Os nosos colaboradores e colaboradoras traballan a reo na biblioteca: colocan libros, dan préstamos, len contos, fan obradoiros, elaboran carteis, engalan a biblio, amañan libros... Hainas que ata están cosendo os chalecos que imos ter para identificarnos! Que sorte temos con este alumnado tan motivado!
18/12/24
17/12/24
Naceu o novo club de lectura para 5º e 6º de EP: Mundo de letras!
Hoxe tivemos a primeira reunión do novo club de lectura do noso centro para EP. Somos 20 alumnos/as de 5º e 6º de EP divididos en dous grupos de 10 que nos reuniremos os martes unha vez ao mes no recreo do comedor. Para comezar estivemos falando do que era un club de lectura e que actividades podería haber, despois puxémoslle nome: mundo de letras. Esta decisión foinos difícil de tomar porque a outra opción: unha nova dimensión, so perdeu por un voto!
Nesta sesión tamén entregamos as nosas lecturas que este curso se van a basear no teatro xa que é o tema das Bibliotecas Escolares: a escea!
- As terapias da doutora Ledicia de Raquel Castro. Editorial Galaxia.
- Wombo Combo de Paula Carballeira editado en Xerais (prestados polo club de lectura "Faragullas de papel" do CEIP Vicente Otero Valcárcel de Carral).
Para rematar, fixemos as nosas chapas identificativas, a verdade foi que nos marchou o tempo sen darnos conta!
15/12/24
Radio na biblio co alumnado de 2º de EP
O alumnado de 2º e EP, coa colaboración das familias que axudaron a recoller as adiviñas; Álvaro, o mestre de práctcas; Verónica profe de música da ESO e o alumnado de 2º da ESO, gravaron estes programas de radio. Afinade os oídos e a ver se sodes quen de dar coas solucións!
12/12/24
OBRADOIROS DE FLOCOS DE NEVE PARA EP
O noso alumnado de 5º e 6º de EP ofreceuse a colaborar para levar a cabo uns obradoiros de flocos de neve con papiroflexia nos recreos da semana que vén baseándose no libro "Un copo de nieve en el bolsillo". Ademais fixeron este cartel para publicitalo así que xa sabedes, animádevos a participar!
11/12/24
OBRADOIRO DE ADORNOS DE NADAL (ESO)
Achégase o Nadal e desde a biblioteca organizamos un obradoiro de adornos co obxectivo de desenvolver a creatividade do noso alumnado, crear espazos inclusivos e ofrecer alternativas ao tempo de lecer. Asemade, facemos visíbeis os fondos da biblioteca para a consulta de toda a comunidade educativa.
02/12/24
BECHOPOEMAS
O alumnado de 5º de EI, os "Exploradores de Monfero" utilizaron o libro "Bechopoemas e outras bestas" de Leire Bilbao. Leron o poema "Ollos de peixe" e traballaron a partir del a conciencia fonolóxica facendo un achegamento á escritura procurando palabras que comezan co son /s/. Pasárono moi ben e proximamente poderedes ver as súas escenografías artísticas tamén inspiradas nesta obra: estamos impacientes!
ACOMPAÑAMENTOS LECTORES 5º EI E 5º EP
Canto nos gustan estas imaxes que nos pasan dos acompañamentos lectores... Neste caso acompañan na lectura aos nenos de 5º de EI os maiores de 5º de EP.
27/11/24
CONTACONTOS NA BIBLIOTECA CASTELAO: UN ESPAZO PERFECTO PARA MERGULLARSE NO MUNDO DOS CONTOS
Hoxe queremos compartir con vós unha
marabillosa actividade que levamos a cabo os alumnos de 3º de ESO para
conmemorar o Día dos Dereitos da Infancia. Foi un día cheo de aprendizaxe,
diversión e, sobre todo, moita creatividade.
A cita tivo lugar na biblioteca, un espazo
perfecto para mergullarse no mundo dos contos. Preparámonos con entusiasmo para contar unha historia que resaltaba a importancia dos
dereitos dos nenos e as nenas. Os pequenos de primaria mostráronse moi atentos e gozaron
cada momento, escoitando con curiosidade e asombro. Ver as súas caras
iluminadas foi realmente gratificante!
Para facer a experiencia aínda máis
interactiva, ao finalizar a narración, organizamos un divertido xogo de
pasapalabra relacionado co conto. Os nenos e nenas participaron con moito entusiasmo,
rindo e aprendendo ao mesmo tempo. Foi unha excelente maneira de reforzar o que
escoitaran e de fomentar o traballo en equipo.
Como broche de ouro, cada pequeno de primaria
recibiu un bonito marcapáxinas, deseñado e elaborado polo alumnado de ESO. Este xesto non só foi un recordo tanxible da actividade, senón tamén un
símbolo do compromiso coa promoción dos dereitos dos nenos
e as nenas.
