rematar este curso 2025-2026 un novo exemplar da revista Teen Side sairá á luz. Para aqueles/as que teñades moita curiosidade e esteades expectantes, xa tedes o anticipo proxectado na pantalla que hai á entrada de biblioteca. O alumnado de 2º da ESO, xunto coas colaboracións dalgúns alumnos de 4º da ESO, comeza a elaborar esta revista xa o pasado curso académico 2024-2026, pero por falta de tempo quedou pendiente o proceso de maquetación. Xa por fin en xuño de 2026 a revista imprimirase en formato papel, resultando unha divertida e colorida revista para a mocidade, escrita en lingua galega. Poderedes atopar un montón de artigos, crónicas, divididas en variadas seccións, para poder encher o voso tempo de lecer nas vacacións. 

A realización dunha revista escolar dixital é unha ferramenta clave para traballar a Alfabetización Mediática e Informacional (AMI). A través deste proxecto, desenvolvido principalmente polo alumnado que cursou a materia de Proxecto Competencial, e co apoio do departamento de Lingua Galega, perimitiu abordar diferentes elementos: á investigación, a creatividade, o fomento da lingua escrita, a utilización de ferramentas dixitais, o traballo colaborativo, e o seu produto final servirá para promover a lectura entre a nosa comunidade educativa. 





25-26 TEEN SIDE by veracruces

03/06/26

Festival Letras Galegas e Maios 2026.

 O venres 22 de maio do 2026 alumnado e profesorado do CPI Virxe da Cela celebramos ao aire libre un colorido festival para conmemorar tanto as letras como a cultura galega. Contamos cun pregoeiro moi especial, Richi Casás, que exerceu de eslabón entre as Letras Galegas 2025 (adicadas ás cantareiras, entre elas a súa avoa e tía avoa , Rosa e Adolfina Casás) e as Letras Galegas 2026, adicadas a Begoña Caamaño. Realizamos lecturas en directo de diferentes textos en relación á autora homenaxeada, nun acto de lectura colectiva no que quixeron formar parte alumnado, profesorado e incluso algunhas nais que pertencen ao Club de Lectura de Adultos. Os textos seleccionados foron:


-Prólogo ao disco que Uxía Senlle fixo de Rosalía Pequeniña, escrito por Begoña Caamaño.

-Capítulos “A Mesa” e "A Mundanza", do libro O Transgredir das Ondas,  nos que Paula Carballeira, amiga de Begoña Caamaño,  nos achega dun xeito máis familiar á vida da homenaxeada.

- “Cuestionario Proust” a Begoña Caamaño. Este é o cuestionario que lle fixo o escritor, profesor e amigo Ramón Nicolás a Begoña Caamaño para o seu blog Caderno de Crítica e que aparece no libro Begoña ou o pracer de amizade, de Beatriz Maceda.

-"Catro mulleres, un ceo estrelado e un corvo mariño". tamén incluído no libro Begoña ou o pracer da amizade Beatriz Maceda.


Formación en radio para a ESO

02/06/26

Enquisas da biblioteca curso 25/26

Para o alumnado de EI, 1º, 2º, 3º e 4º de EP.  LIGAZÓN. 

Para o alumnado de 5º, 6º e da ESO. LIGAZÓN. 

Para as familias. LIGAZÓN. 

Para o profesorado. LIGAZÓN. 

29/05/26

Coser e contar. Marta Ortiz. ANPA.

 Grazas á ANPA por este convite a escoitar os contos de Marta Ortiz: pura delicadeza e libres de estereotipos. 

Coser e contar. Anpa. de bibliotecacpivirxedacela

27/05/26

Obradoiro de e.téxtiles

Dentro do programa de biblioteca creativa, tivemos a sorte de contar con Carmela de @makerstorebyallknow e realizar un obradoiro de e-téxtiles. Os e-téxtiles son tecidos que integran compoñentes dixitais e electrónicos como baterías ou leds directamente na tea. O alumnado da ESO uniu técnicas tradicionais con materiais condutores, permitindo que as creacións emitiran luz. Velaquí algúns momentos deste obradoiro.














16/05/26

Letras Galegas 2026: Begoña Caamaño.

Aquí tedes algunhas das actividades que se fixeron no centro sobre as Letras Galegas e Begoña Caamaño e os maios. 

Lendo a Begoña no Club de Lectura da ESO: Larpacontos. 


