24/05/25

Deseñamos chalecos identificativos para o alumnado voluntario da Biblioteca

Sumando Polo Creativo, Biblio Creativa e a área de proxecto competencial o alumnado do 5º curso da Ed. Primaria realizou todo o proceso de confección destes fermosos chalecos: fixeron os patróns, cortaron, coseron, deseñaron e pintaron...  

Foi unha labor de deseño e creación digna de persoas expertas na costura para elaborar os novos chalecos que lucirán o alumnado colaborador da biblio. 


Imaxes autoeditadas do proceso creativo.

Pero nesta tarefa tiveron unha gran axuda: unha das nosas nais que se achegou á clase no proceso de elaboración: moitísimas grazas Gloria!!!

Tamén, para cortar contamos coa presencia de alumnado da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo (USC). 

O traballo se é compartido é moito máis sinxelo!!! 








          Imaxes das creacións e do carrito elaborado para as mesmas.

Vídeo resumo do obradoiro en familia sobre ciencia e lectura.

 Aquí tedes o vídeo - resumo do que aconteceu o mércores 21 pola tarde no obradoiro de ciencia e lectura: as caras dino todo! Moitas grazas a Arenaria por prepararnos unha tarde tan entretida e, moitas grazas tamén ás familias que vos achegástedes cos vosos nenos e nenas. Que ben o pasamos!

Última sesión do club de lectura de EP: Mundo de Letras.

Nesta última sesión puxemos en común o que nos gustou e podiamos mellorar do club, outros títulos que teñamos en mente para ler o curso que ven e repartimos os chaveiros feitos na gravadora láser. Ata o ano letores/as! 






22/05/25

 



Asistimos ás XVII Xornadas de Clubs de Lectura  (mércores 21 de maio 2025, Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela), unha reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Entregouse así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2025, que desta vez recaeu na escritora Paula Carballeira por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2023/2024. A xornada comezou cunha conversa coa autora premiada e dúas profesoras integrantes dun club de lectura, e de seguido coa intervención do mediador, investigador, escritor e especialista en LIX Freddy Gonçalves; a profesora, investigadora e formadora Gualdalupe Jover; disfrutamos tras o xantar dunha conversa arredor das redes que tecemos con librarías e bibliotecas públicas e de  sesións simultáneas coa experiencia de dez centros integrados no programa. O peche da xornada deu voz ao alumnado que forma parte dos clubs de lectura nunha conversa moderada por Freddy Gonçalves.

13/05/25

Letras Galegas 2025

 O alumnado e profesorado está a celebrar esta semana o Día das Letras Galegas cunha programación especial dedicada ás Pandereteiras de Mens, protagonistas desta edición 2025.

Este grupo de mulleres, naturais da parroquia de Mens, no concello de Malpica, foi recoñecido pola súa importante contribución á preservación e difusión da tradición oral galega, especialmente a través dos cantos populares e do uso da pandeireta. Co seu exemplo, as Pandereteiras de Mens lembran a importancia da cultura popular e da transmisión xeracional das músicas e cantigas que forman parte do patrimonio galego.

Durante toda a semana, o equipo docente, xunto co responsable da biblioteca escolar, organizou distintas actividades para o alumnado.

O Día das Letras Galegas é unha oportunidade única para poñer en valor a nosa lingua e a nosa identidade como galegos e galegas. Celebrar a tradición oral e a música das nosas devanceiras é tamén unha forma de dicir que o galego está vivo e ten futuro.

Dende o centro animamos tamén ás familias a participar nesta celebración na casa, recuperando cancións tradicionais, falando en galego e compartindo historias e lembranzas da súa infancia. 



08/05/25

Escolma de libros Letras Galegas 2025

 

Bibliografía Letras Galegas de bibliotecacpivirxedacela

Materiais para as Letras Galegas

Estamos organizando todo para que nos queden unhas Letras Galegas cheas de pandeiretas e foliadas así que aquí vos deixamos a cantiga final do acto conmemorativo do venres 16 de maio e a letra da mesma por se queredes practicar.  Que siga a festa!



LETRA

Miña naiciña, miña nai é beiladora

Non hai outra no lughar-e,

 tamén era a miña avoa, coñecida no beilar-e.

 

Miña nai do corazón-e

Aprendeume a punteada

Despois de pedirlle un ano, para ir á foliada

Ai lalela, ai lalela, ai lalela lela lela

 

Miña naiciña, meu corazón

Vente comigo a bailar ao salón

Ao salón si, ao salón non

Miña naiciña do meu corazón

 

Miña nai tirou un punto,

 na foliada do patrón-e

Inda hoxe andan os guapos

A buscarlle explicación-e

Ai lalela, ai lalela, ai lalela lela lela

 

Miña naiciña, meu corazón

Vente comigo a bailar ao salón

Ao salón si, ao salón non

Miña naiciña do meu corazón

 

Miña naiciña, meu corazón

Vente comigo a bailar ao salón

Ao salón si, ao salón non

Miña naiciña do meu corazón

 

 

Miña naiciña, meu corazón

Vente comigo a bailar ao salón

Ao salón si, ao salón non

Miña naiciña do meu corazón

 

Miña nai, miña naiciña...