En resumo, foi unha xornada inesquecible que
non só fomentou a lectura e a creatividade, senón que tamén fortaleceu os lazos
entre os diferentes niveis educativos da nosa escola. Esperamos repetir esta
experiencia no futuro!
Ata a próxima!
23/11/24
25 NOVEMBRO DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER
O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller e na biblioteca realizamos algunhas actividades coas que fomentamos a educación en igualdade. Traballamos coas nosas alumnas e cos nosos alumnos desde o respecto e a empatía elaborando acrósticos ou escollendo palabras (substantivos e adxectivos) en positivo que escribimos nas xanelas para darlles visibilidade, tanto dentro do centro coma fóra (metaforicamente a través do cristal)
Ademais expoñemos as nosas propostas de lectura e consulta relacionadas coa temática e ofrecemos os nosos fondos bibliográficos adaptados aos distintos niveis e etapas. Quedan á vosa disposición!!!
CONTACONTOS EN INGLÉS
O alumnado de 2º de EP tivo a sorte de asistir a un contacontos en inglés na biblio, velaquí unhas imaxes do ben que o pasaron tanto durante o contacontos como despois, coas actividades de animación e coa elaboracón duns orixinais monicreques.
22/11/24
Biblioteca solidaria:
Segundo obradoiro desta proposta da Asociación EuroEume que en colaboración coa oficina para a igualdade de xénero da UDC contamos coa presenza de ........que adica a súa vida profesional a investigar sobre distintas temáticas vencelladas á soberanía alimentaria, a custodia do territorio ou os coidados e comunidade.
Imaxes da conversa con:................
18/11/24
Biblioteca Solidaria: Enraizadas
Enraizadas nace coa necesidade de visibilizar e poñer en valor as estratexias de sostemento da vida que se levan a cabo no rural e, máis concretamente, o papel das mulleres neste proceso. Este proxecto educativo de educación social na escola da man da Asociación EuroEume, busca contribuír á visibilización e o recoñecemento das mulleres na sociedade, incidindo nun cambio de mentalidade no que os traballos reproductivos e as persoas que os sustentan se convertan en referentes. Buscando asi mesmo, espallar os valores e reflexións do ecofeminismo, contribuíndo ao desenvolvemento rural, reflexionando sobre a soberanía alimentaria, a custodia do territorio e os coidados e comunidade. Nesta nova edición de 2024, a temática son os coidados e comunidade, onde de maneira transversal, traballaremos valores como a igualdade, a creatividade e a sustentabilidade. Nesta primeira sesión o alumnado de 5º curso traballamos sobre as nosas referentes e outras cunha perspectiva máis global para identificar a conversa que queremos desenvolver nos seguintes obradoiros da actividade. Imaxes das dinámicas da actividade. |
15/11/24
OBRADOIROS DE ACCESIBILIDADE NA BIBLIOTECA ESCOLAR
Beatriz Riaño, terapeuta ocupacional, visitou o noso centro o venres 15 de novembro de 2024 para impartir obradoiros sobre accesibilidade. Foron realizados en tres quendas, ao longo do día: dúas quendas para 1º ciclo de EP e 2º ciclo de EP no horario de mañá, e xa pola tarde a quenda do alumnado de educación infantil.
Esta actividade realízase grazas ao convenio de colaboración con Euroeume que se vén realizando no noso centro desde fai varios anos. A proposta de EuroEume é crear un espazo lúdico de expresión e reflexión sobre a Educación Inclusiva, co fin de sensibilizar aos alumnado da importancia e os beneficios de que todos os nenos e as nenas aprendan xuntos, independentemente das súas condicións persoais, sociais ou culturais.
Partimos da necesidade de ofrecer un centros educativo comprensible, capaz de proporcionar contornas e espazos onde as persoas os comprendan dunha maneira fácil, segura e autónoma o que facilitará que toda a comunidade coñeza e comprendan os múltiples elementos cos que conta o centro desde un punto de vista accesible.
13/11/24
UNHA NOVA DIMENSIÓN
Para a xornada formativa do programa Observa- Acción (Job-Shadowing) na que nos visitaron tres docentes das localidades belgas de Maldegem (Flandes Oriental) na biblioteca preparamos un obradoiro matemático que mesturou a poesía do libro de Anxo Iglesias "Unha nova dimensión" coa xeometría. A partir de poemas deste libro organizamos estacións de aprendizaxe como as cinco dimensións que nomea. O alumnado de 5º de EP dividido en grupos de tres alumnos/as pasou polas cinco estacións realizando pasatempos numéricos, búsquedas no plano con coordenadas cartesianas, Tangram, esculturas de papel e caligramas a partir dos poemas do propio libro.
11/11/24
ACOMPAÑAMENTOS LECTORES DE 2º DA ESO E 2º DE EP
O alumnado de 2º de EP e o de 2º da ESO fixeron unha sesión de acompañamento lector. Velaquí as imaxes!