Exposición de carteis: 





30/04/26

XVIII Xornadas dos Clubs de Lectura

 


O xoves 29 de abril a coordinadora do Club de Lecturas Larpacontos ESO participou na reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de Clubs de Lectura, celebrado no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, .Nesta XVIII Xornada dos Clubs de Lectura reuniu arredor de 600 persoas, entre participantes, relatores e persoas asesoras de formación do profesorado. 

Iniciouse a xornada coa intervención (formato videoconferencia) de Manolo Rivas,  Premio dos Clubs de Lectura 2026,. Este galardón recae no autor galego máis lido nos clubs de lectura no curso 2024/2025.

Continuouse coa intervención do mediador e coordinador do Premio Mandarache Alberto Soler, e posteriormente  disfrutamos dunha conversa arredor doutros clubs de lectura en librarías e bibliotecas públicas e unha charla sobre clubs de lectura fácil. 

Xa en horario de tarde leváronse a cabo  sesións simultáneas coa experiencia de nove centros integrados no programa e a presentación da plataforma M8 por ler. O peche da xornada deu voz ás persoas que participan nos clubs de lectura. 




28/04/26

Entrevista as avoas do Centro de Día do Xestal

Durante o 1º trimestre o alumnado de 3º de EP leu o libro "Eu tamén fun pequena" de Concha Blanco e decidiron facerlles unha entrevista ás avoas do Centro de Día do Xestal para saber cousas sobre como era a vida de antes relacionadas coa costura, o tecido, a la, as lavandeiras... 

Aquí tedes o resultado! Moitas grazas ás usuarias e á súa terapeuta ocupacional Lidia que con tanto agarimo e amabilidade nos trataron. Seguimos "Tirando do fío".









13/04/26

Tecedeiras

 O arqueólogo Manuel Rodríguez Calviño pasou todo a mañá no noso centro aprendéndolles ao alumnado de 5º e 6º como era o proceso de fiado do liño e o traballo das tecedeiras. Tróuxonos unhas obras incribles destas mulleres así como exemplos de todo o traballo que había detrás delas. O alumando de 3º tamén se achegou a coñecer de primeira man todas estas reliquias que forman parte da nosa historia e son parte xa do noso patrimonio inmaterial. 

TECEDEIRAS de bibliotecacpivirxedacela

"Cita a cegas" cun libro.

 Vén a biblio, colle un número, busca o libro que ten asignado, ábreo e... sorpresa! Xa tes un título novo que descubrir e levar en préstamo para a casa. 



Mércores 22 de abril. Celebramos do Día do Libro e da Familia!

Este ano celebramos o Día do Libro e da Familia xuntos. Primeiro, de 15:30h a 16:30 h faremos lecturas compartidas co alumnado de Educación Infantil, Educación Primaria e a ESO (voluntarios/as). Cada familia unirase ao seu grupo e sairemos ao patio ler xuntos os libros que previamente escollan os nenos e nenas cos seus titores/as (non tedes que traelos da casa). A continuación, a partir das 16.30 h haberá un concerto didáctico da man de Lydia Botana (Bolboreta) do libro disco en galego "De aquí para alá" que durará uns cincuenta minutos.


Se non chove,  as familias iredes pasando a partir das 15.30h e esperaredes a que os nenos/as veñan cos seus mestres/as nos lugares asignados: 
  • O alumnado de EI lerá no patio de EI.
  • O alumnado de 1º e 2º lerá na zona do "estanque".  
  • Alumnado de 3º e 4º lerá na zona de baixada paralela ao patio de EI. 
  • O alumnado de 5º e 6º lerá na zona das árbores. 

O concerto de Lydia será fóra e non haberá aforo limitado pero si é necesario anotarse para levar un control dos que imos ser e por se chovera no correo: 
bibliotecacpivirxedacela@gmail.com 

Se chove, as familias iredes indo para os lugares correspondentes de lectura dentro do cole: 
  • O alumnado de EI lerá nas súas propias aulas. 
  • O alumnado de 1º, 2º e 4º lerá no patio cuberto. 
  • O alumnado de 3º no primeiro andar. 
  • O alumnado de 5º e 6º no segundo andar. 
Realizaremos o concerto de Lydia Botana na biblioteca con aforo limitado a 20 familias cos seus fillos/as. Terán a praza os primeiros 20 que se anoten no correo. 

Animádevos a participar! 
Día do Libro e da Familia 2026 de bibliotecacpivirxedacela

18/03/26

EXPOSICIÓN SOBRE A INDIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR

 

O noso centro leva anos traballando no proxecto School to School, da Fundación Vicente Ferrer, que consiste nun intercambio cultural e de tradicións cunha escola da India (Konampalli School). Este curso o alumnado de 4º , 5º e 6º EP e tamén o de 1º , 2º , 3º e 4º da ESO estiveron elaborando materiais para este intercambio, abordando o tema dos “Deportes e Xogos” . 

Grazas á participación neste proxecto, o  mércores 18 de marzo de 2026 o noso centro contou coa visita de Shoma Subaya, unha muller procedente de Anantapur (India), que actuará como embaixadora da Fundación Vicente Ferrer. Co apoio da fundación, Shoma puido estudar Económicas e Ciencia Política, aprender español e desenvolver unha visión internacional a través do contacto con persoas de España e doutros países que visitaban o proxecto. A súa historia é un testemuño inspirador sobre educación, liderado con valores, igualdade de oportunidades e o impacto que pode ter o compromiso social na transformación de comunidades enteiras. 


Aproveitando a visita de Shoma Subaya temos á disposición do profesorado e o alumnado diferentes materiais que poden axudar a afondar na cultura da India e países da zona, así como nos proxectos que a Fundación Vicente Ferrer está a desenvolver no sur da India (Anantapur). 

1. - EXPOSICIÓN NA BIBLIOTECA ESCOLAR sobre a cultura da India e países cercanos. 

2. - EXPOSICIÓN MATERIAIS DO INTERCAMBIO CULTURAL COA KONAMPALLI SCHOOL. Ao lado da aula de UUMM estatán expostos dossieres e traballos enviados polos nenos e nenas da Konampalli School en anos anteriores. No televisor que hai ao lado da biblioteca facilitarase o visionado de materiais en formato audiovisual.




09/03/26

Desa-fíos

O alumnado de 3º de EP acudirá esta fin de semana á Feira Matemática de Agapema co seu traballo sobre pensamento computacional e costura chamado: Desa-fíos. Aquí tedes a xutificación teórica das actividades que levan, o programa da feira e onde imos estar localizados por se queredes pasarvos por alí a facernos unha visita.




 





08/03/26

Alguén tivo que tirar do fío...

Esta actividade levarémola a cabo o martes 10 de marzo co alumnado de 5º e 6º de EP. Nela reflexionaremos sobre os cánons de beleza feminina, as esixencias sociais e as pioneiras que nos abriron camiño nun mundo onde o corpo da muller é un obxecto máis.
Alguén tivo que tirar do fío... 8M de bibliotecacpivirxedacela

05/03/26

8M

 




8M: TECENDO IGUALDADE CON "FÍOS" DE MULLERES VALENTES

Para conmemorar 8 de marzo, no noso cole, decidimos que as palabras non eran abondo e puxémonos mans á obra para visibilizar a aquelas mulleres que, ao longo da historia, axudaron a construír o mundo que hoxe coñecemos.

Baixo o marco do noso PDI "Tirando do fío", o alumnado converteuse en investigador para dar vida a un mural colectivo que enche de cor e sabedoría os nosos corredores.

🧵 Un proxecto con fío propio

A actividade consistiu en que cada grupo-clase elixise unha muller ou un colectivo de mulleres cuxo legado fose transformador. Para que o mural tivese unha estética compartida, todos traballamos sobre unha ficha-modelo onde recollemos o máis esencial:

  • O Nome: Identificando a protagonistas de tódalas épocas e ámbitos.
  • O seu "fío" principal: Ese gran logro ou achega á sociedade que define a súa traxectoria.
  • A súa historia: Un breve percorrido pola súa vida, loitas e legado.
  • A súa imaxe: Retratos e ilustracións que poñen cara a estas referentes.

📚 Unha biblioteca para seguir descubrindo

Pero a homenaxe non quedou só nas paredes. Para acompañar o mural, organizamos unha exposición de libros vinculados co Día Internacional da Muller. Desde biografías de mulleres pioneiras ata contos que rompen estereotipos, esta selección está á disposición de todo o alumnado para seguir "tirando do fío" da lectura e da igualdade.

"A educación é o camiño para que as nenas de hoxe sexan as mulleres libres de mañá."


Grazas a todos os alumnos e alumnas polo voso esforzo na investigación e por axudarnos a tecer esta rede de referentes femininas!